Normativa oficial do galego - Sufixos e terminacións

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Normativa oficial do galego
Índice
  1. O alfabeto
  2. A acentuación
  3. O guión
  4. Uso das maiúsculas
  5. A diérese
  6. O apóstrofo
  7. Os signos de interrogación e de admiración
  8. Grupos consonánticos
  9. Sufixos e terminacións
  10. Outras particularidades
  11. Formación do plural
  12. Formación do feminino
  13. Comparativos e superlativos
  14. O artigo
  15. Pronomes
  16. Numerais
  17. Verbo
  18. Adverbios e locucións adverbiais
  19. Preposicións e locucións prepositivas
  20. Conxuncións e locucións conxuntivas

9. Sufixos e terminacións

No referente a sufixos e terminacións o galego adopta solucións propias, que unhas veces son específicas e outras veces coinciden, en xeral, co portugués e, parcialmente, co castelán e con outras linguas románicas. A continuación faise referencia aos sufixos e terminacións que poden presentar algún problema.

-ancia, -encia,-iencia, -uencia, -cia, -cio, -za, -zo[editar | editar a fonte]

Nas palabras cultas, en xeral as de entrada máis recente, coincide o galego co castelán e co portugués, pois nos tres idiomas consérvanse estas terminacións sen alteración na forma.

Así, teñen -ancia, entre outros, os substantivos abundancia, alternancia, arrogancia, circunstancia, constancia, discordancia, distancia, elegancia, estancia "cuarto, estadía", extravagancia, exuberancia, ganancia, ignorancia, importancia, infancia, petulancia, redundancia, repugnancia, resonancia, substancia, tolerancia, vixilancia, etc.

Teñen terminación -encia, -iencia ou –uencia, entre outros, adolescencia, aparencia, ascendencia, descendencia, diverxencia, esixencia, incidencia, independencia, indulxencia, inocencia, intelixencia, presidencia, procedencia, referencia, residencia, reticencia, urxencia, virulencia, vixencia; audiencia, ciencia, conciencia, consciencia, conveniencia, deficiencia, desobediencia, eficiencia, experiencia, impaciencia, inconsciencia, inconveniencia, inexperiencia, insuficiencia, obediencia, omnisciencia, paciencia, proveniencia, sapiencia, subconsciencia, suficiencia; afluencia, altilocuencia, anuencia, confluencia, consecuencia, delincuencia, efluencia, elocuencia, fluencia, frecuencia, grandilocuencia, incongruencia, inconsecuencia, influencia, secuencia, etc.

Teñen terminación -cia, entre outros, acacia, audacia, avaricia, contumacia, delicia, eficacia, falacia, farmacia, ictericia, impericia, inmundicia, malicia, milicia, noticia, pericia, perspicacia, pertinacia, suspicacia, etc. Entre estas palabras está Galicia, denominación oficial do país e forma maioritaria na expresión oral e escrita moderna. Galiza é tamén unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada na época medieval, que foi recuperada no galego contemporáneo.

Teñen terminación -cio formas coma anuncio, artificio, beneficio, bulicio, cartapacio, cilicio, comercio, consorcio, desperdicio, divorcio, edificio, exercicio, ficticio, hospicio, maleficio, necio,negocio, nuncio, oficio, orificio, palacio, patricio, precipicio, prefacio, propicio, sacerdocio, sacrificio, silencio, socio, vicio, xentilicio, etc.

Noutras palabras o galego conserva a forma coincidente coa portuguesa e diferente da castelá. Así, en andazo, avinza, cansazo, cobiza (cobizar, cobizoso, etc), crenza (descrenza), diferenza (indiferenza), doenza, espazo (espazar, espazoso), estanza ('estrofa'), graza (desgraza), licenza, nacenza (renacenza), novizo, perseveranza, pertenza (xunto aocultismo pertinencia, con significado diferente), presenza, prezo (desprezo, menosprezo, prezar, desprezar), querenza (benquerenza, malquerenza), sentenza, servizo (servizal), tenza (mantenza), terzo (terza, terzá, terzar), xuízo (axuizar, prexuízo), xustiza (axustizar, inxustiza,xusticeiro). Hai palabras sen correlato nunha ou nas dúas linguas veciñas, como habenza.

