Pacto de Teodomiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cidades integrantes do pacto de Teodomiro, ano 713.

O Pacto de Teodomiro (tamén coñecido como Pacto de Tudmir ou Tratado de Orihuela) foi un tratado dhimmi rubricado no ano 713 entre ‘Abd al-‘Aziz (fillo de Musa ibn Nusayr, gobernador do norte de África) e o duque cristián visigodo Teodomiro, Tudmir en árabe (príncipe e gobernador da provincia de Aurariola con capital na actual Orihuela) a inicios do século VIII.[1] Foi subscrito no ano 713, dous anos despois do inicio da conquista musulmá da Península Ibérica.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

O control islámico propagouse en grande medida baixo o califato dos Omeias. Así, o califato ocupou todo o oeste de África en Magrib onde vivían os bérberes. Estes pobos convertéronse rapidamente ao Islam e uníronse ás súas filas militares. Coas súas armas e destreza superiores, os califas foron capaces de estender o seu control pola Península Ibérica.[2][3]

O primeiro conquistador islámico destacado en entrar a España foi o comandante bérber Táriq ibn Ziyad. Musa ibn Nusayr era o gobernador de África do Norte baixo o califato dese período e foi el quen ordenou a Táriq iniciar o primeiro ataque cara a España vía o Estreito de Xibraltar en 711.[4] Unha vez en Xibraltar, Táriq tomou tempo en asegurar unha base de operacións para as súas forzas e fortificala cun muro, entre outras defensas. Tan pronto como isto estivo feito, Táriq enviou unha forza invasora á cidade de Carteya (ou Cartaja) e ao distrito de Alxeciras e ambas foron prontamente sometidas. En pouco máis de dous meses, Táriq forxara o seu avance con firmeza a través do sur de España e empezou a súa conquista do centro onde venceu ao rei visigodo Rodrigo na Batalla de Guadalete. Nela, Táriq venceu ao exército de Rodrigo contra toda probabilidade.[5] De aí, Táriq trasladouse ás cidades de Écija e de Córdoba, ignorando ordes que recibira previamente de Musa para regresar a África ou permanecer estacionado até a chegada do gobernador a España.[6] Tras atacar e vencer a estas cidades, Táriq trasladouse con relativa facilidade até Guadalajara. Logo, tomou rapidamente o control de Toledo e os seus territorios circundantes antes de que a falta de reforzos de Musa provocaran o seu retroceso, co cal se retirou a Toledo e permaneceu alí até que o propio Musa foi encontrarse con el con desprezo e envexa, demandando o botín da conquista.[7]

Pouco despois de que Musa chegara a Toledo, o califa Walid I ordenoulle a el e a Táriq presentarse na corte real en Damasco para falar sobre a súa campaña en España. Á saída de Musa cara a Damasco, abdicou a súa autoridade das rexións conquistadas sobre o seu fillo ‘Abd al-‘Aziz, quen continuou o traballo de seu pai e de Táriq. Foi ‘Abd al-‘Aziz quen finalmente levou as súas terras conquistadas até a provincia de Aurariola onde asinou o tratado co duque visigodo, Teodomiro. Foi un tratado que se fixo coñecido como Pacto de Tudmir e a provincia visigoda de Aurariola desde entón foi denominada Tudmir continuando a capital en Orihuela como na época visigoda tras a desmembración do Imperio romano.[8]

Texto del pacto[editar | editar a fonte]

No Nome de Deus, o Clemente, o Misericordioso. Edicto de ‘Abd al-‘Aziz ibn Musa ibn Nusair a Tudmir ibn Abdush [Teodomiro, fillo dos godos]. Este último obtén a paz e recibe a promesa, baixo a garantía de Deus e o seu profeta, de que a súa situación e a do seu pobo non se alterará; de que os seus súbditos non serán mortos, nin feitos prisioneiros, nin separados das súas mulleres e fillos; de que non se lles impedirá a práctica da súa relixión, e de que as súas igrexas non serán queimadas nin desposuídas dos obxectos de culto que hai nelas; todo isto mentres satisfaga as obrigacións que lle impoñemos. Concédeselle a paz coa entrega das seguintes cidades: Uryula [Orihuela], Baltana, Laqant [Alacant], Mula, Villena, Lurqa [Lorca] e Ello. Ademais, non debe dar asilo a ninguén que fuxa de nós ou sexa o noso inimigo; nin producir dano a ninguén que goce da nosa amnistía; nin ocultar ningunha información sobre os nosos inimigos que poida chegar ao seu coñecemento. El e os seus súbditos pagarán un tributo anual, cada persoa, dun dinar en metálico, catro medidas de trigo, cebada, zume de uva e vinagre, dous de mel e dous de aceite de oliva; para os servos, só unha medida. Dado no mes de Rayab, ano 94 da Héxira [713]. Como testemuñas, ‘Uthman ibn Abi ‘Abda, Habib ibn Abi ‘Ubaida, Idrís ibn Maisara e Abu l-Qasim al-Mazali.

