Opríchnina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Os Oprichniks

A Opríchnina (опри́чнина) foi un anaco do territorio ruso controlado directamente polo tsar Iván o Terrible. A verba deriva do ruso antigo (опричь) opric', e quere dicir "á parte", "a excepción de". Por extensión, opríchnina designou ao período de poder despótico do monarca Iván IV o Terrible e a súa propia garda persoal, os oprichniks, salientada pola súa desapiadada crueldade contra o pobo, decimando considerablemente a cidade de Nóvgorod.[1]

Neste tempo, o termo opríchnina utilízase coma sinónimo de tiranía e de poder absoluto exercido con extremo rigor e crueldade.

Historia[editar | editar a fonte]

No ano 1564, o príncipe Andrei Kurbski, liderou un exército lituano contra Rusia, devastando a rexión de Velíkie Luki. O tsar Iván IV sospeitando que os outros aristócratas estaban preparados para traizoalo, decide abandonar Moscova[2] o 3 de decembro do 1564, levando tódalas reliquias históricas e relixiosas, sen designar sucesor na xefatura do estado, e instalándose en Alexandrov, a 120 km de Moscova, coa tsarina María Temriúkovna, os tsarévichs e tódolos membros da corte. O 3 de xaneiro do 1565 dirixiu ao arcebispo metropolitano de Moscova, Afanasio, unha carta describindo a traizón dos boiardos e anuncia a súa intención de abdicar.

Unha delegación composta pola Igrexa, o arcebispo metropolitano, boiardos e comerciantes dirixiuse entón a Alexandrov para pedirlle que volvese a Moscova e recobrase a coroa. Iván puxo unha soa condición, que lle desen un poder ilimitado. O clero debe por tanto renunciar ao seu dereito de intercesión en favor de persoas caídas en desgraza e os boiardos á garantía dunha xustiza equitativa. A delegación acepta as condicións e un mes máis tarde o tsar volveu a Moscova.

A creación da Opríchnina[editar | editar a fonte]

O mesmo mes, un ucase do tsar divide o Principado de Moscova en dous territorios: a Zemchtchina que conserva a antiga administración tsarista, e a Opríchnina (o nordeste) onde Iván exerce un poder absoluto. No mesmo decreto, o tsar crea os oprichnik, unha tropa de elite que mantén unha obediencia cega. Estes homes, que o pobo chama a tropa satánica, ían vestidos de negro, cunha vasoira e un cranio de can como insignia, sendo o seu lema: Varrer as Rusias, e trabar a traizón. A Opríchnina viuse mais logo debilitada coa morte dos tres principais elixidos polo tsar, Alexis Basmánov, Atanasio Viázemski e Maliuta Skurátov.

O sistema de Opríchnina durou do 1565 ao 1572, sete anos durante os que Iván se esforza en aniquilar os seus adversarios e en rachar o antigo réxime de goberno, que non lle conviña. A represión fai que algúns boiardos incluso inciten a Lituania a intervir. A Opríchnina interceptou as mensaxes e intensificou a represión e as purgas. O arcebispo metropolitano, Filipe, intentou interceder en favor dos prisioneiros e é arrestado e asasinado. Iván encargouse do mesmo xeito dos Stáritski: a súa curmá Eufrosinia e o fillo desta, Vladímir, son obrigados a se envelenaren.

No 1570, Iván, preocupado polo valor estratéxico de Nóvgorod na guerra contra a Orde Teutónica e Suecia, descubriu que fíos do complot conducen a Nóvgorod. Os seus opríchniks saquean, incendian e destrúen a cidade, asasinando a 30 000 habitantes,[3] aínda que algúns historiadores modernos sitúan a cifra entre 2000 e 3000 mortos, considerando que despois das fames negras e epidemias do 1560, a poboación de Nóvgorod non excedía de 10.000 a 20.000 habitantes.[4]

De volta a Moscova, a tropa satánica atacou os nobres sen título e os masacra. O mesmo ano, Iván coida que seus fieis asistentes Alexis Basmánov e Atanasio Viázemski tentan traizoalo e son executados sumariamente.

