O club da calceta (novela)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O club da calceta
Autor/aMaría Reimóndez
OrixeGaliza
Linguagalego
ColecciónNarrativa (nº 231)
Xénero(s)Novela
EditorialEdicións Xerais
Data de pub.2006
FormatoRústica con lapelas
Páxinas270
ISBN9788497824378
editar datos en Wikidata ]

O club da calceta é unha novela en lingua galega escrita por María Reimóndez e publicada por Edicións Xerais en 2006. Foi finalista do Premio Xerais en 2005 e acadou o Premio Arcebispo Xoán de San Clemente en 2007.

Trama[editar | editar a fonte]

Seis mulleres de diferentes idades e procedencias xúntanse nun local dunha asociación veciñal para aprender calceta. Alí conversan sobre as súas vidas e os seus problemas, que logran superar ben sexa coa axuda das demais ou mediante a toma de conciencia propia.

Deciden tomar a xustiza pola man e acabar cos homes que lles fan a vida imposible: un avogado que fai entrevistas de traballo, un condutor de autobús groseiro, un cliente do prostíbulo, un dependente dunha tenda de moda, un obreiro da construción e un sacerdote.

Narración[editar | editar a fonte]

A novela está estruturada en sete capítulos. Os seis primeiros, "Elástico", "Dianteira", "Mangas", "Colo", "Traseira" e "Puños", céntranse nos seis personaxes principais, todas elas arquetipos dunha categoría sociolóxica, que buscan a pluralidade de clase social, nivel cultural, idade... O derradeiro, "Xersei", é a narración do seu futuro, moito mellor desde que tomaron as rendas da súa vida[1].

A autora usa un narrador múltiple, alternando a terceira persoa omnisciente coa primeira persoa subxectiva.

A trama está ambientada en Vigo.

A acción principal dura varios meses, con numerosas analepses para rememorar as vidas das protagonistas e o capítulo final ten lugar tres anos despois.

Despois de tres anos estrañoulle un pouco que marchásemos todas a un tempo[2]

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Matilde é unha muller casada, cun corpo moi grande. Monta unha tenda de venda de las. Sobriña de Davinia.
  • Anxos é unha profesora universitaria casada, afín ao marxismo e ao feminismo. Mentres está no club, deixa o marido e o partido político no que milita.
  • Rebeca é unha muller de corpo dez que traballa de secretaria.
  • Elvira é unha beata maior, que vive soa e limpa a igrexa parroquial. É a monitora do grupo.
  • Luz é unha prostituta. Deixa o club no que traballa e monta canda Rebeca unha empresa de asesoramento para mulleres emprendedoras.
  • Fernanda é unha muller coxa, á que lle falta unha perna. Co apoio do seu marido saca o carné e faise condutora de autobuses.
  • Hai ademais unha sétima personaxe, a tía Davinia, unha pantasma que detona a acción e actúa de conciencia da sobriña Matilde. A súa historia percorre todas as páxinas da novela, e a recuperación da súa memoria convértese nun proxecto común[1].

Traducións[editar | editar a fonte]

  • Ao italiano en 2007 por Attilio Castellucci co título de Il clube della calzetta por Gran Via Edizione, coll. M30[3].
  • Ao castelán por Mª José Vázquez co título de El club de la calceta publicada en 2008 pola Editorial Algaida[4].
  • Ao francés por Vicent Ozanam co título de Le club du tricot publicado en 2015 por Solanhets Éditeur[5].

Adaptacións[editar | editar a fonte]

A novela foi adaptada ao teatro por Teatro do Morcego e ao cinema por Antón Dobao (2009).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Ficha na web da editorial.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Liñeira, María (Inverno 06-07). "O nobelo das mulleres". Pretexta (01). 
  2. Reimóndez, María, O club da calceta, Xerais, 2006, páx 268.
  3. Ficha Arquivado 11 de maio de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
  4. Ficha Arquivado 11 de maio de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.
  5. Ficha Arquivado 11 de maio de 2018 en Wayback Machine. en BiTraGa.