Olimpio Liste

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Olimpio Javier Liste Regueiro»)
Olimpio Liste
Nacemento26 de abril de 1932
Lugar de nacementoPontevedra
Falecemento15 de setembro de 2013
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónmestre e etnógrafo
PaiOlimpio Liste Naveira
editar datos en Wikidata ]
Museo Olimpio Liste, de Vigo.

Olimpio Javier Luis Liste Regueiro, nado en Pontevedra o 26 de abril de 1932[1] e finado na mesma cidade o 15 de setembro de 2013[2], foi un mestre de escola especializado na educación de persoas cegas que se dedicou durante case toda a súa vida á recolleita de material etnográfico de todo tipo por toda Galicia, axudado pola súa dona Josefina Fernández Mosquera.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Fillo de Olimpio Liste Naveira. A partir de 1965 comezou a recoller obxectos etnográficos de todo tipo por toda Galicia, como colección particular, constituída por apeiros, ferramentas e trebellos propios dos oficios tradicionais galegos desaparecidos ou en proceso de desaparición. En 1972 fundou o primeiro museo etnográfico de Galicia, o Museo Etnográfico Olimpio Liste de Oseira (Ourense), do que foi o primeiro director. Este museo pechou as portas no verán de 2011 por falta de subvencións.

Ante o constante aumento dos fondos da colección, en 1999 fundou o Museo Etnográfico Liste de Vigo, que pechou polas mesmas razóns o 31 de xaneiro de 2012[3] para volver a abrir no mes de novembro de mesmo ano.

Foi membro da Comisión Territorial de Patrimonio Histórico de Pontevedra desde 1987, membro da Comisión Asesora de Arqueoloxía e Antropoloxía do Museo de Pontevedra, tamén desde 1987, e do Consello Galego de Museos.

Monumento ás panadeiros e panadeiras de Cea.

Colaborou, entre outras actividades, na rehabilitación e uso público dos castelos de Monterrei (Ourense) e Soutomaior (Pontevedra).

Publicou dous traballos etnográficos: As panadeiras de Cea e O presente do pasado, así como diversos artigos de divulgación en diferentes revistas, como La Región, Faro de Vigo, La Voz de Galicia, Diario de Pontevedra etc.

A influencia da súa actividade profesional manifestouse especialmente ó organizar diversas mostras e exposicións, algunhas pensadas especificamente en ser comprensibles por invidentes.

Recoñecementos[editar | editar a fonte]

Foi nomeado fillo adoptivo do concello de San Cristovo de Cea e recibiu os premios Teucro de Prata do concello de Pontevedra (1978), Cidade de Pontevedra (1980), Pedra do Destino, da Coruña (1994), Premio La Voz de Cultura, concedido por La Voz de Galicia (1997), Premio Cumbres del Suido a La Cultura (2009) e Premio Chamoso Lamas (2009).

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]