Moitas palabras introducidas por vía popular teñen a terminación patrimonial -zo/-za (port. -ço/-ça) nos tres idiomas. Por exemplo, finanza (port. finança,cast. finanza), preguiza (port. preguiça, cast. pereza), postizo (port. postiço, cast. postizo).

-ción, -sión[editar | editar a fonte]

Mantéñense os dous sufixos nas palabras cultas: acción, admiración, aliteración, atención, bendición (ao lado da forma patrimonial beizón), canción, codificación, composición, condenación, disolución, edición, educación, emigración, emoción, indicación, lección, manipulación, nación, perturbación, restauración, vacación, etc.; admisión, concesión, confesión, división, evasión, excursión, expansión, invasión, lesión, previsión, revisión, televisión, versión, etc.

Levan -zón palabras patrimoniais como doazón,razón, sazón, torzón, traizón, etc.

-nte[editar | editar a fonte]

Esta terminación permite formar adxectivos ou substantivos sobre a base dun verbo. Os que o fan sobre verbos da primeira e da segunda conxugacións manteñen inalterada a vogal temática correspondente: cantante, camiñante; valente, crente, nacente, crecente.

Os relacionados con verbos da terceira conxugación, pola contra, non presentan un resultado uniforme. Os máis deles son cultismos que se remontan á correspondente forma latina, no canto de formárense sobre o verbo romance, polo que presentan como vogal temática e ou ie: maldicente, maledicente; producente, contraproducente; incidente, reincidente; transixente, intransixente; lucente, relucente; escribente; constrinxente; insurxente; influente, confluente, afluente; vivente, supervivente; consecuente, subsecuente, etc.; ou expediente, conveniente, proveniente, interveniente, nutriente, recipiente, saliente, sobresaliente, etc. Só uns poucos verbos da terceira conxugación presentan unha forma nominal con vogal temática i: concluínte; contribuínte; saínte; seguinte, conseguinte; oínte ou ouvinte; constituínte, reconstituínte.

Sobre os verbos durmir e servir os derivados esperados deberían presentar -ie- (como cultismos) ou -i- (como derivados romances). En lugar destas formas rexístranse como patrimoniais dormente (adx. e subst.) e servente (subst.).

-mento[editar | editar a fonte]

Os substantivos formados con este sufixo manteñen en todos os casos a vogal temática do verbo que lles serve de base: acabamento, regulamento; esquecemento, coñecemento; revestimento, resentimento.

-se[editar | editar a fonte]

As voces cultas con orixe nos nomes gregos en –sis adoptan a terminación -se e son todas do xénero feminino: análise, antítese, apoteose, arteriosclerose, base, catálise, catequese, crase, crise, diagnose, diátese, diérese, diocese, dose, eclipse, electrólise, elipse, énfase, cirrose, esclerose, esexese, éxtase, fase, fotosíntese, frase, hemoptise, hidrólise, hipnose, hipótese, metamorfose, metástase, narcose, neurose, osmose, paráfrase, paréntese, perífrase, prolepse, prótase, prótese, psicose, simbiose, sindérese, sinopse, síntese, tese, tuberculose, xénese.

Non pertencen a este grupo as palabras oasis e chasis.

-ite e -te[editar | editar a fonte]

En correspondencia coas palabras do grupo anterior, e por razóns similares, esta é tamén a adaptación das palabras coasterminacións gregas -itis e -tis, todas elas femininas: amigdalite, apendicite, artrite, bronquite,c ardite, colite, conxuntivite, diabete, encefalite, endocardite, enterite, estomatite, farinxite, gastrite, glote, hepatite, larinxite, meninxite, miocardite, nefrite, neurite, otite, pancreatite, peritonite, pleurite,tendinite, etc. Nótese que gratis non pertence a este grupo.

