Oliver Twist

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Oliver Twist, edición de 1838.

Oliver Twist é a segunda novela do autor inglés Charles Dickens. Publicouse orixinalmente como novela por entregas de aparición mensual na revista Bentley's Miscellany, entre febreiro de 1837 e abril de 1839. Nun principio, o autor tiña a intención de que formase parte dunha obra máis extensa, The Mudfog Papers. Todas as entregas levaban como ilustración un gravado de George Cruikshank.

É a primeira novela en lingua inglesa que ten a un neno como protagonista e é tamén destacable polo seu escasamente romántico tratamento do mundo dos criminais e os seus sórdidas vidas. O libro leva o subtítulo de The Parish Boy's Progress, unha alusión tanto a The Pilgrim's Progress de John Bunyan como a dous populares caricaturas dieciochescas de William Hogarth, A Rake's Progress e A Harlot's Progress.

Oliver Twist é unha das primeiras novelas sociais da historia da literatura. Chama a atención aos seus lectores sobre varios males sociais da época, como o traballo infantil ou a utilización de nenos para cometer delitos. Dickens búrlase da hipocrisía da súa época tratando estes temas tan serios con sarcasmo e humor negro. A novela puido ser inspirada pola historia de Robert Blincoe, un orfo cuxo relato sobre a dureza da súa vida como traballador infantil nun muíño de algodón tivo unha gran difusión na década de 1830.

A novela foi adaptada en numerosas ocasións para o cine, a televisión e o teatro musical. Traduciuse a numerosas linguas.