Oviraptor

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Oviráptor»)

Oviraptor
Rango fósil: Cretáceo superior
89,8 Ma-70,6 Ma

Diagrama esquelético que amosa elementos coñecidos do exemplar holotipo (AMNH 6517).
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Sauropsida
Superorde: Dinosauria
Orde: Saurischia
Suborde: Theropoda
Infraorde: Oviraptorosauria
Familia: Oviraptoridae
Xénero: Oviraptor
Especie: O. philoceratops
Nome binomial
Oviraptor philoceratops
Osborn, 1924

Oviraptor (do latín "ladrón de ovos") é un xénero representado por unha única especie de dinosauro terópodo ovirraptórido, descuberto polo técnico George Olsen nunha expedición de 1923 liderada por Roy Chapman Andrews, sendo descrito por vez primeira por Henry Fairfield Osborn en 1924. O seu nome provén do latín e quere dicir "ladrón de ovos", xa que o primeiro fósil descuberto foi atopado enriba dun niño do que se cría que eran ovos de Protoceratops. O nome específico philoceratops quere dicir "amante de ceratopsianos", e foille concedido tamén como resultado da súa descuberta. Nun escrito de 1924, Osborn explicou que o nome debíase á proximidade da caveira de Oviraptor respecto do niño (estaba separado dos ovos por só catro centímetros de area). Porén, Osborn tamén suxeriu que o nome Oviraptor "pode confundirnos completamente en canto ós seus hábitos alimenticios e ó seu carácter".[1] Na década de 1990, a descuberta de oviraptóridos añiñadores como o Citipati provou que Osborn estaba no certo coa súa cautela respecto do nome. Estes achados amosan que os ovos en cuestión probablemente pertencían ó propio "Oviraptor" e que o espécime en realidade estaba criando os seus ovos cando morreu a carón do niño.

O Oviraptor viviu a finais do período Cretáceo, durante o Campaniano, hai uns 75 millóns de anos; só se coñece un único espécime definitivo (cos seus ovos asociados), descuberto na formación de Djadokhta en Mongolia, aínda que existe un posible segundo espécime (tamén con ovos) atopado na formación de Bayan Mandahu, no nordeste de Mongolia Interior, na China.[2]

Descrición[editar | editar a fonte]

Imaxe dunha restauración artística.

Oviraptor philoceratops é coñecido por un único esqueleto parcial (o espécime número AMNH 6517), así como polo niño duns quince ovos que foron referidos a esta especie (AMNH 6508).

Comparación de tamaño.

Cando vivía, o Oviraptor era un dos dinosauros terópodos non aviarios máis semellante a un paxaro. A súa caixa torácica, en particular, amosa varias características que son típicas das aves, incluíndo un conxunto de procesos en cada costela que mantiñan ríxida a caixa torácica. Un parente do Oviraptor, chamado Nomingia foi atopado cun pigóstilo, que é un conxunto de vértebras fusionadas que logo axudarían a soster as plumas da cola das aves. As impresións da piel de oviraptorosauros máis primitivos, como Caudipteryx e Protarchaeopteryx, amosa claramente unha extensa cobertura de plumas no corpo, ás emplumadas e un abano de cola emplumada. A cola en abano tamén se indica pola presenza dun pigóstilo en Nomingia, o que suxire que esta característica estaba moi estendida entre os oviraptorosauros. Ademais, a posición de aniñador dos espécimes reprodutores de Citipati sinala o uso de ás emplumadas para cubrir os ovos.[3] Dada a estreita semellanza anatómica entre estas especies e o "Oviraptor", é moi probable que "Oviraptor" tamén teña plumas.

O Oviraptor represéntase tradicionalmente cunha crista distintiva, semellante á do casuario. Porén, un novo exame de varios oviraptóridos amosa que esta coñecida especie de crista alta en realidade pode pertencer ó xénero Citipati, un parente de Oviraptor.[4] É probable que o Oviraptor tivese unha crista, mais o seu tamaño e forma exactos descoñécense debido ó esmagamento do cranio do único espécime recoñecido.

O Oviraptor ten dúas extremidades posteriores longas e ben desenvolvidas, cada unha con tres dedos con gadoupas que utilizaban para soster e esgazar á súa presa. O Oviraptor tiña ollos grandes con aneis óseos e cristas craniais infrecuentes xunto cun peteiro sen dentes.[5]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Osborn, H.F. (1924). "Three new Theropoda, Protoceratops zone, central Mongolia." American Museum Novitates, 144: 12 pages, 8 figs.; (American Museum of Natural History) New York. (11.7.1924).
  2. Dong and Currie, P. (1996). "On the discovery of an oviraptorid skeleton on a nest of eggs at Bayan Mandahu, Inner Mongolia, People's Republic of China." Canadian Journal of Earth Sciences, 33: 631-636.
  3. Paul, G.S. (2002). Dinosaurs of the Air: The Evolution and Loss of Flight in Dinosaurs and Birds. Baltimore: Johns Hopkins University Press.
  4. Clark, J.M., Norell, M.A. & Barsbold, R. (2001). "Two new oviraptorids (Theropoda: Oviraptorosauria), Upper Cretaceous Djadokhta Formation, Ukhaa Tolgod, Mongolia." Journal of Vertebrate Paleontology 21(2): 209-213. xuño de 2001.
  5. "Oviraptor | dinosaur genus". Encyclopedia Britannica (en inglés). Consultado o 13 de decembro de 2017.