Oi!

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Oi!
Orixes do estilo: punk rock, glam rock, pub rock, cancións de tasca, cánticos do fútbol, folk, ska
Orixes culturais: finais dos 70 no Reino Unido
Instrumentos típicos: voces, batería, guitarra eléctrica, baixo
Popularidade: underground, seguido por punkis, skinheads, Herberts e casuals
Derivados: street punk
Subxéneros
punk pathetique

"Oi!" é o nome dado a un subxénero da música punk que busca aliñar o punk coa clase obreira. Comezou a finais de 1977, fusionando os estilos das primeiras bandas punk como The Clash e os Ramones, cos de bandas de rock británicas como os Rolling Stones e The Who, promovendo a unidade entre punks e skinheads. Orixinalmente, o estilo chamouse "streetpunk" ou "reality-punk"; non foi ata comezos dos anos 80 cando o xornalista musical Garry Bushell denominou o movemento como "Oi!", supostamente derivado da canción dos Cockney Rejects "Oi! Oi! Oi!".

As bandas de Oi! orixinais inclúen a Cock Sparrer, Cockney Rejects, Angelic Upstarts, Slaughter and the Dogs, Skrewdriver, The Lurkers, Anti-Nowhere League e Sham 69. Foron seguidos por The Business, The Last Resort, The Burial, The 4-Skins, Combat 84, Infa-Riot, The Blood, Anti-Heros, e outras.

Como bastantes skinheads foron recrutados por organizacións racistas como o Fronte Nacional, algunhas historias de música rock tachan todo o Oi! como racista. Porén, ningunha das bandas de streetpunk orixinais eran particularmente racistas, e algunhas, coma os Angelic Upstarts, sempre foron asociadas coa esquerda e participaron en campañas anti-racismo. Unha posible excepción é Skrewdriver. O primeiro material da banda é considerado habitualmente como Oi! clásico, pero a mediados dos 80 Skrewdriver dirixía unha pequena escena de rock neo-Nazi. Alén do cantante principal Ian Stuart Donaldson, a banda seguía unha liña diferente a de finais dos 70, pero a súa música era recoñecible como Oi!, aínda que eles querían afastarse do punk en xeral, preferindo o termo "R.A.C." ("Rock Against Communism" ("Rock Contra Comunismo") — como reacción ó Rock Against Racism ("Rock Contra o Racismo")). Os membros orixinais de Skrewdriver manifestaron que non querían ser asociados coa versión da banda de Donaldson.

O Oi! tamén está asociado coa dereita política, despois dos eventos do 4 de xullo de 1981 no Hamborough Tavern en Southall, Londres, cando un concerto das bandas The Business, The Last Resort e 4-Skins acabou en disturbios violentos entre a audiencia branca predominante e os asiáticos locais. A pesar diso, paga a pena mencionar que após os sucesos varias bandas Oi! non foron lentas á hora de condenaren o racismo en tódalas súas formas, ademais de negaren calquera tipo de asociación co fascismo.

Desafortunadamente estas negacións foron vistas con cinismo por algúns logo do lanzamento dun álbum recompilatorio titulado Strength Thru Oi, sobre o mesmo tempo máis ou menos. Non só o seu título era un xogo de palabras co eslogan nazi (Strength Through Joy), senón que na portada aparecía Nicky Crane, un activista nazi condenado a catro anos de prisión por violencia e racismo. Gary Bushell, responsable de compilar el álbum, dixo porén que o título procedía do disco de The Skids Strength Through Joy. Tamén negou coñecer a identidade do skinhead da frontal do álbum ata que dous meses despois apareceu no Daily Mail. Bushell, socialista por aquel entón, notou despois a ironía de ser chamado activista de extrema dereita por un xornal que apoiara a Oswald Mosley, as camisas negras, a invasión de Abyssinia por Mussolini, Abyssinia, e tolerancia con Hitler ata a fin da Segunda Guerra Mundial.

O movemento Oi! axiña comezou a perder o seu momento no Reino Unido, pero o Oi! estaba a estenderse por Europa, Xapón e máis América do Norte. Nos Estados Unidos, o fenómeno Oi! foi repetido pola explosión do Hardcore a comezos dos 80, especialmente bandas como Black Flag, Iron Cross, e S.S. Decontrol. Aínda que similar en espírito e influencia ó Oi! (particularmente nas primeiras fases), o Hardcore estendeuse como unha moda peculiar entre a clase media americana (en lugar de na clase obreira) ó aumentar a súa influencia. A mediados dos 90, comezou de novo un interese pola música Oi!, xurdindo novas bandas e un maior recoñecemente polas vellas. Con este renacemento viu un novo esforzo por afastar o Oi! do racismo.

As bandas Oi! recentes inclúen The Templars, Oxblood, The Wretched Ones, Those Unknown, The Lager Lads, Oxymoron e Hard Skin.

En Galiza a principios do oitenta aparecen os primeiros grupos Oi!, a destacar os vigueses Desvirgheitors ou Katarrak en Ourense. Mais tarde aparecen en Vigo outros como Ruin Bois ou Doctor Marten's Beat. Pero sen dúbida o grupo Oi! galego máis recoñecido son os Keltoi!, un grupo galegofalante, antifeixistas, e siareiros do Celta de Vigo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]