Orchata

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Orchata con fartons.
Venda de orchata nas rúas de Valencia.
Orchata (Mexico)

A orchata[1] (en valenciano: orxata de xufa, do latín: hordeata, "feita de cebada ou orxo"[2]) é unha bebida refrescante (tamén sobremesa), preparada con auga, azucre e chufas. As chufas son uns pequenos tubérculos subterráneos con forma de noz que proceden das raíces da xunca doce (Cyperus esculentus).

Orixe[editar | editar a fonte]

A chufa era moi usada en terra de Exipto, onde se atoparon vasos con elas nas tumbas dos faraóns. Así mesmo, diversos autores persas e árabes mencionaban xa nos seus escritos os beneficios dixestivos e desinfectantes da chufa. Naquela época utilizábase como bebida medicinal xa que é moi beneficiosa para a saúde por ser altamente enerxética e diurética, xa que a orchata é rica en minerais e vitaminas, entre os que destacan o fósforo, o potasio e as vitaminas C e E. Mais, foi especialmente no século VIII, cando os árabes introducen o seu cultivo na zona mediterránea, denominándoa «leite de chufa», antecedente directo do que máis tarde pasou a chamarse orchata, sendo a horta de Valencia moi apropiada para o seu cultivo, xa que require terra solta e areosa así como temperaturas suaves.

Unha lenda popular di que o seu nome provén dos tempos da conquista de Valencia. A bebida foi ofrecida ao rei da coroa aragonesa Xaime I de Aragón na entrada de Valencia por unha moza das hortas valencianas. Ao probar o seu sabor, Xaime contestou «Açò és or, xata», que significa «Isto é ouro, filliña». Con todo esta pintoresca historia é falsa. A etimoloxía auténtica lévanos ao latín hordeata, de hordeum, que significa "de cebada" (tamén chamada orxo en galego). Orixinalmente, pois, a orchata era unha auga de cebada.

Elaboración[editar | editar a fonte]

A elaboración da orchata comeza co lavado do tubérculo, posteriormente pasando a un muíño para a súa trituración. Déixase un tempo en maceración, prénsase varias veces e obtense o extracto final. Para finalizar o proceso engádeselle azucre e vólvese a peneirar.

Información nutricional[editar | editar a fonte]

Información nutricional da orchata de chufa (por 100 ml)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Orchata.
  2. Entrada orchata no Gran Dicionario Xerais da lingua

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]