Onésimo Redondo

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Onésimo Redondo Ortega, nado en Quintanilla de Abajo, actualmente Quintanilla de Onésimo, Valladolid o 16 de febreiro de 1905 e falecido en Labajos, Segovia o 24 de xullo de 1936, foi un dirixente nacionalsindicalista español, un dos fundadores das JONS, partido que logo se integrou en Falange Española de las JONS o 11 de febreiro de 1934. Durante o franquismo alcumouse como "caudillo de Castela".

Biografía[editar | editar a fonte]

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Naceu no seo dunha familia de propietarios agrícolas. Fillo de Buenaventura Redondo Iglesias e Juana Ortega Pico. Cursou o bacharelato na escola vallisoletano de Nuestra Señora de Lourdes. Obtivo por oposición unha praza de administrativo na Delegación de Facenda de Salamanca, e na universidade desa cidade cursou estudos de Dereito, carreira na que obtivo a licenciatura en 1926. Tras rematar os seus estudos universitarios, trasladouse de novo a Valladolid para preparar a oposición ao corpo de Avogados do Estado, á que se presentou ao ano seguinte, aínda que sen éxito.

En 1927, grazas á mediación de Ángel Herrera Oria, director do xornal católico El Debate, obtivo unha praza como lector de español na Universidade de Mannheim, en Alemaña. É posible que esta estancia en Alemaña tivese importancia na súa futura carreira política, xa que por entón o Partido Nacionalsocialista Alemán estaba experimentando un forte crecemento. En outubro de 1928 regresou a España.

Iniciou a súa carreira política como líder do Sindicato de Cultivadores de Remolacha de Castela a Vella, ou "Sindicato Remolacheiro". En 1929 cumpriu o servizo militar en Valladolid. Durante esta época coñeceu a Mercedes Sanz-Bachiller Izquierdo, coa que casou o 11 de febreiro de 1931,[1]

Fundación das Juntas Castellanas de Actuación Hispánica[editar | editar a fonte]

Inicialmente vinculado ao movemento de Acción Católica, distanciouse desta organización, que consideraba ancorada no liberalismo burgués. Trala proclamación da II República, fundou, en agosto de 1931, un grupo político denominado Xuntas Castelás de Actuación Hispánica, que rexeitaba o sistema democrático e propugnaba a acción directa como medio para a conquista do poder. Pouco antes, en xuño do mesmo ano, fundara a revista que sería o principal órgano de expresión do seu movemento, Libertad, na que asinou varios escritos contra o marxismo, os xudeus e o capitalismo burgués, e expresou a súa admiración polos réximes fascistas europeos.

JONS e golpe de Sanjurjo[editar | editar a fonte]

En novembro dese mesmo ano, a súa organización uniuse coa que lideraba Ramiro Ledesma Ramos, quen editaba a revista La Conquista del Estado. Resultado desta fusión foron as JONS (Xuntas de Ofensiva Nacional Sindicalista), adoptando como emblema seu o xugo e as frechas que antano eran o anagrama dos Reis Católicos. As JONS, que aprobaron oficialmente os seus estatutos o 30 de novembro, estaban dirixidas por un Triunvirato Central, formado por Onésimo Redondo, Ramiro Ledesma e Francisco Jiménez (posteriormente substituído por Antonio Bermúdez Cañete).

O fin deste novo partido, declaradamente antimarxista, era a creación do Estado Nacionalsindicalista, de carácter totalitario. Como método de acción propugnaba a acción directa, e rexeitaba o sistema electoral, por consideralo "liberal-burgués" e corrupto. Aínda que Redondo fora antes, na súa época de Acción Católica, partidario da monarquía, en 1931 non se opoñía á república como forma de estado. O órgano principal do partido continúa sendo a revista Libertad, no que, no seus tempos, Redondo publicou unha tradución comentada do famoso libelo antisemita Protocolos dos sabios de Sión.

Exilio en Portugal[editar | editar a fonte]

En 1932 tomou parte na fracasada sublevación do xeneral Sanjurjo. Para evitar ser detido, cruzou a fronteira e exiliouse en Portugal, primeiro en Curia e logo no Porto. Desde o exilio impulsou a publicación dun novo semanario nacionalsindicalista, Igualdad, que apareceu o 14 de novembro de 1932, e ao que Redondo enviou desde o seu exilio portugués numerosos artigos políticos.

