Novum Organum

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Novum Oganum, 1645

O Novum Organum (ou Indicacións relativas á interpretación da natureza, publicado en 1620) é a obra principal do filósofo británico Francis Bacon, quen concibía a ciencia como unha técnica, capaz de dar ao ser humano o dominio sobre a natureza.

O Novum Organum trata sobre a lóxica do procedemento técnico-científico, unha lóxica contraposta á aristotélica (cuxo tratado se titulaba, precisamente, Organon), e que, segundo Bacon, resultaba boa só para a disputa verbal.

Bacon pensaba que era necesario que a intelixencia humana se apropiara de instrumentos eficaces para dominar a natureza. Este instrumento serían os experimentos, que interpretan e dan forma aos datos da experiencia sensíbel. Cómpre librarse dos prexuízos que obstaculizan as novas ideas. A estes prexuízos Bacon denominábaos "ídolos", aos que clasificou da seguinte maneira:

  1. Idola tribus (ídolos da tribo). Aqueles prexuízos comúns ao xénero humano, que ocorren a causa das deficiencias do propio espírito humano e revélanse pola facilidade con que xeneralizamos con base nos casos favorábeis, omitindo os desfavorábeis. Son así chamados porque son inherentes á natureza humana, á propia tribo ou raza humana. Astroloxía, alquimia e cábala son exemplos destas xeneralizacións.
  2. Idola specus ou ídolos da caverna. Resultan da propia educación e da presión dos costumes e hábitos de cada persoa. Hai, obviamente, unha alusión á alegoría da caverna platónica.
  3. Idola fori (ídolos da praza pública —ou foro—). Están vinculados ao mal uso que facemos da linguaxe.
  4. Idola theatri (ídolos do teatro ou da autoridade). Ocorren pola subordinación á autoridade (por exemplo, a de Aristóteles). Os sistemas filosóficos carecían de demostración, e para Bacon eran pura invención, como as pezas de teatro.[1]

A teoría dos prexuízos constitúe a parte crítica e destrutiva (Pars destruens) do tratado.

A parte construtiva (Pars conmstruens) estuda o modo en que debe organizarse a experiencia. É un discurso sobre o método científico. A trabe mestra deste método é a indución. Para organizar e interpretar os datos da experiencia (e para facer experimentos) Bacon propuxo a súa "teoría das tres táboas" (ou tres rexistros):

  • Na primeira ("Táboa de presenza") fala dos feitos os fenómenos que se dan na natureza. (por exemplo, os raios do Sol, que producen calor).
  • Na segunda ("Táboa de ausencia") menciona os feitos nos que non se dá este fenómeno.(Por exemplo, os raios da Lúa, que non producen calor.)
  • Na terceira ("Táboa de graos") sinala os casos nos que a natureza observada aparecen en distintos graos de intensidade. (Feitos en que hai variación).[2]

A partir desta investigación intervé a indución: compáranse os diferentes casos, interprétanse, constrúese unha primeira hipótese e se procede á experimentación. Tras un longo traballo chegarase a unha hipótese crucial que, de verificarse, será a causa e a natureza do fenómeno examinado.

Bacon investigaba a natureza das cosas, a súa substancia e a súa esencia. Porén, a ciencia moderna (a partir de Galileo) non se ocupa tanto da natureza das cousas como das relacións existentes entre elas: sería unha ciencia de relacións lóxico-matemáticas e non de substancias. Nas ciencias naturais é necesaria unha estratexia de observación atenta e paciente. Charles Darwin será debedor de Bacon na súa obra A orixe das especies.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Diccionario de filosofía. Letra "I" en tododeiure.com.ar (en castelán) Consultada o 26/12/2012.
  2. Bacon y el comienzo de la filosofía inductiva Arquivado 27 de setembro de 2007 en Wayback Machine. en Revistas humanas. (en castelán) Consultada o 26/12/2012.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros arugos[editar | editar a fonte]