Significado do Tratado[editar | editar a fonte]

Este acordo entraña unha significación especial con respecto ao comportamento diplomático dos musulmáns e o seu tratamento dos inimigos e pobos conquistados. Suxire que os musulmáns tiveron éxito nunha toma de poder pacífica do sur de España, especificamente de Ūriūla (Orihuela), Laqant (Alacant), Lūrqa (Lorca), Mūla (Mula), Ilŝ (Elx), Iyyih (Eio), Bqsra (Begastri, en Cehegín) e Blntla e Bilāna (Villena ou Valencia).[9][10][11] O acordo estableceu que os visigodos podían manter o control e continuar practicando a súa fe cristiá, pero só se pagaban os impostos e non colaboraban cos inimigos dos musulmáns.[12]

Se ben o Pacto de Teodomiro en si mesmo podería parecer non ter sido particularmente notable no seu propio contexto e a pesar do feito de que a literatura que trata especificamente o Tratado é un tanto rara, debe ser considerado importante en retrospectiva debido ás súas implicacións culturais, relixiosas e sociolóxicas.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gerald Elmore. “Poised Expectancy: Ibn al-‘Arabi’s Roots in Sharq al-Andalus.” Studia Islamica. No. 90 (2000): 54.
  2. Marshall G.S. Hodgson, “Book One: The Islamic Infusion: Genesis of a New Social Order.” The Venture of Islam: The Classical Age of Islam. Vol 1. University of Chicago: 1974. p. 226
  3. R. Dykes Shaw. “The Fall of the Visigoth Power in Spain.” The English Historical Review. Vol 21, No 82. April 1906. p. 220
  4. H. T. Norris. “The Early Islamic Settlement of Gibraltar.” The Journal of the Royal Anthropological Institute of Britain and Ireland 91, no. 1 (1961): 39.
  5. Laura Veccia Vaglieri. “The Patriarchal and Umayyad Caliphates.” en: P. M. Holt et al (eds.), The Cambridge History of Islam. Vol. 1, 87 (Londres: Cambridge University Press, 1970). ISBN 0-521-29136-4
  6. Ambroxio Huici Miranda. “The Iberian Peninsula and Sicily.” en: P. M. Holt et al (eds.), The Cambridge History of Islam. Vol. 2, 406 (Londres: Cambridge University Press, 1970). ISBN 0-521-29136-4
  7. Miranda, 407.
  8. Vaglieri, 87.
  9. Soler García, José María (2006) (pdf). Historia de Villena: desde la Prehistoria hasta el siglo XVIII. Dixitalizado pola Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. Fundación Municipal José María Soler. http://descargas.cervantesvirtual.com/servlet/SirveObras/soler/01394953155915639191802/023057_042.pdf. Consultado o 28 de marzo de 2012. 
  10. Hinojasa Montalbo, José (2002). Diccionario de historia medieval del Reino de Valencia. I (1ª ed.). Conselleria de Cultura, Educació i Ciència. Direcció General del Llibre, Arxius i Biblioteques. ISBN 84-482-2957-6. 
  11. Domene Verdú, José Fernando (1986). "El nombre de Villena". Revista Villena (Concello de Villena) (36). 
  12. "The Treaty of Tudmir". En: Rosenwein, Barbara H. (ed.), Reading the Middle Ages: Sources from Europe, Byzantium, and the Islamic World. Peterborough, Ont.: Broadview, 2006. p. 92. ISBN 1-55111-693-6

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]