Regreso a España[editar | editar a fonte]

En abril de 1933 creou, canda Ledesma Ramos, unha nova revista, J.O.N.S., como órgano do seu partido. En outubro regresou a España e volveu instalarse en Valladolid. Decidiu presentarse candidato ás eleccións lexislativas do 19 de novembro de 1933, aínda que a última hora retirou a súa candidatura para evitar prexudicar á CEDA.

O 4 de marzo de 1934, nun acto celebrado no Teatro Calderón de Valladolid, as J.O.N.S. xuntáronse con Falanxe Española, o partido de José Antonio Primo de Rivera. O novo partido, Falanxe Española das XONS, quedou baixo dirección de José Antonio Primo de Rivera, Ramiro Ledesma e Julio Ruiz de Alda, co cal Redondo pasou a un segundo plano. Cando en 1935 Ramiro Ledesma Ramos deixou o novo partido, Redondo optou pola contra seguir en Falanxe.

Guerra Civil e morte[editar | editar a fonte]

O 19 de marzo de 1936 foi detido en Valladolid. Durante a súa reclusión mantivo contacto epistolar co líder do seu partido, José Antonio Primo de Rivera, tamén encarcerado. O 25 de xuño foi trasladado ao cárcere de Ávila, do que foi liberado o 18 de xullo polos militares sublevados ao iniciarse a Guerra Civil Española. Dirixiuse a Valladolid, onde formou e dirixiu durante os primeiros días da guerra a denominada "patrulla do amencer", que se distinguía por fusilar a unhas corenta persoas diarias.[2] Posteriormente, púxose ao mando dun grupo armado de falanxistas que marchou cara Madrid e combateu no Alto dos Leóns. O día 24 de xullo, Onésimo, xunto co seu irmán Andrés, Eduardo Martín Alonso Calero, Jesús Salcedo e un falanxista da súa escolta, Agustín Sastre, [3] chegou en automóbil ao pobo segoviano de Labajos, que cría zona nacional, e morreu nunha emboscada organizada por un grupo de milicianos. Segundo parece, identificou erroneamente como falanxistas a militantes anarquistas da Confederación Nacional do Traballo polo parecido das súas bandeiras.

Tras a súa morte[editar | editar a fonte]

Monumento a Onésimo Redondo no alto do Cerro de San Cristóbal (Valladolid).

O réxime franquista converteuno nun dos "mártires da Cruzada". No lugar da súa morte, en Labajos, existe un monumento conmemorativo nas aforas no que os militantes de Falanxe realizan todos os anos unha ofrenda floral. O lugar da súa morte está marcado cunha pequena lápida. A título póstumo, fóiselle concedido o título de conde de Labajos.

A viúva de Onésimo Redondo, Mercedes Sanz-Bachiller Izquierdo, sería a fundadora, en outubro de 1936, do Auxilio de Inverno (despois chamado Auxilio Social), organización benéfica integrada no partido falanxista, de gran relevancia nos primeiros anos do franquismo. Existiu certa rivalidade entre o Auxilio Social e a Sección Feminina, dirixida pola irmá de José Antonio, Pilar Primo de Rivera.

O 25 de xullo de 1961 inaugurouse no Cerro de San Cristóbal de Valladolid un monumento a Onésimo Redondo que estaba previsto demoler no verán de 2011, en cumprimento da Lei da Memoria Histórica.[4]

Escritos[editar | editar a fonte]

  • Protocolos de los Sabios de Sion. Valladolid, Ediciones Libertad, 1932 (tradución e comentarios).
  • Onésimo Redondo, caudillo de Castilla (fragmentos de artigos periodísticos e discursos políticos). Valladolid, Ediciones Libertad, 1937.
  • El Estado Nacional. Valladolid, Ed. Libertad, 1938
  • Obras Completas: edición cronológica (2 vols.) Madrid, Dirección General de Información, Publicaciones Españolas, 1954-1955.
  • Textos políticos. Madrid, Editorial Doncel, 1975.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. La guerra civil: 70 años después El Mundo Consultado o 20 de setembro de 2011
  2. Hugh Thomas, La Guerra Civil Española, Editorial Grijalbo, Barcelona 1976. ISBN 84-253-0694-9 Páx. 288.
  3. Sobre la muerte de Onésimo Redondo. La Coctelera. El Memorial. Consultado o 20 de setembro de 2011.
  4. "El monumento al fundador de las JONS, al borde de la piqueta". 13 de abril de 2011. http://www.nortecastilla.es/v/20110413/valladolid/monumento-fundador-jons-borde-20110413.html. Consultado o 20 de setembro de 2011.