O ovo na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Artigo principal: Ovo (alimento).

O que segue recolle unicamente información diversa sobre a pegada do ovo (e indirectamente, algunha da galiña) na cultura popular e na literatura oral galegas. Toda esta información recóllese de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros, etc.

Etnografía[editar | editar a fonte]

Tradicionalmente considerouse pecado botar no lume as cascas dos ovos, por crer que se utilizaron no martirio de San Lourenzo. Outros autores atribúen este costume a un vello culto ó lume, protector dos fogares, ó que non se podía ofender botándolle cousas de refugallo. De aí a frase se hei come-los ovos, que é o millor, non lle hei da-las cascas, que é o pior.

O costume dos ovos de Pascua que se regalan ó abade da parroquia cando vai bendeci-las casas o domingo de Resurrección parece vir, segundo algún etnógrafo, dunha demostración de alegría ó remata-lo xexún a abstinencia da Coresma.

Outras crenzas relacionadas cos ovos son as seguintes:

  • Que os ovos dunha galiña negra son máis nutritivos que os outros, ou que curan certas enfermidades.
  • En Mos (Pontevedra) utilizan unha pasta feita de cascas de ovo fresco e unha herba chamada urbaxán para diagnostica-los aires dos meniños. Colócase esta pasta nun pano de liño sobre o ventre do rapaz enfermo e mírase ó cabo de 24 horas: se o pano está tinxido de vermello, como sangue, é que a causante do meigallo foi unha muller que tiña a menstruación; se se trata dun aire de gata, no pano aparecerán os pelos que a delatan. Esta superstición tamén existe en Ponte Sampaio (Pontevedra), coa única salvedade de que os ovos teñen que ser de galiña negra (Víctor Lis Quibén).
  • Que os galos, cando van vellos (hai quen concreta en sete anos de idade), poñen un único ovo, semellante en todo ó das galiñas pero de non máis de 2 cm. Nuns sitios, deste ovo nace un escorpión, para outros unha cobra ou o mesmo basilisco, animal ponzoñoso por excelencia na imaxinación popular.
O padre Xerónimo Feijoo negaba este último extremo, pero admitía que os galos vellos puxeran tal ovo:
Lo que vulgarmente se cuenta de que el gallo anciano pone un huevo, del cual nace el basilisco, no es solo hablilla de vulgares, también tiene por patronos algunos autores, sin dejar por eso de ser cuento de viejas. Si la vejez del gallo non hiciese tan mala obra, y el basilisco fuera tan maligno como se pinta, ya el mundo estuviera poblado de basiliscos y despoblado de hombres. Es verdad que el gallo en su última vejez pone un huevo; pero falso que este huevo sea de tan malas consecuencias como aquel que, según la fábula, puso Leda, mujer de Tíndaro, y del cual nació la famosa Helena, verdadero basilisco de aquella edad [1].
Risco explícao así: Cuando un gallo de siete años pone un huevo, del huevo sale una serpiente. Si en el momento después que el huevo se abrió la culebra entra en la casa del dueño, si el dueño ve primero a la culebra no hay cuidado. Si la culebra es la que ve primero al dueño, el dueño es seguro que muere en aquel año.

Finalmente, se un nigromante quere crear un demo familiar para os seus maleficios, ten que coller un ovo dun galo negro e fecundalo repetidas veces co sangue do seu dedo maimiño da man esquerda (V. Risco).

Fraseoloxía[editar | editar a fonte]

Refraneiro[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Refraneiro galego sobre o ovo.
Onde a galiña pon os ovos, alí se lle van os ollos
  • A galiña da miña veciña pon máis ovos cá miña.
  • A galiña enriba do ovo, e o cutreño enriba do ouro.
  • A galiña nada no xaneiro pon o ovo no colmeiro.
  • A galiña no xaneiro pon no colmeiro.
  • A galiña non pon do galo senón do papo.
  • A galiña non pon polo galo, senón polo papo.
  • A galiña polo pico pon.
  • A galiña que non pon non lle enche ó seu dono o bulsón.
  • A muller, co bo marido, crece coma o ovo batido.

