O escudo de Heracles

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O escudo de Heracles (en grego antigo Ἀσπὶς Ἡρακλέους: Aspis Hêrakléus; en latín, Scutum) é un fragmento de épica grega, composto por 481 liñas de hexámetros. O tema do episodio é a expedición de Heracles e Iolao contra o fillo de Ares chamado Cicno, quen desafiara a Heracles a un combate cando este pasaba preto de Itono (Tesalia). A historia está narrada cunha dicción recargada e pesada. A sección sobreviviu aparentemente polo pracer que proporcionaba a súa meticulosa descrición das imaxes e viñetas representadas en extravagantes relevos sobre o escudo feito por Hefesto para Heracles. A obra foi acriticamente atribuída a Hesíodo na antigüidade, pero probabelmente fose escrita no século -VI, imitando o estilo homérico.

A popularidade d'O escudo de Heracles na Atenas do século -VI pode calcularse a partir das ocorrencias nas que se detecta a súa presenza en vasillas áticas de entre -565 e -480[1] A probabilidade de transmisión oral e literaria durante a mesma época tamén foi estudada.[2]

O escudo de Heracles foi impreso por vez primeira, incluído nas obras completas de Hesíodo, por Aldo Manuzio en Venecia (1495);[3] o texto procedía de manuscritos bizantinos. Na época moderna varios papiros ofreceron seccións do texto, especialmente un papiro do século I en Berlín,[4] un papiro do século II de Oxirrinco[5] e o papiro Rainer de Viena, do século IV . Hai numerosos textos do século XII ao XV.

Compárese esta obra co «Escudo de Eneas» de Virxilio[6] e a moito máis breve descrición do escudo de Creneo na Tebaida.[7] O gramático Epafrodito de Queronea escribiu un comentario sobre O escudo de Heracles no século I que non se conserva, pero aparece citado varias veces por Estevo de Bizancio.

En 2020 María Teresa Amado Rodríguez traduciu a obra por primeira volta ao galego para Rinoceronte Editora.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Shapiro, H. (1984). "Herakles and Kyknos". American Journal of Archaeology (88): 523–539. 
  2. Janko (1986), p. 40.
  3. Hesiod (1495). Theocriti Eclogae XXX: Hesiodi Theogonia, ejusdem Scutum Herculis, ejusdem Georgicon ll. II. Venecia: Aldus Manutius Romani. OCLC 67874126. 
  4. Papiro de Berlín 9774.
  5. Papiro de Oxirrinco 689.
  6. Virxilio, Eneida viii. 617–731.
  7. Tebaida ix.332–338.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Hesíodo, Lattimore, R. A. (1959). The works and days. Theogony. The shield of Herakles. Ann Arbor, University of Michigan Press. OCLC 312161. 
  • Hesíodo, Athanassakis, A. N. (1983). Theogony; Works and days; Shield. Baltimore: Johns Hopkins University Press. ISBN 978-0-8018-2998-7.  Tradución, introdución e comentario.
  • Janko, R. (1986). "The Shield of Heracles and the Legend of Cycnus". The Classical Quarterly New Series 36 (1): 38–59.  Bibliografía da xénese d'O escudo de Heracles en p. 38, nota 1.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]