O triunfo de Baco

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Velázquez - El Triunfo de Baco o Los Borrachos (Museo del Prado, 1628-29).jpg
O triunfo de Baco
Diego Velázquez, 1628-1629
óleo sobre lenzo
165 cm × 225 cm cm
Museo do Prado (Madrid)

O triunfo de Baco (en castelán El triunfo de Baco) é unha pintura de Diego Velázquez conservada no Museo do Prado de Madrid dende 1819. Coñécese popularmente coma Os borrachos.

Historia[editar | editar a fonte]

A obra foi realizada pouco despois da chegada de Velázquez a Madrid procedente de Sevilla, entre os anos 1626 e 1628, pouco antes da súa primeira viaxe a Italia. Na capital, Velázquez puido contemplar a colección de pintura italiana do rei amosándose abraiado polos cadros de nús que pertencían á colección, así coma polo tratamento que neles se daba do tema mitolóxico.

O lenzo foi pintado para Filipe IV.

A temática da obra[editar | editar a fonte]

O cadro describe unha escena onde aparece o deus Baco que coroa cun ramo de follas de vide a un dos sete borrachos que o arrodean; podería tratarse dun poeta inspirado polo viño [1]. Outro personaxe semimitolóxico observa a coroación. Algúns dos personaxes que acompañan ao deus ollan cara o espectador mentras sorrín.

No lenzo represéntase a Baco coma o deus que premia ou agasalla aos homes o viño que os libera de forma temporal dos seus problemas. Na literatura barroca, Baco era considerado unha alegoría da liberación do home fronte á súa esclavitude da vida diaria. É posible que Velázquez estea a realizar unha parodia desta alegoría por considerala mediocre [1].

A escena pode dividirse en dúas metades. Na metade esquerda está a figura de Baco, moi iluminada, próxima ao estilo italiano inspirado en Caravaggio. O deus está introducido na obra coma unha persoa máis dentro da pequena celebración que se representa, pero o seu tono de pel máis claro permite recoñecelo con maior facilidade: apréciase así a idealización na face do deus, a luz clara que o ilumina e o estilo máis ben clasicista [1]. Baco e o personaxe situado á súa dereita aluden ao mito clásico e están representados de xeito tradicional.

A parte dereita presenta a uns borrachos, homes da rúa que convidan ao espectador a participar na súa festa, cun aire moi español similar a Ribera. Non hai neles ningunha idealización, senón que se presentan con faces avellentadas e desgastadas. Tampouco se mantén nesta parte do lenzo a luz clara que ilumina a Baco, senón que as figuras están sumidas nun claroescuro evidente. Asemade, Velázquez elabora esta metade do cadro cunha pincelada máis impresionista [1].

Nesta obra Velázquez dota dun aspecto profano a un asunto mitolóxico, tendencia que cultivará aínda máis nos seguintes anos. Por outra banda, hai varios elementos que dan naturalismo á obra, coma son a botella e a xarra que aparecen no chan aos pés do deus, ou o realismo que presenta o corpo deste. Xogando cos brillos consegue dar relieve e textura á botella e á xarra, creando unha semellanza co bodegón. Estas xarras con moi semellantes ás que aparecen nos lenzos pintados por Velázquez durante a súa etapa sevillana [1].

Influencias[editar | editar a fonte]

"O prendemento de Cristo", Caravaggio, 1602. Galería Nacional de Irlanda, Dublín. A luz clara que ilumina á figura de Cristo é similar á que emprega Velázquez para resaltar a figura de Baco.

Na obra atópase a influencia de Rubens (segundo algúns autores é este o que lle aconsella pintar a obra); de Caravaggio, con cuxas escenas de retratos de Baco existe conexión; e de Ribera, en cuxos retratos de sabios extremadamente populares (que en ocasións semellan mendigos) se inspira.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 L. Cirlot (dir.), Museo del Prado II, Col. «Museos del Mundo», Tomo 7, Espasa, 2007. ISBN 978-84-674-3810-9, pp. 20-21