O cabalo na cultura popular galega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «O cabalo na cultura popular»)
Véxase o artigo principal: cabalo.

O que segue recolle unicamente información diversa sobre a pegada do cabalo (maila besta e o poldro) na cultura popular e na literatura oral galegas. Toda esta información recóllese de diferentes traballos etnográficos –xerais a toda Galicia ou localizados nun ámbito xeográfico máis concreto-, dicionarios, refraneiros, cantigueiros etc.

Tendo presente que o termo besta non só designa a egua senón tamén a calquera animal de carga, especialmente os équidos, non se pode asegurar que algunha das seguintes manifestacións non se aplique realmente a mulas e burros.

A rapa das bestas[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Rapa das bestas.

A Rapa das bestas é o nome da operación que consiste en cortar a crina dos cabalos que se realiza nos curros celebrados en varias localidades do territorio galego.

A máis coñecida é a rapa das bestas de Sabucedo, no concello da Estrada, que dura tres días: o primeiro sábado, domingo e luns de xullo. De feito, dálle nome á celebración e así fálase da rapa das bestas de Sabucedo, mentres que na maioría dos lugares fálase de curro -o nome do recinto pechado no que se recollen os cabalos.

Fraseoloxía[editar | editar a fonte]

Léxico[editar | editar a fonte]

  • Cabalo: nome festivo do suco [1].
  • Cabalo do demo, cabaliño do demo: libélula.
    • Cabalo da quiobra: libélula [1].
  • Cabalo de mar, cabalo do mar, cabaliño de mar : peixe cuxa cabeza asemella o perfil dun cabalo (Hippocampus sp.) [2].
  • Cabalo mariño: animal fantástico con corpo de cabalo e cola de peixe [3].
  • Cabalo ruán: barbantesa (Mantis religiosa) [1].
  • Cabalo macho: peixe da familia dos gádidos, coñecido como fodón (Trisopterus minutus, antes Gadus minutus) [4].
  • Esporas de cabaleiro: planta (Delphinium sp.) [5].
  • Rabo de cabalo: planta da orde das Equisetales (Equisetum sp.) [5].
  • Cabaleiro: ringleira de herba, mes, etc., que deixa o segador tras de si [1].
  • Cabalo de vapor: cabalo de vapor, unha unidade de potencia da forza motriz das máquinas
  • Cabalos: nubes de treboada que aparecen frecuentemente no verán, Rivas Quintas recolle este refrán meteorolóxico por terras de Maceda: Se os cabalos corren pra Viana, culle os bois e vai á arada; se corren pra Quiroga, culle os naipes e xoga, no que cabalos é metáfora por nubes [6].
  • Poltro da auga: nome vulgar dos petos ou pícidos [7].
  • Uña de cabalo: molusco máis coñecido como peneira ou orella de mar (Haliotis sp.) [8].
  • Uña de cabalo: molusco coñecido como nacra ou navallón (Pinna sp.) [4][8].

Locucións[editar | editar a fonte]

Ter forza coma un cabalo
  • A cabaleiro: montado sobre as costas doutro. Tamén se di ó cabaleiro.
  • A cabaliño: ver a cabaleiro.
  • A cabalo, de cabalo: montando sobre un cabalo.
  • A uña de cabalo: fuxir a todo correr.
  • Alma de cabalo: dise dunha persoa sen escrúpulos.
  • No cabalo de san Francisco: a pé. Pode usarse cos verbos andar, ir, etc.

Refraneiro[editar | editar a fonte]

Dous cabalos rifadores, non poden xuntos comer
  • A besta amatada, de lonxe ve vir a albarda.
  • Á besta axionllada ponlle máis carga.
  • Á besta boa, dálle vara i espora.
  • Á besta cargada, a cincha mátaa.
  • Á besta comedora, pedras na cebada.
  • A besta e a muller, que a preste quen quixer.
  • Á besta golosa, taleiga de area.

