Oktoberfest

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
A Oktoberfest de noite

A Oktoberfest é unha festa da cervexa e unha feira de produtos e diversións celebrada orixinalmente en Múnic, Baviera, e diseminada por varios lugares do mundo. En Múnic, a Oktoberfest comeza a mediados de setembro e remata dúas semanas máis tarde, no primeiro domingo de outubro. De aí o seu nome, Oktoberfest (en alemán, "Oktober" significa outubro, e "Fest", festa ou festival). Ao respecto da participación galega na festa, dicir que a comunidade galega de Múnic participa cunha carroza alusiva a temas galegos.

O festival[editar | editar a fonte]

A Oktoberfest atrae a máis de 6 millóns de visitantes de todo o mundo, converténdose así no meirande festival do planeta. É habitual o uso de traxes típicos de Baviera, de modo que os visitantes visten con lederhosen (pantalóns curtos de pel) os homes e dirndl (traxe tradicional) as mulleres. O acontecemento máis importante durante a festa é o desfile de vestidos típicos da Oktoberfest, unha manifestación costumista, e o paso dos Schützen (tiradores). Isto ten lugar cada ano durante o primeiro domingo. Outros acontecementos pintorescos son o desfile dos cervexeiros, e a apertura oficial do primeiro bocoi de cervexa a cargo do alcalde da vila.

Para o tempo que dura a Oktoberfest os cervexeiros de Múnic fabrican unha cervexa especial (Wiesnbier) con maior contido de alcohol que as cervexas convencionais en Alemaña. Así mesmo, os concesionarios das carpas de venda de cervexa están obrigados a tocar música de banda tradicional até as 18 horas e cun volume máximo de 85 db. Á noite tócanse éxitos do momento e música pop.

Historia[editar | editar a fonte]

A primeira Oktoberfest de Múnic, en 1810, nada tiña a ver coa multitude de turistas, enormes vasos de cervexa e o parque de atraccións da actual festa na capital da Baviera. Naquela época, foi instituída unha corrida de cabalos para conmemorar o casamento do príncipe herdeiro Luís, máis tarde rei Lois I de Baviera, coa princesa Teresa de Saxe-Hildburghausen.

A festa, para a cal estaban convidados todos os moradores de Múnic, tivo lugar nun parque afastado do centro, bautizado Theresienwiese, en homenaxe á noiva. Aínda hoxe é neste mesmo parque onde transcorren os meirdande eventos da Oktoberfest.

A fin e asemade o punto álxido da festa era a corrida de cabalos, coa presenza da familia real de Baviera. O enorme éxito fixo que fose marcada outra festa para outubro do ano seguinte, e así, devagar, comezou a tradición. Coa emigración dos alemáns, a festa mais popular da Alemaña espallouse polo planeta. Hoxe existen Oktoberfest en diversos países, como: Arxentina, Brasil, Estados Unidos, Hong Kong, Italia, Vietnam, entre outros.