Odontoblasto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Dente en desenvolvemento con odontoblastos.
Área da asa cervical (cervical loop), onde se orixina o esmalte dun dente en formación): (1) células do folículo dental, (2) mesénquima dental, (3) odontoblastos, (4) dentina, (5) retículo estrelado, (6) epitelio do esmalte externo, (7) epitelio do esmalte interno, (8) ameloblastos, (9) esmalte.
Esquema dun odontoblasto de incisivo de rata.

Nos vertebrados denomínanse odontoblastos as células orixinadas na crista neural embrionaria que forman parte da superficie externa da polpa dental, e que teñen como misión a formación da dentina do dente ou dentinoxénese, que está debaixo do esmalte. Os odontoblastos son grandes células columnares dispostas nunha capa epitelioide ao longo do límite entre a dentina e a polpa, que chega ata o ápice da raíz dental.

Os dentes da rádula dos moluscos tamén se orixinan por células denominadas "odontoblastos", aínda que non teñen as mesmas características.

Características histolóxicas[editar | editar a fonte]

Os fibroblastos presentan variacións morfolóxicas. Son células columnares altas na coroa do dente e de tipo columnar baixo na metade da raíz. Na porción radicular do dente, os odontoblastos son máis curtos e máis ou menos cuboidais. Cara ao ápice son máis aplanados e parecen fibroblastos. Na rexión coronal da polpa, os odontoblastos son máis columnares, elaboran dentina primaria ou común con túbulos normais. Na zona media, o número de túbulos é menor e son menos regulares. Na rexión apical os odontoblastos están menos diferenciados e elaboran dentina menos tubular e máis amorfa.

En cortes tisulares a aparencia dos odontoblastos varía, dependendo, en parte, da fixación, tinguidura e do plano de corte.

Vistos con microscopio electrónico os odontoblastos son células cilíndricas altas de 3-4x8-10 microns, coa base cara á polpa e o seu extremo apical puntiagudo e rodeado de predentina. No extremo apical teñen longas prolongacións delgadas (prolongacións odontoblásticas), que se continúan polos túbulos de dentina. O núcleo é basal e por riba del presentan un retículo endoplasmático rugoso moi desenvolvido e un gran aparato de Golgi, do cal saen numerosas vesículas cheas de procoláxeno, que son liberadas no extremo apical da célula por exocitose. A secreción está claramente polarizada en dirección apical. [1]

Orixe e secreción de dentina[editar | editar a fonte]

Os odontoblastos aparecen nos sitios onde vai ter lugar o desenvolvemento dos dentes ás 17–18 semanas de desenvolvemento embrionario no útero e permanecen ata a morte a non ser que sexan matados por unha infección bacteriana ou ataque químico, ou indirectamente por outros medios (por exemplo, ser aspirados en operacións odontolóxicas). Os odontoblastos segregan a dentina durante toda a vida (é a dentina secundaria, formada unha vez que a formación do dente é completa), o cal é un xeito de compensar o desgaste natural do esmalte do dente.

Os odontoblastos segregan tamén dentina terciaria cando se irritan. A produción desta dentina terciaria débese a miúdo a ataques químicos, causados por substancias químicas que difunden a través da dentina e irritan aos odontoblastos, ou por difusión de metabolitos tóxicos bacterianos nos túbulos dentinais en casos de carie. Esta dentina terciaria denomínase dentina reactiva (formada como reacción ante un dano). É un intento de facer máis lento o progreso da carie para que non chegue á polpa. En caso de que unha infección se abra paso pola dentina ata chegar á polpa ou preto da polpa, ou no caso da morte dos odontoblastos debido a outro tipo de ataques (por exemplo, químicos ou físicos), as células nais polpares poden diferenciarse en células similares a odontoblastos, as cales segregan a outra forma de dentina terciaria, a dentina reparativa, debaixo do lugar do ataque. Isto non só fai máis lento o progreso do ataque, senón que tamén impide a difusión das bacterias e dos seus metabolitos na polpa, reducindo a probabilidade de necrose parcial da polpa.

A distinción entre os dous tipos de dentina terciaria é importante, porque son secretadas por diferentes células e por diferentes razóns. A dentina reactiva segrégase a distintas velocidades, dependendo da velocidade con que progrese a carie no tecido de enriba. Histoloxicamente, é doadamente distinguible pola súa estrutura desordenada dos tubos, a súa secreción de local (que causa que faga protrusión na cavidade polpar) e o seu grao de mineralización algo menor do normal. O dente pode xeralmente salvarse pola simple reparación. A dentina reparativa segrégase cando a integridade do dente está moi comprometida. Os odontoblastos morren, forzando a diferenciación das células nais polpares en células similares a odontoblastos, que tratan de evitar a infección polpar.

Mecanismo[editar | editar a fonte]

O abundante retículo endoplasmático e aparato de Golgi que teñen, especialmente durante a formación da dentina primaria, o que lles dá unha gran capacidade secretora (primeiramente de matriz coláxena para formar a predentina, despois de mineral para formar a dentina completa). Os odontoblastos segregan tamén a proteína reelina da matriz extracelular [2]. O seu núcleo sitúase lonxe da dentina, co seu aparato de Golgi e retículo endoplasmático sobre el en dirección á dentina, o que reflicte a súa secreción unidireccional. Na formación da dentina inicial o odontoblasto móvese en dirección á polpa, afastándose do límite primitivo entre o epitelio do esmalte interno e a unión dental papilar, formando detrás del unha prolongación celular chamada proceso odontoblástico. A forma bicuda do proceso mantense con fibras do citoesqueleto, principalmente filamentos intermedios. Unha fibra nerviosa A-delta polpar queda envolta na base deste proceso, ou atravesa un pequeno tramo do túbulo dentinal (máximo ~0,1 mm). O proceso crea e mineraliza a matriz na que esta inmerso, formando un túbulo de dentina ou túbulo dentinal. Nun dente completo, este proceso raramente se estende alén de 1/3 do grosor da dentina, o que fai que a teoría da transdución dos odontoblastos para explicar a sensibilidade dental sexa improbable.

As funcións do proceso odontoblástico son as seguintes:

1. Axudar á secreción de dentina tubular (dentina que rodea un túbulo), que despois se organiza e fortalece a dentina como tecido.

2. Mantemento xeral do túbulo dentinal e do fluído dentinal (contido de ión/proteínas, etc.).

3. Segregar dentina esclerótica nas zonas con carie para bloquear o túbulo dentinal, ralentizando o progreso da carie.

4. Canalizar sinais do ataque da carie ao corpo celular do odontoblasto, iniciando neste a secreción de dentina reactiva.

5. Canalizar as forzas hidrocinéticas do movemento de auga ás fibras nerviosas A-delta que rodean a súa base, mantendo a sensibilidade da dentina. [3][4]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]