Partido Socialista Galego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "PSG")
Partido Socialista Galego (PSG)
Partido político de Galiza
Dirixentes e organización
Líder Francisco Fernández del Riego
Xosé Manuel Beiras Torrado
Historia
Fundación 23 de agosto de 1963
Disolución 19841
Posicións políticas
Ideoloxía Socialismo
Federalismo
Nacionalismo galego
1 Unión con Esquerda Galega para fundar PSG-EG

O Partido Socialista Galego ou PSG foi un partido galego nacionalista de esquerdas fundado na clandestinidade en 1963 e fusionado con Esquerda Galega en 1984.

Fundación[editar | editar a fonte]

O 23 de agosto de 1963 Mario Orjales Pita, Salvador Rei Rodríguez, Salvador García Bodaño, Xosé Luís Rodríguez Pardo, Cesáreo Saco López, Manuel Caamaño Suárez e Ramón Piñeiro fundaron o PSG nunha xuntanza clandestina no despacho de Sebastián Martínez Risco.

Baixo o lema de federalismo, socialismo e democracia o novo partido atraeu a antigos membros do Partido Galeguista como Francisco Fernández del Riego, que foi elixido presidente do partido, Amando Losada, Domingo Pombo e a mozos influídos polo piñeirismo como Xosé Manuel Beiras Torrado, Valentín Arias e Ramón Lugrís. Con todo nos primeiros anos o PSG foi basicamente un partido de cadros, ratificado no documento político de 1966, Os Nosos Principios, con escasa base militante, pero con boas relacións con outras forzas socialistas de Cataluña, Comunidade Valenciana e o País Vasco e cun pequeno núcleo de activistas na Universidade de Santiago de Compostela[1]

Historia[editar | editar a fonte]

Durante a primeira época un dos principais obxectivos do PSG foi establecer relacións con outros partidos socialistas europeos[2], acudiron a xuntanzas en Italia e Francia con outros partidos e estableceron unha relación estreita co Moviment Socialista de Catalunya e grazas á súa colaboración en 1965 comezou a editar en Perpiñán o seu voceiro Adiante, e dende 1969 editouse en Galicia co nome de Galicia Socialista. Pero nos últimos anos da década o PSG deixou de ter actividade pública.[3]

Para activar o partido en 1970 conformouse unha dirección colexiada que lle deu unha diferente análise estratéxica e ideolóxica cun maior énfase no carácter nacionalista do PSG, en 1972 o PSG elixiu como secretario xeral a Xosé Manuel Beiras, e asumiu como súa a teoría do colonialismo interior. En 1974 o PSG participou na Conferencia Socialista Ibérica co PSOE, Moviment Socialista de Catalunya, Partit Socialista del País Valencià e a Unión Sindical Obreira, que en 1976, xa sen o PSOE, se transformou na Federación de Partidos Socialistas.

En 1975 integrouse no seo do PSG o Movemento Socialista de Galicia de Álvarez Gándara e González Amadiós. Os malos resultados das eleccións xerais de 1977 e as presións do PSOE esfarelaron a FPS e o PSG entrou en crise, Beiras saíu da dirección, entrou unha dirección colexiada con Valentín Arias como coordinador, e os partidarios de se achegar ao PSOE plasmado no manifesto coñecido como Documento dos 19 formaron o 2 de abril de 1978 o Colectivo Socialista-PSG, liderado por Rodríguez Pardo, Ceferino Díaz e Fernando González Laxe, que agrupaba arredor de 100 militantes. A dirección do PSG optou por expulsar ao colectivo, que acabou integrándose no PSOE.

O PSG participou na constitución de Unidade Galega para se presentar ás eleccións xerais e municipais de 1979, pero a diferenza do resto de partidos integrantes de UG negouse a entrar na Comisión dos 16, que tiña que elaborar o proxecto de Estatuto de Autonomía de Galicia de 1981.

No II Congreso de xuño de 1980 desbotouse a posibilidade de confluír co Partido Obreiro Galego, pero apoiouse a creación da Mesa de Forzas Políticas Galegas co BNPG, co programa das Bases constitucionais de 1976. Esta decisión de se achegar ao BNPG levou a un forte descontento no seo do PSG que provocou a saída dun grupo de militantes, arredor de 50 entre eles os históricos Valentín Arias e Mario Orxales[4].

Para as eleccións autonómicas de 1981 acudiu en coalición electoral co BNPG; dos tres deputados elixidos, Claudio López Garrido era militante do PSG. Cando se formou o BNG, o PSG integrouse nel, pero no congreso extraordinario do 15 de xaneiro de 1983 decidiu abandonalo, o que provocou a escisión do PSG. Unha parte ingresou no BNG como Colectivo Socialista tras a decisión do PSG de concorrer en solitario ás eleccións municipais de 1983 e o resto, liderado unha secretaria colexiada na que estaban Domingos Merino, Claudio López Garrido, Lois Mazás ou Xosé Paz fusionouse con Esquerda Galega en 1984 formando o PSG-EG.

Militantes[editar | editar a fonte]

O PSG foi un partido de cadros e cunha forte impronta culturalista[5], ata 1975 non pasou de 100 afiliados, e chegou ata os 650 afiliados arredor de 1980.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Fermí Rubiralta, De Castelao a Mao, 1998, páx. 92-94
  2. Miguel Anxo Fernández Baz, A formación do nacionalismo galego contemporáneo (1963-1984), Santiago de Compostela, 2003, páx. 41
  3. Francisco Pillado e Miguel Anxo Fernán-Vello, Conversas con Xosé Manuel Beiras, Santiago de Compostela, 1989, páx. 171
  4. Manuel Rivas, Crise en Unidade Galega, rebumbio na esquerda, Man Común 1, 1980
  5. Bernardo Máiz, Galicia na II República e baixo o franquismo, Vigo, 1988, páx. 136