Locucións[editar | editar a fonte]

  • Andar coma a galiña con ovos: ter moito coidado co que se di ou fai.
  • Andar como cos ovos (Ben se lle percataba que naquel negocio había que andar como cos ovos).
  • Andar ós ovos: pedir ovos polas portas, cousa que se facía cando alguén mataba un lobo ou un raposo, pedindo esmola ós veciños como pago.
  • Cacarexar e non poñer ovo: prometer moito pero logo non dar nada.
  • Cheo coma un ovo: gordo ou, máis usualmente, vaidoso, engreído.
  • Como o ovo: estar cheo, sobrado de todo.
  • Coma o ovo redondiño, que non ten fondo nin buraquiño: dise de algo redondo, esférico, lisiño.
  • Coma un ovo a outro: dise de dúas cousas, actitudes ou persoas que asemellan moito.
  • Coma un ovo a unha castaña: non semellar practicamente nada unha cousa á outra.
  • Este ovo asado vai: dise dunha persoa á que, pola súa idade, xa lle queda pouco tempo.
  • Límpate que estás de ovo: díselle a quen pretende facer ou conseguir algo imposible, que é un iluso.
  • Tripando ovos: andar como pisando ovos; con moito tento e sumo coidado, tanto literal como figuradamente.
  • Un ovo, e ese ben cacarexado: díselle a quen presume do que fai cando en verdade o seu non ten mérito ningún, ou é o único que fixo ben.
  • Un ovo, e ese grolo: díselle a quen só ten un fillo e, aínda por riba, é pouca cousa ou está enfermo, polo que pouca axuda se pode esperar del.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • A cadela pon os ovos,/ a galiña vai ladrar,/ o forneiro está parido/ e a muller vai traballar.
  • A galiña pon o ovo/ pra proveito da muller:/ o home vai pro monte/ ¡come broa si a quer!.
  • A regueifa está na mesa,/ e no medio ten un ovo;/ para cantar a regueifa/ veñan os de San Cristobo. (Explica Ballesteros, que recolleu esta cantiga, que: “En Galicia se conoce la regueifa ó torta que se prepara en las bodas, y de la cual se va cortando un pedazo, que se entrega a los amigos que salen al paso á felicitar á los novios cuando se dirigen el día ó noche de boda á la casa destinada á los mismos. Dicha torta lleva parte de manteca, y, en el centro, un huevo con su cáscara”)
  • Homiños da miña terra/ ¿que levades a vender?/ Ovos de galiña choca/ para vos dar de beber.
  • Mirar si son condenados/ que hasta teñen corazón/ de preguntar si as galiñas/ teñen os ovos ou non.
  • O cariño que che teño/ e mais o que che hei de ter/ cabe na casca dun ovo/ e mais non a ha de encher.
  • Os amores de un casado/ son coma un ovo sen sal,/ coma unha mazá sombriza/ que non sabe ben nin mal.
  • Se queres falar comigo/ e queres non verme torto,/ hasme andar, miña pequena/ como a galiña cos ovos.
  • Teño unha pita podeira/ que pon tres ovos no día,/ mais se me puxera catro/ millor conta me faría.

Adiviñas[editar | editar a fonte]

