O viaxeiro astral

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
O viaxeiro astral
Título orixinal The Star Rover, The Jacket
Autor Jack London
Tradutor Xoán Abeleira
País Estados Unidos
Lingua Inglés
Editorial Macmillan
Data de pub. 1915
Páxinas 329 páx.


O viaxeiro astral é unha novela do escritor norteamericano Jack London, publicada en 1915 por primeira vez no Reino Unido como The Jacket e posteriormente como The Star Rover. Foi a súa derradeira novela, e foi publicada en lingua galega en 2007 por Editorial Galaxia, traducida do orixinal inglés por Xoán Abeleira[1]. Narra historias de reencarnación.

Trama[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

O conxunto da historia é contada en primeira persoa por Darrell Standing, un profesor universitario preso con cadea perpetua en San Quintín por asasinato. Os traballadores da prisión tratarán de acalmalo mediante a tortura da chamada "chaqueta", unha camisa de forza. Mais será capaz de non sentir a dor que esta lle causa entrando nunha especie de estado de transo, autohipnotizándose, o que os parapsicólogos chaman desdobramento e que, na linguaxe mística, é coñecido como viaxe astral, fórmula coa que acabará andando entre as estrelas e revivindo experiencias das súas anteriores vidas.

As descricións do uso da camisa de forza no cárcere son reais, descritas por Ed Morrell a Jack London, que ademais de ser un personaxe do libro, quen lle conta ao protagonista como viaxar, foi un ex convicto de San Quintín, que coma o protagonista, pasou cinco anos continuos nunha cela de illamento.

As distintas vidas que o protagonista revive, son en conxunto unha serie de relatos curtos ben escritos, aínda que descontinuos e sen resolver.

Adaptacións[editar | editar a fonte]

  • The Star Rover (filme de 1923): unha película muda.
  • The Jacket (filme de 2005): o director comentou que o filme estaba "lixeiramente baseado nunha historia real que se converteu nunha novela de Jack London.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O viaxeiro astral en www.editorialgalaxia.es
  2. Donald Clarke (13 de maio de 2005). "Full Mental Jacket" (en inglés). Arquivado do orixinal o 20 de decembro de 2009. http://www.webcitation.org/5m9q8k1da. Consultado o 23 de novembro de 2011. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]