Nuku Hiva

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nuku Hiva
Nuku-Hiva.png
Localización
Nuku Hiva 02.jpg
Situación
País Flag of France.svg Francia
Colectividade de ultramar Polinesia francesa
Arquipélago Illas Marquesas
Mar Océano Pacífico
Coordenadas

8°52′S 140°06′W / 8.867°S 140.100°W / -8.867; -140.100Coordenadas: 8°52′S 140°06′W / 8.867°S 140.100°W / -8.867; -140.100{{#coordinates:8|52|S|140|06|W||| | |name=

}}
Xeografía
Superficie 387 km²
Longura máxima 25 km.
Largura máxima 17 km.
Punto máis alto 1.224 m. Monte Tekao
Demografía
Capital Taiohae
Poboación 2.966 hab. (2012)
Densidade 7´66 hab./km²

Nuku Hiva é a máis grande das illas Marquesas, na Polinesia francesa. Está situada no grupo norte do arquipélago.

Xeografía[editar | editar a fonte]

A illa ten unha superficie total de 387 km², e unha altitude máxima de 1.224 m no monte Tekao situado ao noroeste. A parte central da illa é unha planicie elevada chamada Tovi´i. Cara ao leste e o sur ábrese nuns profundos vales que recollen a auga de choiva e na costa forman baías protexidas. As máis notables son Hakaui, Taiohae e Taipivai. En cambio, a párte norte e oeste son máis secas, ata o punto que o extremo noroeste denomínase «o deserto». É neste deserto onde está o aeroporto da illa.

A baía de Taiohae é de feito un antigo cráter afundido. A cada lado da entrada hai un illote: o Sentinela Este e o Sentinela Oeste. No fondo da baía atópase a vila de Taiohae, centro administrativo das illas Marquesas que substituíu a Atuona de Hiva Oa como capital. Detrás de Taiohae levántase o monte Muake de 864 metros de altitude. Ao leste da vila destaca a catedral de Nôtre-Dáme.

A illa está dividida en tres comunas asociadas: Taiohae, Taipivai e Hatiheu. A poboación total era de 2.652 habitantes no censo do 2002. As principais actividades económicas son a agricultura, a artesanía e o turismo.

Na vexetación da illa abundan as árbores froiteiras (cocos, bananeiras, mangos, papaios, ananases, pomelos, laranxeiras e limoeiros) e as flores (buganvíleas, frangipanes, loureiro, tiares, hibiscos, xasmíns e rosas). Entre os insectos atópanse mosquitos, moscas, cempés, abellas, escorpions non velenosos e os famosos «nonos» de picada desagradable.

O clima é tropical suavizado polos ventos alisios. A temperatura varía entre 25 °C e 34 °C. A estación de choivas é de abril a agosto.

Baia de Taiohae en Nuku Hiva

Historia[editar | editar a fonte]

Os restos arqueolóxicos datan os primeiros establecementos humanos ao redor do ano 150 adC. Entre os séculos XII e XIII edificáronse numerosas construcións de pedra: templos (me'ae), plataformas como base para as cabanas (pa'epa'e), e estatuas antropomorfas (tiki) relacionadas cos moai da illa de Pascua. Debido á orografía da illa, con vales illados e só comunicados por mar, producíanse moitas guerras tribais e os habitantes eran temidos como guerreiros e caníbales. Tradicionalmente os homes tatuábanse completamente o corpo, incluída a cara, dando un aspecto aínda máis feroz.

O primeiro navegante que a descubriu foi o norteamericano Joseph Ingraham, en abril do 1791, que o chamou Federal. Os franceses reclamaron o descubrimento cando chegou Etienne Marchand en xullo do mesmo ano, e chamouna Baux, nome do armador da primeira expedición comercial francesa no Pacífico. Os ingleses acreditaron o descubrimento a Richard Hergest que o ano seguinte bautizouno como Henry Martin. A espléndida protección da rada de Taiohae fixo que acto seguido fose visitada por numerosos barcos comerciais, baleeiros e aventureiros.

En 1804 o ruso Krusenstern fixo a primeira descrición da illa e os seus habitantes. Atopou ao inglés Robarts e ao francés Cabry, que facía seis anos naufragaran nun baleeiro. A piques de ser sacrificados foron salvados a petición da filla do xefe que acabou casándose co francés. Isto os enemistóu e, para pór paz, Krusentern retorná ao francés a Europa onde acabou exhibindo as súas tatuaxes nos circos.

En 1813, durante a segunda guerra anglo-americana, o estadounidense David Porter estableceu a súa base de operacións en Nuku Hiva, facendo a guerra de corsario aos barcos ingleses. Coa axuda do inglés Wilson, que se estableceu na illa, constrúe o Forte Madison, nome que tamén deu á illa honrando ao presidente estadounidense James Madison. Os prisioneiros ingleses, coa axuda de Wilson, rebeláronse e conseguiron fuxir da illa. Cando volveu Porter atopou como único sobrevivente ao inglés Peters. Anteriormente Peters xa se escapou da xustiza española e inglesa. Agora, novamente, salvouse de ser sacrificado grazas á filla dun xefe.

En 1842, Jules Dumont d'Urville tomou posesión por Francia. Un espectador da cerimonia foi o norteamericano Herman Melville que acto seguido desertóu do seu baleeiro e escondeuse en Taipivai. A vida nun paraíso, pero á vez prisioneiro duns caníbales, describiuno despois na novela Typee, iniciando o xénero romántico da literatura dos Mares do Sur.

A poboación quedou drasticamente reducida debido ás enfermidades importadas, como a vexigas, o consumo de opio introducido polos chineses, e o alcol. Duns 12.000 habitantes que vivían en 1842, só en quedaban 635 en 1934.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Nuku Hiva