Este sistema foi visto por algúns historiadores coma unha ferramenta contra a poderosa nobreza hereditaria rusa dos boiardos, quen se opoñían á centralización.[5]

A Opríchnina foi tratada de forma semellante á Igrexa do seu tempo, gozando da mesma liberdade de impostos que a Igrexa. Tiña tamén unha organización monástica e mesmo o propio Iván proclamouse Abade da Opríchnina.[6] A única diferenza entre estes dous, é que unha foi creada como un medio exclusivo para cumprir a vontade de Iván no seu territorio.[7]

O fin da Opríchnina[editar | editar a fonte]

No 1560, no período coñecido como a Pequena Idade do Xeo, nunha combinación de colleitas pobres, pragas, incursións polaco-lituanas, suecas, ataques dos tártaros e a Liga Hanseática, Rusia foi devastada. O prezo do gran subiu a un factor de dez, o valor das terras noutro tempo fértiles caeu por baixo das do resto do país, causando que os que vivían na Opríchnina se trasladasen a outras rexións. Deste xeito, a existencia destes dous sistemas de autoridade (a Opríchnina e a Zémschina) conduciu á desorganización política e económica do país.[8]

Iván comezou a dubidar da utilidade da Opríchnina logo das execucións de Basmánov e Viázemski. Varios membros da súa garda de elite, encargados de manter a súa seguridade, foron acusados de traizón. A morte da súa terceira muller Marfa Sobákina, quince días logo da súa voda, convenceuno de que algúns dos seus gardas puideron envelenala. A tropa comprende agora a uns 6000 homes que saquean os territorios da Zémschina, sen que Iván o autorizase.

Na primavera do 1571, os tártaros de Crimea invaden Rusia e chegan a Moscova, e incendian parcialmente a cidade sen que os opríchniks movesen un dedo para defendela. Iván sospeita que o traizoaran en beneficio do Jan de Crimea.

Decide entón castigalos severamente. En xullo do 1572, un novo ucase aboliu o sistema da Opríchnina e os opríchniks foron disoltos. Os territorios da antiga Opríchnina son fusionados aos da Zémschina e os antigos donos recuperaron as súas terras.

Os impostos, como esperaba Iván, non se incrementaran, e Rusia perdera todas as súas ganancias na guerra contra Livonia, de xeito que a Opríchnina non demostrou unha mellora considerable, senón máis ben un prexuízo á economía e á estabilidade de Rusia. A Opríchnina porén foi exitosa en instaurar un réxime de obediencia submisa e temorosa en todo o reino.[9]

Consecuencias[editar | editar a fonte]

Os historiadores rusos cren que o terror da Opríchnina causou a carón de 10.000 mortos. Os campesiños víronse obrigados a emigrar cara rexións máis tranquilas, o comercio foi aniquilado, o país arruinado. A economía rusa resentiuse durante anos.

Máis tarde Pedro I de Rusia e Stalin tomaron exemplo de Iván o Terrible e do seu sistema para cometer as súas propias purgas.

Legado[editar | editar a fonte]

Iván Lazéchnikov escribiu a traxedia "Os Opríchniks" (Опричники), na cal Chaikovski baseou a súa ópera, "Os Opríchnik". Esta obra á súa vez inspirou no 1911 a pintura de Apolinary Vasnetsov, describindo a rúa dunha cidade e persoas fuxindo do pánico á chegada dos opríchniks. Anos despois do reinado de Iván o Terrible, o sistema Opríchnina continuou afectando Rusia. O mesmo Stalin, baseou moitos dos seus esquemas depurativos na "terrible e sedenta de sange" opríchnina, e a posición do tsar quedou luxada para sempre cun sentido de poder terrible.[9]

Sergéi Eisenstéin representou os opríchniks na súa película Iván o Terrible (primeira parte), como persoas saudables e de aspecto limpo. Na súa segunda película de Iván O Terrible veu mostralos cunha aparencia menos favorecida.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Heller, Michel. Histoire de la Russie et de son empire. Plon. París. 1997.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Walter Leitsch. "Russo-Polish Confrontation" in Taras Hunczak, ed. "Russian Imperialism". Rutgers University Press. 1974, p.140
  2. R.Skrynnikov, Ivan Grosny, M., Science, 1975, pp.93-96
  3. S. B. Veselovskii, Isledovaniia po istorii oprichniny (Moscow, 1963) pp. 133ff.
  4. Having investigated the report of Maliuta Skurátov and commemoration lists (sinodiki), R. Skrynnikov considers, that the number of victims was 2,000-3,000. (Skrynnikov R. G., Ivan Grosny, M., AST, 2001)
  5. R. Skrynnikow untersuchte den Bericht des Kommandeures den Opritschniki Maljuta Skuratow und Gedächtnisfeier-Listen (Sinodiki) und schätzte die Zahl der Opfer auf 2000-3000. (Skrynnikow R. G., "Iwan Grosny", M., AST, 2001)
  6. A. Dvorkin, Ivan the Terrible as a Religious Type (Erlangen, 1992), p. 105
  7. R. Skrynnikov, Ivan Groznyi (Moscow, 1980), pp. 233-43, pp. 172f., 168ff.
  8. R.Skrynnikov, Ivan Grosny, M., Science, 1975, p.158
  9. 9,0 9,1 Philip Longworth, Russia: The Once and Future Empire (New York, 2005), pp98-105

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Historia de Rusia