Nozomi

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nozomi / Planet B
Representación artística de Nozomi
TipoCientífico
OrganizaciónISAS[1]
Data de lanzamento3 de xullo de 1998, 18:12 GMT[2][3][4]
Foguete portadorM-5[1][3]
Sitio de lanzamentoCentro Espacial de Kagoshima[3][5][6]
Obxectivo da misiónEstudo de Marte[3][6]
NSSDC ID1998-041A
Masa258 kg (baleiro), 540 kg (con propelente)[1][3][6]

Nozomi (のぞみ, significando Desexo ou Esperanza), previamente coñecida como Planet B, foi unha sonda espacial xaponesa lanzada o 3 de xullo de 1998 mediante un foguete M-5 desde o Centro Espacial de Kagoshima. O seu obxectivo principal era o estudo de Marte, pero diversos problemas lle impediron entrar en órbita marciana.[1][3]

Características[editar | editar a fonte]

A misión principal de Nozomi era estudar Marte desde a perspectiva da aeronomía. Estaba destinada a observar ante todo as capas superiores da atmosfera marciana e a súa interacción co vento solar, así como a súa estrutura, composición e a dinámica da ionosfera, a perda de compoñentes da atmosfera no espazo, o campo magnético do planeta e o po contido na atmosfera e a observación da superficie mediante cámaras.[1][3][4][5]

A sonda tiña forma de prisma cadrado truncado, de 0,58 m de altura e 1,6 m de lado. Dous paneis solares con células de silicio sobresaían de lados opostos do prisma, producindo electricidade que era almacenada en baterías de hidruro de níquel. Na parte superior a sonda montaba unha antena parabólica de alta ganancia, mentres que na parte inferior situábase o sistema de propulsión principal. Dous mastros de 1 e 5 metros partían de sendos lados da nave, así como dous pares de antenas de fío cunha envergadura total de 50 metros. Os 14 instrumentos científicos, cunha masa total de 33 kg, ían colocados en varios dos lados da nave. As comunicacións coa Terra tiñan lugar en banda X, a 8410,93 MHz, e en banda S, a 2293,89 MHz.[1][3][4][5]

Perfil da misión[editar | editar a fonte]

Tras o seu lanzamento o 3 de xullo de 1998, Nozomi entrou nunha órbita xeocéntrica cun perixeo de 340 km e un apoxeo de 400.000 km. O 24 de setembro e o 18 de decembro a nave sobrevoou a Lúa para aumentar o seu apoxeo para finalmente, o 20 de decembro e tras achegarse a 1000 km da Terra, partir cara Marte grazas ó pulo do seu motor cun encendido que debía ter unha duración de 7 minutos. A chegada ao planeta roxo estaba prevista para o 11 de outubro de 1999, pero o encendido do motor durante a súa partida foi incompleto debido á perda de propelente causada por unha válvula defectuosa, imposibilitando entrar na órbita interplanetaria planeada. O 21 de decembro tiveron lugar dous acendidos para a corrección da traxectoria, pero usaron máis propelente do calculado, deixando á nave sen propelente suficiente para chegar a Marte.[1][3][6]

Órbita orixinal planeada para Nozomi, á esquerda, e a traxectoria modificada, á dereita (en francés).

Os controladores de Nozomi planificaron unha nova traxectoria que implicaba deixar á nave en órbita heliocéntrica durante catro anos, sobrevoar dúas veces a Terra en decembro de 2002 e xuño de 2003 e chegar a Marte en decembro de 2003, conseguindo chegar ó seu destino catro anos máis tarde do previsto. O 21 de abril de 2002 Nozomi viuse afectada por unha erupción solar que afectou e danou parcialmente os sistemas de comunicacións e de enerxía de a bordo. A pesar de todo os controladores conseguiron que a nave sobrevoase a Terra á distancia adecuada. Os danos da erupción solar afectaron ó sistema de quecemento do propelente, necesario para que non se conxelase e puidese fluír cara ao motor. O 9 de decembro de 2003 a nave debía usar o seu motor para orientarse adecuadamente en preparación á inserción orbital en Marte do 14 de decembro pero tras varios intentos fracasados posiblemente debidos á conxelación do propelente, a misión deuse por perdida. O 14 de decembro Nozomi pasou a 1000 km de Marte sen conseguir frear e poñerse en órbita do planeta.[1][3][6]

Instrumentos[editar | editar a fonte]

Nozomi levaba catorce instrumentos científicos a bordo, algúns agrupados nun mesmo experimento:[3]

  • Cámara de toma de imaxes.
  • Espectrómetro de masas neutras.
  • Contador de po.
  • Analizador de plasma térmico.
  • Magnetómetro.
  • Analizadores espectrais de electróns e ións.
  • Experimento de partículas de alta enerxía.
  • Espectrómetro ultravioleta.
  • Sondador e detector de ondas de plasma.
  • Analizador de ondas de baixa frecuencia.
  • Sonda de temperatura de electróns.
  • Escáner ultravioleta.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 1,7 Gunter Dirk Krebs (2011). Gunter's Space Page, ed. "Planet B (Nozomi)" (en inglés). Consultado o 16 de abril de 2015. 
  2. N2YO (2011). Real Time Satellite Tracking, ed. "NOZOMI (PLANET-B)" (en inglés). Consultado o 16 de abril de 2015. 
  3. 3,00 3,01 3,02 3,03 3,04 3,05 3,06 3,07 3,08 3,09 3,10 NASA (26 de agosto de 2014). "Nozomi" (en inglés). Consultado o 16 de abril de 2015. 
  4. 4,0 4,1 4,2 "Note verbale dated 19 April 1999 from the Permanent Mission of Japan to the United Nations (Vienna) addressed to the Secretary-General" (PDF) (en castelán) (99-84383). 25 de maio de 1999: 3. ST/SG/SER.E/355. Consultado o 2 de xullo de 2019. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Claude Lafleur (2010). "Planet B / Nozomi" (en inglés). Consultado o 16 de abril de 2015. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 Mark Wade (2011). "Nozomi" (en inglés). Consultado o 16 de abril de 2015. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]