De maneira similar, teñen -e palabras como acrópole, cute, epiderme, metrópole, necrópole, paralaxe, praxe, psique e sintaxe, tamén femininas.

ble / -bel[editar | editar a fonte]

A solución moderna para as palabras cultas que teñen o sufixo latino -BILIS é -ble ou -bel (pl.-bles ou -beis). Así, amable, apetecible, bebible, estable, indeleble, indisoluble, infalible, perdurable, preferible, realizable, soluble, terrible, variable, xeneralizable, etc.; ou amábel, apetecíbel, bebíbel, estábel, indelébel, indisolúbel, infalíbel, perdurábel, preferíbel, realizábel, solúbel, terríbel, variábel, xeneralizábel, etc.

Consecuentemente, débese escribir establecer, establecemento, restablecer e restablecemento, ou ben estabelecer, estabelecemento, restabelecer e restabelecemento.

A secuencia -bil (pl. -biles) aparece en palabras como débil, hábil, lábil, móbil, núbil.

-eo, -eu e –ao, -au[editar | editar a fonte]

Cómpre distinguir na escrita as terminacións -eo e -eu, que se corresponden cunha diferenza fonética real. Rematan en -eo as palabras populares procedentes das latinas rematadas en -AELUM, -ELUM, -OEDUM, -ENUM (calquera que sexa o timbre da vogal tónica) e as formadas co sufixo -eo a partir de verbos en -ear: ceo, receo, veo, feo, cheo, freo, arqueo, bloqueo, etc. Esta secuencia tradicional en galego facilita que os cultismos procedentes depalabras rematadas en -EUM, esdrúxulas ou graves, se acomoden en -eo; téñase en conta que, en xeral, a todo –U latino lle corresponde en galego -o, e as palabras deste grupo non fan excepción: aéreo, arbóreo, arxénteo, áureo, cetáceo, ciclópeo, coetáneo, consanguíneo, contemporáneo, córneo, corpóreo, crustáceo, curvilíneo, cutáneo, erróneo, espontáneo, larínxeo, linóleo, marmóreo, mediterráneo, momentáneo, núcleo, óleo, óseo, pétreo, petróleo, purpúreo, rectilíneo, róseo, sanguíneo, terráqueo, térreo, venéreo, violáceo, vítreo; apoxeo, arameo, ateo, camafeo, corifeo, europeo, fariseo, filisteo, hebreo, himeneo, liceo, mausoleo, museo, peritoneo, pigmeo, plebeo, reo,trofeo, xacobeo. Tamén os galicismos ou catalanismos fideo e manteo.

Rematan en -eu as seguintes palabras patrimoniais: eu, meu, teu, seu, chapeu, romeu, sandeu (fem. sandía), xubileu, xudeu (fem. xudía). Tamén ten estaterminación a voz leu (pl. lei) "unidade monetaria de Romanía".

Rematan en -ao: arao, cacao, callao, grao, nicolao, pardao, peirao, pronao, tao, vao.

Rematan en –au: bacallau e pau.

-ea[editar | editar a fonte]

O feminino correspondente ás palabras rematadas en -eo, tónico ou átono, é -ea: allea, chea, fea; aérea, arbórea, arxéntea; atea, europea, hebrea, rea. Esta mesma terminación figura en substantivos femininos, de orixe popular ou culta: aldea, avea, azotea, balea, cadea, candea, cea, correa, diarrea, idea, lamprea, manchea, melopea, morea, panacea, prea, rea, serea, tea, urea, vea, verborrea. Tamén nos galicismos: cheminea, librea, marea,platea, polea, ralea.

