Pícaros roubados polo franquismo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Igrexa Católica encargouse da formación das novas xeracións do réxime. Así mesmo, esta institución segue a día de hoxe negándose a facilitar o acceso á documentación dos nenos roubados polas autoridades franquistas.

Os nenos do franquismo ou pícaros roubados polo Franquismo é o nome polo que se coñece a mocidade vítima dunha pasaxe dramática da historia recente do Estado español que abrangue de 1937 a 1950[1], na primeira etapa da ditadura franquista, tempo no que máis de 30.000[2] menores foron secuestrados e apartados das súas familias a fin de seren entregados a persoas afectas ao réxime así coma a centros do Auxilio Social, hospicios, conventos ou seminarios[3], onde eran reeducados conforme aos ideais do denominado Movemento Nacional, amais de nalgún casos seren empregados a modo de escravos para a labranza de terras[4].

Historia[editar | editar a fonte]

Na ditadura[editar | editar a fonte]

Proclama e exaltación franquista.

O propio xeneral Francisco Franco ditou dúas leis outorgando a patria potestade dos nenos roubados ao Estado, autorizando asemade os cambios de nome e capacitando as autoridades para decidiren o vindeiro destino dos menores. Estas leis valéronse das teorías filonazis do militar e psiquiatra Antonio Vallejo Nájera, xefe dos Servizos Psiquiátricos Militares do réxime[5], quen cualificou o marxismo de "enfermidade mental e contaxiosa" e deixou plasmadas en diversos cadernos e notas as súas afirmacións rotundas verbo da necesidade de "extirpar o xene marxista", recomendando categoricamente o traslado dos nenos a hospicios para "a eliminación dos factores ambientais que conducen á dexeneración". Co gallo disto, aproveitou para aplicar descargas eléctricas aos presos, amais de outros moitos experimentos de inspiración fascista[6].

Amais dos neonatos arrebatados ás súas nais e dos nenos que finalizada a guerra quedaron orfos, moitos outros foron rapaces raptados directamente dos campos de concentración no estranxeiro. Segundo datos recompilados polo historiador Ricard Vinyes, dos 32.037 rapaces de familias non franquistas enviados polos pais ao exterior, até 20.266 foron repatriados por mediación do Servizo Exterior da Falanxe[7], quedando todos eles baixo a tutela do novo estado nacionalcatólico.

No período democrático[editar | editar a fonte]

O auto do xuíz Baltasar Garzón fala destes feitos denominándoos "desaparicións legalizadas" e en xaneiro de 2009 cualificounos de "crimes contra a humanidade"[8]. No auto dise que os pícaros perdidos son vítimas do Franquismo e así mesmo menciónase a existencia dun plan de desaparicións orquestradas co gallo da eliminación de oponentes[9]. A Sala do Penal, con todo, declarou a Garzón non competente, de aí que na actualidade o proceso corra a cargo dos tribunais de instrución dos diversos territorios do Estado. Cómpre facer especial mención ao feito de que a Igrexa Católica dispón das partidas de nacemento, cambios de nomes e todos e cada un dos datos dos involucrados, mais non existe polo de agora lei ningunha que obrigue a abrir estes expedientes, de maneira que a Igrexa se mantén na súa posición de bloqueo, rexeitando frontalmente o acceso aos documentos xa sexa a petición de particulares, institucións ou organismos.

En 2006 o Consello de Europa condenou formalmente o réxime franquista, con mención aos diversos abusos practicados polas autoridades, pondo de relevo o roubo de nenos.[10]

Dereitos e memoria histórica[editar | editar a fonte]

Por un lado están as numerosas denuncias cursadas por particulares e por outro as diversas asociacións que na actualidade reclaman toda unha serie de dereitos, principalmente o de saber o destino dos involucrados, para o que recentemente insistiron no reclamo do emprego de probas de ADN[11]. Así, as organizacións de maior relevancia no Estado son:

  • Asociación para la Recuperación de la Memoria Histórica (APRMH).
  • Derecho a Saber (ANDAS), fundado polo xornalista Paco Lobatón xunto a diversos grupos de afectados.
  • Psicólogos sin Fronteras, que colabora co APRMH cun centro de atención ás vítimas da Guerra civil e da ditadura[12], radicado en Madrid.
  • Federación Estatal de Foros por la Memoria.
  • Asociación Magistrados Europeos por la Democracia, considerando estes raptos "o meirande caso de desaparición forzada da Europa contemporánea"[13] e critican o feito de que a Lei de Memoria Histórica non dedique un só apartado a esta realidade[14].

Publicacións[editar | editar a fonte]

  • Mala gente que camina. Benjamín Prado. Editorial Alfaguara. ISBN 8420470198.
  • El caso de los niños perdidos del franquismo: crimen contra la humanidad Miguel Ángel Rodríguez Arias. Editorial Tirant lo Blanch. ISBN 8498763037.
  • Irredentas: Las presas políticas y sus hijos en las cárcelas franquistas. Ricard Vinyes. Temas de Hoy. ISBN 9788484602309.
  • Testimonios de mujeres en las cárceles franquistas. Tomasa Cuevas. UNED. ISBN 8481271500.
  • Los niños perdidos del franquismo. Montse Armengou. Plaza y Janés. ISBN 849759908X.
  • Las fosas del silencio. Montse Armengou e Ricard Bellis. Plaza y Janés. ISBN 8497936256.
  • Desaparecidos de la Guerra de España (1936-?) Rafael Torres. La Esfera de los libros. ISBN 8497340795.
  • Los niños republicanos en la Guerra de España. Eduardo Pons Prades. Oberon. ISBN 8496052745.
  • Las Guerras de los niños republicanos, 1936-1995. Eduardo Pons Prades. Compañía Literaria. ISBN 84-8213-053-6.

Documentais[editar | editar a fonte]

Franco, figura clave nos raptos e secuestros de pícaros, canda ao ministro nazi Heinrich Himler.
  • Els nens perduts del franquisme. Unha reportaxe que revela os tráxicos niveis de represión franquista. Até a súa aparición na rede, o filme soamente fora exhibido en Cataluña, País Vasco e Andalucía, neste último territorio en horario de madrugada[15].
  • Los niños que robó Franco Reportaxe de Informe semanal emitido en TVE que recompila as atrocidades cometidas neste novo episodio de represión e atrocidade a cargo do réxime franquista. Segundo o propio maxistrado Baltasar Garzón, "o roubo de nenos acontecido nos anos de franquismo foi peor ca o da ditadura arxentina".

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]