Operador (xenética)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Operón lac co operador en vermello. O operador funciona como un interruptor de encendido e apagado da actividade do operón. 1: ARN polimerase, 2: Represor, 3: Promotor, 4: Operador, 5: Lactosa, 6: lacZ, 7: lacY, 8: lacA.
Arriba: Operón desactivado. O represor está unido ao operador.
Abaixo: O operón está activado. O represor non se une ao operador e a ARN polimerase pode actuar, xa que o represor está inhibido pola presenza de lactosa.

En xenética, un operador é un segmento de ADN ao cal se une un factor de transcrición proteico, que regula a expresión xénica en bacterias e que forma parte dun operón. Foi definido clasicamente no operón lac [1] como un segmento de ADN situado entre o promotor e os xenes estruturais do operón. Se está presente unha molécula proteica represora, esta obstrúe fisicamente a unión da ARN polimerase ao promotor e a transcrición dos xenes. Unha proteína indutora pode desprazar o represor do sitio operador, o cal fai que o operón quede desinhibido.

Na regulación do operón lac, ademais do operador principal, chamado O1, situado entre o promotor e os xenes estruturais, descubriuse recentemente que están implicados tamén outros dous operadores adicionais menores, chamados O2 e O3.[2] O operador O3 sitúase ao final do xene lacI e o O2 está situado a 400 pares de bases augas abaixo na parte inicial do lacZ. No modelo actual, o represor únese aos tres á vez, e os operadores menores melloran a afinidade do represor polo operador principal.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Jacob F; Monod J (1961). "Genetic regulatory mechanisms in the synthesis of proteins". J Mol Biol. 3 (3): 318–56. PMID 13718526. doi:10.1016/S0022-2836(61)80072-7. 
  2. Oehler, S.; Eismann, E. R.; Krämer, H.; Müller-Hill, B. (1990). "The three operators of the lac operon cooperate in repression". The EMBO Journal 9 (4): 973–979. PMC 551766. PMID 2182324.