Cantigueiro[editar | editar a fonte]

  • A Tupina do Rixón,/ canta de alegre na Vila;/ o cabalo do pintor/ recáchalle o rabo arriba [9].
  • Aquile que anda no baille,/ aquile que entrou agora,/ vaille a besta na ribeira/ busca-lo viño prá voda! [10].
  • Arriba, cabalo mouro,/ lévame desta laguna;/ anque son filla dun probe/ non me troco por ningunha [11].
  • Arrieiros, os de Calvos,/ que pasades pola estrada,/ tende coidado coas bestas/ no lugar de Fontarcada [12].
  • Ben cho dixen, Catuxiña,/ que non foses a Santiago,/ que te habías de asustar/ de ver o Santo a cabalo [13].
  • Cabaleiro que vas da cabalo/ malo fogo che salte no rabo/ tres en riba, tres en baixo/ inda caedes do cabalo en baixo.
  • Cabaliño como o meu/ nono ten o rei de España;/ para mudar unha perna/ necesita unha semana.
  • Canto me pideche/ estáche perdonado,/ pon o pé no estribo,/ monta de a cabalo.
  • Conceución e Benitiña/ ambas eran tecedeiras:/ das orellas do cabalo/ farémoslle as lanzadeiras [14].
  • Costureiriña bonita,/ arrechégate a este valo/ quéroche contar un conto:/ o conto do meu cabalo.
  • Eu ben cho dixen, meniña,/ que non foras a Santiago,/ que te habías de asustar/ de ver o Santo a cabalo [15].
  • Eu xa vin esta-lo demo/ dacabalo dunha bruxa:/ o demo calca que calca,/ a bruxa puxa que puxa [16].
  • Na miña vida tal vin/ na feira de Monterroso:/ vintecinco escribanos/ da cabalo dun raposo.
  • O cabalo do pintor,/ aquile das pernas blancas,/ a Tupina do Rixón/ átalle o rabo con tranzas [17].
  • O crego vendeu a besta/ por lle non da-la cebada/ i agora vai ós enterros/ dacabalo da criada [18].
  • Pasei a Ponte de Ourense/ e paseina dacabalo;/ vin unha troita no río/ i atireille cun zapato [19].
  • Pasei pola túa porta/ co meu cabalo correndo/ e vin a toda túa xente/ i a costureira cosendo [20].
  • Quen te me dera, rapaza,/ en donde xa tuven outra,/ enriba do meu cabalo/ cuberto coa miña roupa.
  • Servir ó rei, quiridiña,/ servir ó rei ¡gran regalo!/ servir ó rei, quiridiña,/ ¡nin da pé, nin da cabalo!
  • Servir ó rei, queridiña,/ servir ó rei, ¡qué regalo!;/ servir ó rei, queridiña,/ ¡nin da pé nin da cabalo!
  • Si ti viras o que eu vin/ alá riba, en Monterroso,/ sete frades dun convento/ da cabalo dun raposo.
  • Si ti viras o que eu vin/ no monte do Monterroso,/ máis de sesenta mil corvos/ da cabalo dun raposo.
  • Vállame Dios si caera/ aquel que vai da cabalo/ ¡o que me había de rir/ aínda que estou apesarado!

Adiviñas[editar | editar a fonte]

...o cabalo
  • Anda no campo,/ ferro no pé/ e cabalo non é (o muíño)
  • Branco no medio,/ estribo no pé,/ rincha que rincha/ e cabalo non é (o tear)
  • Campo branco/ flores negras/ un arado/ e cinco égoas (a man escribindo)
  • Catro cabalos correndo/ un tras doutro/ e non poden coller/ un ó outro (a debandoira)
  • Catro cabalos/ camiño de Francia,/ un tras do outro/ e ningún o alcanza (a debandoira)
  • Catro cabalos/ van cara a Francia,/ corre que corre/ e nunca se alcanzan (a debandoira)
  • Catro cabalos/ van cara a Francia,/ un detrás dos outros/ e nunca se alcanzan (a debandoira)
  • Catro cabalos/ van para Francia./ Un tras doutro/ e ningún se alcanza (a debandoira)
  • No medio daquel campo/ hai un cabalo branco,/ calciño dun pé/ e cabalo non é (o muíño)
  • ¿Que cousa cousiña é: está entre dous penediños/ e relincha como os cabaliños? (a campá)
  • Téñoche gordo,/ máis o quixera,/ aínda que entre as pernas/ non me collera (o cabalo)

