Igrexas ortodoxas orientais

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Ortodoxia oriental»)

As Igrexas ortodoxas orientais son aquelas Igrexas cristiás orientais que aceptan tan só os tres primeiros concilios ecuménicos (Primeiro Concilio de Nicea, Primeiro Concilio de Constantinopla e Primeiro Concilio de Éfeso). Rexeitaron as definicións dogmáticas do Concilio de Calcedonia do 451. Tamén son coñecidas como igrexas orientais antigas, miafisitas ou non calcedonianas; e descritas tanto polo cristianismo occidental como pola Igrexa Ortodoxa como igrexas monofisitas (aínda que elas mesmas rexeitan esta descrición como inexacta, por ter rexeitado as ensinanzas de Nestorio e Eutiques).[1] Estas igrexas están en plena comuñón entre elas, aínda que son totalmente independentes.

Non se debe confundir ás igrexas ortodoxas orientais coas diferentes igrexas ortodoxas. A comuñón ortodoxa oriental abrangue seis igrexas: a Igrexa Ortodoxa Copta, a Igrexa Ortodoxa Etíope, a Igrexa Ortodoxa Eritrea, a Igrexa Ortodoxa Siríaca, a Igrexa Ortodoxa Siria Malankara e a Igrexa Apostólica Armenia.[2] Estas igrexas, malia estar en comuñón entre elas, son xerárquicamente independentes.

Historia[editar | editar a fonte]

Icona copta de santo Antón Abade.

A ortodoxia oriental separouse do resto da Igrexa por diferenzas terminolóxicas cristolóxicas. O Primeiro Concilio de Nicea declarara que Xesús Cristo é Deus, é dicir, "consubstancial" co Pai; e o Primeiro Concilio de Éfeso que Xesús, malia seren verdadeiramente divino e humano, é un único ser persoal (unión hipostática). Vinte anos logo de Éfeso, o Concilio de Calcedonia declarou que Xesús é unha persoa en dúas naturezas completas, a humana e a divina. Aqueles que se opuxeron á declaración de Calcedonia sostiñan unha doutrina semellante ao nestorianismo, condenado en Éfeso, segundo a cal Cristo era dous seres distintos, un divino (o Logos) e outro humano (Xesús).

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

Distribución dos cristiáns ortodoxos orientais no mundo:      Relixión maioritaria (máis dun 75%)      Relixión principal (50% – 75%)      Minoría relixiosa de importancia (20% – 50%)      Minoría relixiosa significativa (5% – 20%)      Minoría relixiosa (1% – 5%)      Pequena minoría relixiosa (menos do 1%), mais con autocefalia

A ortodoxia oriental é a relixión dominante en Armenia (94%), a República de Artsakh (95%) e, en Etiopía (43%), especialmente en dúas rexións: rexión de Amhara (82%) e rexión de Tigray (96%), así como na cidade de Adís Abeba (75%).[3] É tamén unha das dúas relixións dominantes en Eritrea (50%).

Constitúe unha minoría en Exipto (9%),[4] Sudán (3–5% do 15% de cristiáns), Siria (2–3% do 10% de cristiáns), Líbano (10% do 40% de cristiáns) e Kerala, India (7% do 20% de cristiáns en Kerala).[5] En termos do número total de membros, a Igrexa Etíope é a maior de todas elas.

As igrexas[editar | editar a fonte]

Notas e referencias[editar | editar a fonte]

  1. Davis, SI, Leo Donald (1990). Michael Glazier/Liturgical Press, ed. The First Seven Ecumenical Councils (325-787): Their History and Theology (Theology and Life Series 21). Collegeville, MN. p. 342. ISBN 978-0-8146-5616-7. 
  2. "Oriental Orthodox Churches". Arquivado dende o orixinal o 06 de abril de 2010. Consultado o 27 de xaneiro de 2014. 
  3. "Ethiopia: 2007 Census" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 04 de xuño de 2012. Consultado o 27 de xaneiro de 2014. 
  4. CIA (ed.). "The World Factbook: Egypt". Arquivado dende o orixinal o 30 de setembro de 2019. Consultado o 27 de xaneiro de 2014. 
  5. "Church in India - Syrian Orthodox Church of India - Roman Catholic Church - Protestant Churches in India". Syrianchurch.org. Arquivado dende o orixinal o 16 de outubro de 2013. Consultado o 27 de xaneiro de 2014.