Orquestra de Cámara Portuguesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Orquestra de Câmara Portuguesa (OCP)
Logotipo da OCP
AlcumeOCP
PaísPortugal Portugal
Anos de actividadeDende 2007
Membros actuaisPedro Carneiro (director)
Sitio webhttp://ocp.org.pt

A Orquestra de Câmara Portuguesa (OCP) é unha orquestra de cámara fundada o 5 de Jullo de 2007. Presentouse por primeira vez en público o 13 de setembro de 2007, no concerto inaugural da Temporada 2007/2008 do Centro Cultural de Belém (CCB, Lisboa). O programa deste primeiro concerto foi o seguinte: Abertura de "Der Schauspieldirektor" KV 486 de W.A.Mozart; Sinfonía D 589 no. 6 en Do Maior de F.Schubert; Suite do Ballet "Pulcinella" de I.Stravinsky. A OCP ten a súa sede en Oeiras, Portugal.

Biografía[editar | editar a fonte]

O director artístico da Orquestra de Câmara Portuguesa é Pedro Carneiro, quen ten como propósito potenciar e difundir o talento dos músicos novos portugueses. O Centro Cultural de Belém (CCB) acolleu á OCP, primeiro como orquestra asociada, e máis tarde en 2008, como orquestra residente. A OCP foi a encargada de realizar o concerto inaugural das temporadas CCB 2007/08 e 2010/11. A súa presenza anual nos “Días da Música de Belém” (festival que se realiza anualmente no CCB) permitiu a proxección de novos solistas e directores, como Pedro Amaral, Pedro Neves, Luís Carvalho, Alberto Roque e José Gomes. A OCP traballou cos compositores Emmanuel Nunes e Sofia Gubaidulina, e tocou con solistas internacionais como Jorge Moyano, Cristina Ortiz, Sergio Tiempo, Gary Hoffman, Filipe-Pinto Ribeiro, Carlos Alves, Heinrich Schiff, António Rosado, entre outros. A proxección internacional da orquestra aconteceu en 2010, no “City of Londres Festival”, recibindo 4 estrelas na crítica do The Times: “O 2º Concerto para Piano de Chopin por Cristina Ortiz e a Orquestra de Cámara Portuguesa, escoitouse cheo de carácter (…) así como a 1ª Sinfonía de Beethoven , unha viaxe de montaña rusa que transbordaba adrenalina, baixo a dirección resplandecente de Pedro Carneiro” (The Times, 23 de xuño de 2010).

A OCP abriu o 1º “Festival das Artes de Coímbra” e xa se presentou en cidades como Almada, Castelo Branco, Vila Viçosa, nos festivais de Alcobaça, Leiria e Paços de Brandão, e nos concertos de Nadal de Lisboa e o Festival “Ao Largo” do Teatro Nacional de São Carlos (TNSC).

Proxecto social[editar | editar a fonte]

A OCP ten como obxectivo chegar a ser unha das mellores orquestras do mundo, afirmándose como un proxecto con credibilidade e pertinencia social e cultural, que nace dunha acción xenuina de cidadanía activa. A OCP leva a cabo varios proxectos sociais: O meu amigo toca na OCP, a OCPsolidária, a OCPzero e a OCPdois.

Apoios[editar | editar a fonte]

A Linklaters Portugal é o primeiro patrocinador privado da OCP, a cal apoiou o lanzamento da OCPzero en 2010. A OCPzero está formada por estudantes de música de todo o país, sendo considerada un preámbulo para a construción dunha orquestra de mozos portugueses. Neste sentido, a “European Federation of National Youth Orchestras”, con sede en Viena (Austria), acolleu como membro a OCPzero, en candidatura aprobada por unanimidade na Asemblea Xeral de maio de 2013, realizada en Bucarest. A finais de 2012, a Fundación Calouste Gulbenkian asociouse á OCP, patrocinando o proxecto OCPsolidária na “Cercioeiras”. O programa comezou como iniciativa da OCP en réxime de voluntariado, ofrecido á “Cercioeiras” en 2009. Actualmente co apoio da FCG, iniciouse en febreiro de 2013 unha nova fase, onde se establece un programa profundo e sistemático para os próximos tres anos. No ámbito das asociacións do sector, a consultora Everis Portugal SA xuntouse á OCP en 2010, para o desenvolvemento dun plan estratéxico de xestión e apoio para a creación da nova páxina web da orquestra. En 2013, a PwC é escollida auditora da OCP e o Municipio de Oeiras asóciase institucionalmente á orquestra ao ceder o espazo dunha antiga escola primaria de Algés, como instalación para a sede da OCP.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]