Os tres porquiños

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Os tres porquiños
Ilustración dos tres porquiños coa súa nai.
Título orixinalThree Little Pigs (?)
Autor/aAnónimo
OrixeInglaterra (?)
LinguaInglés
ColecciónJames Orchard Halliwell-Phillipps, Nursery Rhymes and Nursery Tales (v.1843) Joseph Jacobs, English Fairy Tales (1890)
Tema(s)Conto
Xénero(s)Fábula, literatura infantil
Data de pub.Século XIX
editar datos en Wikidata ]

Os tres porquiños é unha fábula cuxos personaxes son exclusivamente animais: tres cochos e un lobo. As primeiras edicións do conto datan do século XVIII, a historia seica é moito máis antiga.

O conto foi divulgado por Joseph Jacobs, escritor nado en Sydney, Australia, en 1854. Morou nos Estados Unidos e Inglaterra. Estudou e publicou contos do folclore inglés durante a súa permanencia naquel país, sendo máis coñecido pola súa grande contribución á literatura infantil. Entre os seus libros están: "A historia dos tres porquiños" (un dos máis populares), "Contos de fadas celtas", "Contos de fadas indianos", "Fábulas do Esopo", "Contos de fadas ingleses" e outros.

A historia dos tres porquiños xa era coñecida en Inglaterra e Jacobs, como folclorista, rescatou contos tradicionais e transformounos en libros. O éxito de Jacobs foi a utilización dunha linguaxe clara e feita para a literatura infantil.

O conto tornouse máis coñecido grazas á versión en animación feita pola Disney en 1933 (The Three Little Pigs). Foi o filme que introduciu nome para os porquiños, Fifer Pig, Fiddler Pig e Edmund Pig en inglés (non hai versión galega dos filmes da Disney).

O terceiro porquiño constrúe a casa de ladrillos.

A historia[editar | editar a fonte]

Os personaxes do conto son tres porquiños e un lobo (lobo mao), cuxo obxectivo era devorar os porquiños. Ao decidiren saír da casa de súa nai (nalgunhas versións, da avoa, lembrando que nalgunhas versións, reciben unha herdanza da súa nai/avoa para así poderen construír as casas) foron construír cadansúa vivenda.

O máis preguizoso dos tres non quixo se cansar moito e construíu unha casopa de palla e colmo. O segundo decidiu construír un alboio de madeira, mentres que o máis práctico optou por construír unha casa mellor estruturada, con cemento e ladrillos. Como a súa casa demorou máis tempo para ser construída, moitas veces vía os irmáns a se divertir mentres el se esforzaba para terminar o choio.

Un día o lobo apareceu e bateu na porta da casa do primeiro porquiño, que se agochou. Mais o lobo, cun sopro forte, desfixo a casoupa de colmo. Mentres o currucho fuxía, o lobo foi petar na porta do segundo marrán e, con dous sopros fortes, destruíu tamén a cabana de madeira.

Este segundo porquiño fuxiu para a casa do terceiro, onde xa se agochara tamén o primeiro. O lobo entón foi á última casa e tentou derrubala, sen éxito. Logo de moitas tentativas, o lobo decidiu agardar a chegada da noite.

O lobo queimando na panela.

Cando anoiteceu, o lobo foi tentar entrar na casa baixando pola cheminea, mais comezou a sentir cheiro de queimado. Era o porquiño práctico que, cunha panela estaba a queimar o rabo do lobo. O lobo entón fuxiu asustado e nunca máis volveu, e eles viviron felices para sempre.

Análise[editar | editar a fonte]

O conto ten un inimigo arquetípico, o lobo da foresta, que aparece noutras historias tan comúns en Galiza e Europa, coma na Carapuchiña Vermella. Representa o monstro por antonomasia no folclore europeo, xunto coa variante antropomórfica do ogro ou o lobishome. Tamén é usual nestes relatos os tres irmáns, un a se diferenciar do resto polas súas virtudes (acostuma ser o irmán máis novo, detalle que é controvertido nas diferentes versións d'Os tres porquiños).

Neste caso exáltase o traballo, coma en moitas outras fábulas tamén protagonizadas por animais, coma n'A carricanta e a formiga, de Esopo e mailo enxeño, un trazo típico dos protagonistas dos contos populares. O tal irmán amósase tamén xeneroso, abeirando aos outros dous cochos, para reforzar a mensaxe de valores dirixida ao público infantil.

O conto protagonizou unha breve polémica no Reino Unido no 2007, xa que se dixo que a figura do porco podía ofender á comunidade musulmá.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • NN. Versión catalá do conto: Els tres porquets: conte popular, Iustracións de Carles Martí, Barcelona, Edicións Cruïlla, 2010, 16 páxinas, ISBN 9788466124966.
  • Maria Eulālia Valeri, Fina Rifā (ilustracións), Els Tres porquets, Barcelona, La Galera, 1992, 16 páxinas, ISBN 9788424614072