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 Elixio Rivas Quintas (1978).
  2. Carme Ríos Panisse (1977)
  3. Eladio Rodríguez González, s. v. cabalo.
  4. 4,0 4,1 Carme Ríos Panisse (1977).
  5. 5,0 5,1 E. Losada, J. Castro e E. Niño (1992).
  6. Elixio Rivas Quintas (2001).
  7. Constantino García González.
  8. 8,0 8,1 Martín Sarmiento: Obra de 660 pliegos.
  9. Xaquín Lorenzo Fernández, 51. A Vila é un lugar da parroquia de San Vicente de Lobeira no concello de Lobeira.
  10. Xaquín Lorenzo Fernández, 44. No orixinal: buscalo, boda.
  11. Xaquín Lorenzo Fernández, 45. No orixinal: de esta, de un.
  12. Xaquín Lorenzo Fernández, 45. Santiago de Calvos, parroquia de Bande; Fonte Arcada, lugar da parroquia de San Martiño de Aguís, concello dos Blancos, aínda que Xaquín Lorenzo sitúa esta parroquia en Xinzo. O Dicionario da Real Academia Galega de 1913 recollía esta cantiga así: Arreeiros, os de Calvos/ Que paseades a estrada;/ Tede cuidado co-as bestas/ No lugar de Fontercada.
  13. Xaquín Lorenzo Fernández, 53.
  14. Xaquín Lorenzo Fernández, 64.
  15. Xaquín Lorenzo Fernández, 79.
  16. Xaquín Lorenzo Fernández, 84. No orixinal: vín, estalo, de unha.
  17. Xaquín Lorenzo Fernández, 115.
  18. Xaquín Lorenzo Fernández, 116. No orixinal: dala.
  19. Xaquín Lorenzo Fernández, 128. No orixinal: paséi. Refírese á ponte romana de Ourense, a Ponte Vella. O arco central da ponte foi reconstruído polo bispo Lourenzo (1218-1248), despois de moito tempo de estar caído. Mentres non se arranxou, o Miño cruzábase por dúas barcas, unha do concello, no mesmo lugar da ponte, e outra do Cabido, no Portovello. Xaquín Lorenzo transcribe unha cantiga asturiana que acredita a existencia desas barcas: "Pasé la barca de Orense,/ pasela de madrugada,/ pasela en el mes de enero/ cuando llovía y nevaba", cantiga que pode falar daquel período de tempo ou ser máis moderna e falar doutra barca que cruzase o río durante momentos de reparacións ou interrupción do paso (Xaquín Lorenzo Fernández, 258).
  20. Xaquín Lorenzo Fernández, 129. No orixinal: paséi.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • GARCÍA GONZÁLEZ, Constantino: Glosario de voces galegas de hoxe, Verba, anexo 27, Universidade de Santiago 1985.
  • LORENZO FERNÁNDEZ, Xaquín: Cantigueiro popular da Limia Baixa, Galaxia, Vigo 1973.
  • Losada, E., Castro, J. e Niño, E.: Nomenclatura vernácula da flora vascular galega, Xunta de Galicia 1992.
  • RÍOS PANISSE, M. do Carmo: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia I. Invertebrados y peces, Verba anexo 7, Universidade de Santiago 1977.
  • RIVAS QUINTAS, Elixio: Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca 1978.
  • Elixio Rivas Quintas: Frampas III, contribución al diccionario gallego, 2001, no Dicionario de Dicionarios.
  • RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, Eladio: Diccionario enciclopédico gallego-castellano, Galaxia, Vigo 1958-1961.
  • Martín Sarmiento: Obra de 660 pliegos (1762).