... O ovo
  • A miña nai é tartamuda,/ o meu pai é cantador;/ teño branco o meu vestido/ e marelo o corazón.
  • Antre dúas paredes brancas/ hai unha frol amarela/ que se pode presentare/ diante do rei de Castela.
  • Augas claras,/ fontes amarelas;/ casas caladas,/ ninguén vive nelas.
  • Barril, barrilote,/ sen tampa e sen batoque.
  • ¿Cal é a cousa, cal é ela,/ que é branca e, caíndo no chan,/ fica amarela?.
  • Curcubico non ten pés,/ nin cu nin bico;/ e o fillo de curcubico/ ten pés, cu e bico. (o ovo e o polo)
  • Dous xatos marelos/ nunha corte de ferro. (os ovos na tixola)
  • Entre cancela e cancela/ hai unha xata marela. (a xema do ovo)
  • Están dous becerriños amarelos/ pastando nun campo de ferro,/ corren que os torce o demo. (os ovos na tixola)
  • Meu amigo tortobico/ non ten cara, cu nin bico;/ mais a nai de tortobico/ ten cara, cu e bico,/ e os fillos de tortobico/ teñen cara, cu e bico. (o ovo, a galiña e o polo)
  • Nunha casiña/ ben encaleada,/ hai un pobriño/ facendo morada. (o pito dentro do ovo)
  • O gato lambón/ comeu tres paxaros,/ catro mexillóns,/ media ducia de ovos;/ ¿cantas cousas son?. (simplemente, media ducia)
  • Señores, de Francia veño,/ meu pai era cantador;/ veño entre paredes brancas/ e amarelo o corazón.
  • Son fillo de pais cantantes,/ miña nai non tiña dentes,/ nin ningún dos meus parentes;/ eu, de min, son todo calvo,/ meu corazón amarelo/ e o meu rostro é todo albo.
  • Un redondín e un redondón/ que non ten tapa nin tapón.
  • Unha corte moura/ con dous bois brancos. (os ovos na tixola)
  • Veño vestido de frade, mais nunca fago oración;/ branco de neve é meu hábito,/ é cor de ouro o corazón.

Nota: cando non se sinala outra cousa, a solución destas adiviñas é o ovo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Cita que transcribe Antón Fraguas de Theatro Crpitico Universal. Discursos varios en todo género de materias para desengaño de errores comunes. Madrid, 1741. Tomo II. Pag. 37-38.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • ÁLVAREZ GIMÉNEZ, E. (1904): Refranero agrícola y metereológico gallego. Pontevedra.
  • EQUIPO A.P. (ALONSO PIMENTEL, Emilio, Xesús e Sara) (1975): O clero na literatura popular galega. Cancioneiro e refraneiro. Madrid: Akal.
  • ESMORÍS RECAMÁN, F. (1959): "Refranero fisterrán" en Cuaderno de Estudios Gallegos 14, 42, 1959.
  • FRAGUAS Y FRAGUAS, A. (1990): La Galicia insólita. Tradiciones gallegas. Cuadernos do Seminario de Sargadelos 51. Sada: Ed. do Castro.
  • GÁRFER, J.L. e FERNÁNDEZ, C. (1984): Adivinancero popular gallego. Madrid: Taurus Ediciones.
  • LEIRAS PULPEIRO, M. (1970): Obra completa. Vigo: Galaxia.
  • LEIRAS PULPEIRO, M. (1931): "Cantares", Suplemento de Nós XXXVI, novembro 1931.
  • LEIRO LOIS, A. (dir.) (1986): Cambados: a tradición oral. Cambados: Colexio Público Castrelo.
  • LIS QUIBÉN, V. (1949): La Medicina Popular en Galicia. Madrid: (reed. Akal, Madrid 1980).
  • MOREIRAS SANTISO, X. (1977): Os mil e un refrás galegos do home. Lugo: Autoedición.
  • PÉREZ BALLESTEROS, J. (1979): Cancionero popular gallego. Madrid: Akal.
  • RISCO, V. (1947): "Creencias gallegas: Tradiciones referentes a algunos animales" en Revista de Dialectología y Tradiciones Populares III,1947.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, E.: Diccionario enciclopédico gallego-castellano. Vigo: Galaxia [tomo I (1958), tomo II (1960), tomo III (1961)].
  • SOBREIRA SALGADO, J. en SANTAMARINA, A. (ed. e dir.) (2004, 3ª ed.): Diccionario de diccionarios. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza & Instituto da Lingua Galega.
  • VALLADARES NÚÑEZ, M. (1884): "Diccionario Gallego-Castellano", en SANTAMARINA, Antón (ed. e dir.) (3ª ed. 2004)(2000-2004): Diccionario de diccionarios. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza & Instituto da Lingua Galega.
  • ZAMORA MOSQUERA, Federico (1972): Refráns e ditos populares gallegos. Vigo: Galaxia.