Owain Cyfeiliog

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Owain ap Gruffydd (c. 1130 – 1197) foi un príncipe da parte meridional do reino de Powys e un poeta en lingua galesa. Adoita ser citado como Owain Cyfeiliog para o distinguir doutros gobernantes chamados tamén Owain, en especial o seu coetáneo, Owain ap Gruffydd de Gwynedd, que é coñecido como Owain Gwynedd.

Rei de Powys meridional[editar | editar a fonte]

Owain era fillo de Gruffydd ap Maredudd e sobriño de Madog ap Maredudd, o último príncipe do Powys unido. Madog deulle ao seu sobriño o cantref de Cyfeiliog para que o gobernase en 1147. Á morte de Madog en 1160 Owain converteuse no gobernante da maior parte do Powys meridional.

Mantivo unha alianza cos outros príncipes galeses para enfrontárense á invasión que en 1165 levou a cabo o rei Henrique II de Inglaterra. Despois disto, a súa política foi máis de apoio á coroa inglesa. En 1170 doou terras para a fundación da abadía de Strata Marcella. En 1188, porén, negouse a recibir ou axudar a Baldwin, Arcebispo de Canterbury e Giraldus Cambrensis cando percorreron Gales para recrutaren homes para unha cruzada, acto polo que foi excomungado. En 1195 Owain cedeu o mando do seu territorio ao seu fillo Gwenwynwyn ab Owain e retirouse á abadía de Strata Marcella, onde morreu e recibiu sepultura ao cabo de dous anos.

Poeta[editar | editar a fonte]

Owain foi considerado tamén como poeta, malia só chegar ata nós un poema que se lle atribúe, Hirlas Owain considerado coma un dos mellores poemas galeses deste período. No poema, a garda de Owain reúnese na súa corte tras unha expedición en 1155 para liberar o seu irmán Meurig do cárcere en Maelor. Cumprida a misión, Owain fai que circule un corno con bebida entre os membros da súa garda por quendas, con palabras de louvanza para cada un. Hai unha nota máis sombría cando lembra a dous dos seus homes que caeran no combate e láiase pola súa perda. O editor máis recente do poema, Gruffydd Aled Williams, suxire que o poema foi escrito realmente por Cynddelw Brydydd Mawr, o poeta de corte máis relevante do século, se cadra en colaboración con Owain.[1] Owain tamén aparece no relato de Fulke FitzWarin como un cabaleiro que golpea a Fulk cunha lanza.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • John Edward Lloyd (1911) A history of Wales from the earliest times to the Edwardian conquest (Longmans, Green & Co.)