-oa[editar | editar a fonte]

O galego coñece unha terminación -oa, pronunciada ['oa] ou ['ɔa] segundo a súa procedencia (boa, lagoa; avoa, filloa). Mentres que no caso de boa, lagoa se manteñen sempre as dúas vogais en todo o territorio galego, en avoa, filloa, etc. prodúcese redución a [‘ɔ] en zonas da Galicia sudoccidental (avó, filló, etc.). Mesmo nestes casos debe ser escollida a solución tradicional e absolutamente maioritaria -oa (avoa, filloa, moa, soa -e soamente-, teiroa, etc.).

-us, -um, -o[editar | editar a fonte]

Hai algunhas palabras que escapan á regra xeral de acomodación de cultismos e manteñen as terminacións latinas -US, -UM: campus, corpus, humus, ómnibus, Venus, virus; álbum, factótum; médium, presídium, parabéllum, súmmum, contínuum, cinefórum, quórum, desiderátum. En xeral son palabras que aínda se senten como non plenamente incorporadas ao idioma.

Escríbense con -o as voces currículo, espírito, ímpeto, memorando, referendo e tribo.

-iño/-iña e -ino/-ina[editar | editar a fonte]

Nas palabras patrimoniais a terminación latina -INUM/-INAM deu en galego -iño/-iña, que é tamén a forma típica do diminutivo. Así: andoriña, campiña, casiña,campesiño, comiño, mariña, mariño, menciña,pequeniño, pergamiño, veciño, etc. Remata tamén en -iño o arabismo mesquiño.

Os préstamos, latinos ou non, adoptan a terminación -ino/-ina: albino, anilina, anxina, aquilino, asasino, aspirina, bencina, bizantino, bobina, bovino, brillantina, buguina, canino, cantina, capuchino, carabina, cartolina, casino, clandestino, cocaína, codeína, coralino, cortina, cristalino, destino, disciplina, divino, doutrina,ensino, escarlatina, esquina, estricnina, estudantina, felino, feminino, gabardina, gasolina, glicerina, granadino, guillotina, heroína, interino, intestino, ladino, latino, mandolina, margarina, masculino, matutino, medicina, morfina, muselina, nicotina, nitroglicerina, oficina,ondina, palatino, parafina, penicilina, peregrino, piscina, plastilina, porcino, propina, proteína, rabino, repentino, resina, retina, ruína, sacarina, sibilino,sonatina, supino, taurino, toxina, turbina, ultramarino, vaselina, vespertino, vitamina, vitrina, xacobino, xelatina, xenuíno...

-e[editar | editar a fonte]

Rematan en -e as palabras patrimoniais procedentes de étimos latinos en -INEM (home, virxe, orde, imaxe, chantaxe 'planta', feluxe); os continuadores dos neutros en –MEN (crime, exame, lume, costume, etc.), e os galicismos en -axe (chantaxe 'extorsión'), homenaxe, liñaxe, viaxe, etc.

De maneira análoga, adóptanse tamén sen nasal final os cultismos: abdome, ditame, exame, nume, réxime, vexame, xerme... Deben mesmo escribirse sen -n as palabras glute, lique, pole, seme, pois non hai razón filolóxica ningunha para separalas das anteriores. Exceptúanse lumen (unidade da física do sistema internacional) e o celtismo dolmen.

Masc. -án / fem. -á, masc. -ano / fem. -ana[editar | editar a fonte]

Nas palabras populares, a terminación latina -ANUM presenta tressolucións distintas no dominio lingüístico galego: -ao/-án/-á (irmao / irmán / irmá). En troques, a correspondente forma feminina -ANAM só ten dous resultados: -á/-án (irmá / irmán).

