Once portas

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Once portas
Autor/aHéctor Cajaraville
OrixeGalicia Galicia
LinguaGalego
ColecciónLiteraria
Xénero(s)Narrativa
EditorialEdicións Xerais de Galicia
Data de pub.2017
Páxinas104
ISBNISBN 978-84-9121-179-2
editar datos en Wikidata ]

Once portas é unha novela de Héctor Cajaraville publicada en 2017 por Edicións Xerais de Galicia que gañou o XVIII Premio de Narrativa Curta Ánxel Fole en marzo de 2016.

Trama[editar | editar a fonte]

Porta de Mazarelos, única porta conservada da muralla de Santiago de Compostela.

O día da Ascensión de 1929 Guillerme Cardelle, de 18 anos, grande afeccionado á historia de Santiago, vai á carballeira de Santa Susana disposto a gozar das atraccións e tópase cunha tenda e dous exóticos personaxes, o navegante escocés Phillip e o seu escravo, un príncipe masai chamado Bundamagili a quen el convertera no mago Bunda. Convídaos a almorzar e así sabe da súa historia. Antes de despedirse pídelle ao mago que o faga partícipe dalgún segredo da cidade que ninguén máis coñeza e Phillip traduce a resposta de Bunda coa súa mestura de portugués e castelán: Tudo misterio desta cidade é once. Once puertas en muralla, once igrejas en recinto, once caminos por bajo la tierra unen puertas e igrejas como outeiro de hormigas. Queda un pouco decepcionado polo que lle parece un calote e o escocés engade algunha explicación máis, dicíndolle finalmente que non lle debe contar o segredo a ninguén mentres viva.

A partir de aí Guillerme irá investigando sobre as máis antigas igrexas de Santiago, as diferentes portas que chegou a ter a muralla e a localización de cada unha ata descubrir un sorprendente segredo agochado baixo terra desde hai séculos.

Nos días finais da súa vida escribe unhas últimas palabras lembrando aquel achado e que cumpriu co seu compromiso de non compartilo con ninguén.

Narración[editar | editar a fonte]

A novela está estruturada nun prólogo, once capítulos e un epílogo.

No prólogo o catedrático de Historia Emérito L. Harguindey expón o que se sabe da muralla de Santiago e as súas portas, hoxe case inexistentes; coñecementos que poderían dar un xiro de 180º de ser certo o relato que chegou ás súas mans a través dos herdeiros de Guillerme Cardelle.

Nos once capítulos Guillerme Cardelle conta en primeira persoa os achados que fixo en 1929.

No epílogo, Guillerme, no ano 2011, pouco antes de morrer, ponlle fin á historia e lamenta ter perdido o documento que serviría para probar a súa veracidade.

Personaxes[editar | editar a fonte]

Guillerme Cardelle é o protagonista único da novela.

De xeito moi secundario aparecen outros:

  • Emérito L. Harguindey é o catedrático de Historia Medieval da Facultade de Xeografía e Historia da USC a cuxa man chega o manuscrito de Guillerme.
  • Phillip e o mago Bunda.
  • O pai de Guillerme e os contertulios afeccionados á historia local, entre os que destaca Leonardo Bermúdez, proporcionaranlle pistas que o axudarán a avanzar.

Espazo[editar | editar a fonte]

A acción desenvólvese case en exclusividade intramuros de Santiago de Compostela.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]