Old Firm

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Old Firm é unha expresión empregada para facer referencia ós dous clubs de fútbol de máis sona de Glasgow: o Celtic e mailo Rangers. Tamén é usado para facer referencia ós seus derbis, que ó longo da tempada se prolongan a catro na competición ligueira e tamén ven frecuentemente as facianas nalgunha competición copeira coma a Copa de Escocia ou a Copa da Liga de Escocia. O emprego desta denominación provén dos afeccionados do resto de clubs da Escocia que de xeito certamente retranqueiro, quizais influenciados pola envexa de todo o que move un partido destas características, se referían así ós encontros que porían en liza a ámbolos dous equipos.

Máis adiante, nos primeiros anos 80, apareceu o que se deu en chamar New Firm que facía referencia ós enfrontamentos de dous equipos que daquela estaban ben de moda na Escocia por facerlle fronte ós dous clásicos de Glasgow, o Aberdeen F.C. e o Dundee United.

Hai que salientar que ata a fin da campaña 2005-2006 o Old Firm acumulaba un total de 91 títulos de Liga, 64 Copas e 37 Copas da Liga. De tal xeito que estariamos a falar dunha suma de 192 títulos oficiais a nivel nacional. E coma resultado de semellante diferenza de nivel ó longo de case que toda a historia con respecto ó resto de conxuntos escoceses, ámbolos dous equipos de Glasgow tentaron tempo atrás de maneira infrutuosa integrarse nas competicións inglesas pra medra-los seus ingresos e gañar en combatividade. De terse levado isto a bo porto, calculouse que a economía escocesa tería perdido arredor de 120 millóns de £ con todo o que iso podería supor.

Orixe da rivalidade[editar | editar a fonte]

O enfrontamento entre ámbolos dous clubs non ten unha orixe sinxelamente deportiva como a que pode haber entre dous conxuntos calquera que pertencen á mesma cidade, senón que no caso do Old Firm falamos dun transfundo de carácter relixioso. A comunidade católica de Glasgow formada por escoceses desa crenza e irlandeses chegados da emigración eran do Celtic namentres o resto da poboación de Glasgow que tiña crenza protestante ou presbiteriá eran afeccionados do Rangers. Esta inimizade non só deportiva senón que tamén con carácter relixioso produciu durante diferentes etapas da historia dos clubs enfrontamentos entre afeccións nos que se chegaron a rexistrar vítimas mortais.

Pero seica eses tempos xa son cousa do pasado posto que a atmosfera que se vive arestora en Glasgow é moito máis pacífica xa dende hai uns anos. E disto boa culpa a tiveron ámbalas dúas directivas do Old Firm así coma tamén a colaboración prestada polo Parlamento escocés, distintos colectivos relixiosos e outras organizacións.

Polo tanto segue a existir unha grande rivalidade entre os dous equipos mais agora raíña cada vez máis o Fair Play e todo queda no terreo de xogo.