Tapadeira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Nymphaea alba»)
Tapadeira

Ninfea branca
Clasificación científica
Reino: Plantae
Subreino: Tracheobionta
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Subclase: Magnoliidae
Orde: Nymphaeales
Familia: Nymphaeaceae
Xénero: Nymphaea
Especie: N. alba
Nome binomial
Nymphaea alba
L.

Sinonimia

A tapadeira[1][2] ou ambroíño de río[3] (Nymphaea alba, tamén chamada ninfea branca europea ou rosa de Venus) é unha planta acuática da familia das ninfáceas, que medra nos regueiros quedos e nos encoros das rexións temperadas de Europa, tolerando incluso augas poluídas. Florea entre xuño e setembro, sendo a recolla da flor polo verán e polo outono. Común nas augas quedas de toda Galiza.

Descrición[editar | editar a fonte]

O froito é unha baga que madura baixo a auga. Florece entre xuño e xullo.

A tapadeira ten un rizoma reptante, carnoso e horizontal, que prende no leito do curso ou encoro de auga no que a ninfea mora. As follas, de 10 a 30 cm de diámetro, boian grazas aos longos pecíolos; son grandes, cordiformes e ben lobuladas, de textura coriácea e cor verde clara. As flores, tamén arredondadas, miden de 5 a 12 cm e levan moitos pétalos que forman unha coroa branca; gradualmente transfórmanse en estames con filamentos brancos e anteras amarelas. Son moi recendentes e fican solitarias, son hermafroditas, cun longo pedúnculo e de cores abrancazadas e rosadas; o cáliz componse de catro sépalos, e a corola de até unha cincuentena de pétalos grosos. Os estames son numerosos, provistos de anteras amarelas. A polinización pode ser autógama ou entomógama. O froito, un aquenio, espalla as sementes por hidrocoria. 2n = 56, 84.

Distínguese da estreitamente emparentada ninfea branca boreal, Nymphaea candida J.Presl & C.Presl 1822 , polo número de cromosomas nas células somáticas (2n = 84). Coñécense dúas subespecies, Nymphaea alba subsp. alba, xa descrita por Linné, e Nymphaea alba subsp. occidentalis.

Distribución[editar | editar a fonte]

Dende a China, a India, Rusia, o suroeste asiático e o Cáucaso até Europa e até Marrocos, Alxeria, Tunisia polo sur.

Galiza[editar | editar a fonte]

As tapadeiras aparecen en ríos de pouca corrente e lagoas de toda Galiza onde florea entre xuño e xullo. O nome de tapadeira fai referencia ao xeito de cubrir ou tapar a tona da auga coas súas follas. O termo ambroíño de río fai referencia á forma do froito, coma un ambroíño (unha ameixa).

Lenda de Cupido e Ninfea[editar | editar a fonte]

Irritado polos desprezos da deusa Diana, Cupido tomou un día as súas setas, montou o seu arco, colleu unha delas e apuntouna ao corazón de Diana. A seta voou ao seu albo, mais non feriu a Diana, que nun movemento rápido puido esquivala. Porén, a seta furou o seo de Ninfea, unha das ninfas de Diana.

Ninfea ficou así namorada, e o seu corazón experimentou o que nunca antes sentira; unha ardencia descoñecida consumíaa. debateuse logo entre un desexo cego e o pudor. Maldiciu as leis austeras, e amargamente queixouse do xugo que lle impuña a necesidade. Tratou dentro de si de arrincar a seta, mais non puido. Soltou laios polas fragas. «Oh, rubor! -exclamou-; ti, o máis precioso e máis fermoso enfeite dunha ninfa sacra; se o meu espírito é culpábel para contigo dun sentimento vivo que che ofende, o meu corpo é aínda inocente; que sexa de abondo esta vítima para a túa furia suprema; que esta pura onda me lave dun crime que concebín para a miña pena, e que a miña vontade con horror aborrece.»[4] Así dixo, e erguendo ao ceo os seus ollos, cheos de bágoas, precipitouse ás augas. As súas compañeiras mentres tanto andaban na súa procura. As dríades atopárona finalmente. Diana deplorou o horríbel fado de Ninfea, mais non permitiu que o seu corpo se mergullase. Sobre das ondas da auga, fíxoa boiar, e convertiuna na flor que leva o seu nome ninfea, dun brancor brillante, cun talo maxestoso de largas follas verdes. Dende aquela, as augas que arrodean as ninfeas son quedas e calmas.

Quixo Diana que, posto que Ninfea calmara os lumes da paixón do fillo de Venus no frío elemento da auga, así mesmo a flor ninfea tivese a propiedae de calmar, e de depauperar os sentidos para non se entregar aos ardores da voluptuosidade.

Dende entón, as ninfas non temen xa as setas de Cupido, pois a humilde flor ninfea as protexe, abeira e lles serve coma antídoto aos ataques do amor.

Usos[editar | editar a fonte]

Atribuíronselle propiedades medicinais como afrodisíaco, calmante e anticolinérxico. Usábase noutrora en mosteiros e seminarios a xeito de infusión. Supostamente pódese usar en ninfomanías e erectismo xenital.

As sementes poden usarse como sucedáneo do café e as flores poden conservarse en moira.

Porén, o cultivo da tapadeira (N. alba) é maiormente ornamental; unha variedade de cor vermella, procedente do lago Fagertärn en Tividen, Suecia, ten moita sona, malia estar a colla moi restrinxida coma planta brava hoxe en día.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]