Padaung

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Muller padaung do norte de Tailandia.

As padaung (mulleres de pescozo de xirafa) forman parte do grupo étnico ou tribo Kayan ou Karenni, unha das minorías étnicas tibeto-birmanas de Birmania que se compón aproximadamente de 7.000 membros que viven no estado Shan.

Historia[editar | editar a fonte]

Durante a década de 1990 debido ao conflito co réxime militar de Birmania moitos membros da tribo fuxiron a Tailandia. Padecendo os conflitos ao ser unha zona fronteiriza estes pobos estaban dispostos a sobrevivir coas esmolas que recibían dos turistas que pagaban por observar a aquelas mulleres da tribo que mantiñan a tradición tribal de levar un enfeite de latón en espiral arrodeándolles o pescozo e separando as vértebras cervicais dende a idade de 5 anos, engadíndolles co paso dos anos un elemento de maior lonxitude.

Segundo estudos antropolóxicos intúese que o abelorio serve para evitar mordedelas de tigres; Non obstante, a teoría máis probábel fala dun costume cultural co adobío como indicador de beleza.

O goberno birmano tratou de facer desaparecer o costume intentando mudar a imaxe de país pouco desenvolvido, de aí que moitas mulleres rachasen coa tradición; porén, vendo que os turistas nos últimos anos van buscando as famosas mulleres de pescozo de xirafa e que é un negocio rendíbel a tradición non chegou a perderse.