Estas formas pódense atopar na fala con distintas combinacións, pero desde o séc. XIX os escritores veñen mostrando unha preferencia polo seguinte esquema, hoxe unanimemente aceptado na lingua escrita:

(meu) irmán (miña) irmá
(meus) irmáns (miñas) irmás

Así, en alazán, alazá; aldeán, aldeá; ancián, anciá; artesán, artesá; barregán, barregá; bosquimán, bosquimá; capitán, capitá; chan, chá; cidadán, cidadá; cirurxián, cirurxiá; comarcán, comarcá; concidadán, concidadá; cortesán, cortesá; cotián, cotiá; cristián, cristiá; curmán, curmá; ermitán, ermitá; escribán, escribá; gardián, gardiá; gran, gra; insán, insá; irmán, irmá; livián, liviá; louzán, louzá; malsán,malsá; marrán, marrá; musulmán, musulmá; nugallán,nugallá; pagán, pagá; rufián, rufiá; san, sa; sancristán, sancristá; sultán, sultá; tecelán, tecelá; temperán, temperá; temporán, temporá; truán, truá; van, va; verán; vilán, vilá.

Este é un dos sufixos produtivos con que conta o galego para aformación de xentilicios. Seguen este modelo afgán, afgá; alemán, alemá; castelán, castelá; catalán, catalá; coimbrán, coimbrá, e, especialmente, os referidos a entidades de poboación galegas: aresán, aresá; arousán, arousá; arzuán, arzuá; bergantiñán, bergantiñá; caldelán, caldelá; carnotán, carnotá; compostelán, compostelá; ferrolán, ferrolá; fisterrán, fisterrá; mariñán, mariñá; muradán, muradá; muxián, muxiá; ourensán, ourensá; ponteareán, ponteareá; pontecaldelán, pontecaldelá; redondelán, redondelá; ribeirán, ribeirá; salnesán, salnesá; ullán, ullá; vilagarcián, vilagarciá.

Algúns xentilicios galegos poden conservar a súa forma local –ao / -á: arnoiao, arnoiá; burelao, burelá; courelao, courelá; caldelao, caldelá (do Castro Caldelas); dezao, dezá; lancarao, lancará; limiao, limiá; mariñao, mariñá (da Mariña luguesa); masidao, masidá; meirao, meirá; melidao, melidá; ribeirao, ribeirá (do Ribeiro), etc. Pola mesma razón, admitirase tamén a forma feminina local –án en casos como unha carnotán, unha fisterrán, unha muradán, etc.

Nas palabras cultas incorporadas con posterioridade á época en que deixou de operar a lei da caída do -n- intervocálico, a terminación latina -ANUM, -ANAM foi adaptada sen alterar, conforme á norma xeral de acomodación de cultismos. Levan esta terminación –ano (fem. -ana): africano, americano, anglicano, arcano, artesiano, asturiano, australiano, bacteriano, boliviano, colombiano, cubano, decano, diluviano, franciscano, fulano, gregoriano, hispano, humano, inhumano, italiano, lusitano, luterano, mahometano, meridiano, metropolitano, miliciano, mundano, oufano, paisano, peruano, pondaliano, profano, provinciano, puritano, republicano, romano, rosaliano, semana, soberano, tirano, transmontano, ultramontano, urbano, valenciano, veterano, vexetariano, xermano, etc.

Como xa foi indicado (cf. 9.13), cando esta terminación latina era átona, a evolución en palabras patrimoniais foi diferente e o resultado final en galego é -o/-a: Estevo, orfo / orfa, orgo, ourego, ravo (planta), saba. Relacionadas con estas, aínda que doutra orixe, están as terminacións en -o de Cristovo e soto.

As palabras cultas conservan o sufixo latino sen alterar; isto afecta tamén a palabras que teñen esta terminación aínda que a súa orixe non sexa latina. Así, bibliómano, bímano, cleptómano, cocainómano, diáfano, ébano, melómano, mitómano, morfinómano, órgano, pínfano, plátano, tétano, tímpano.

Masc. -án / fem.-ana[editar | editar a fonte]

A terminación –án / -ana aparece nunha serie de nomes, substantivos e adxectivos, que xeralmente actúan como caracterizadores pexorativos: balandrán, balandrana; baleigán, baleigana; barbuzán, barbuzana; barrigán, barrigana; barullán, barullana; bocalán, bocalana; brután, brutana; buleirán, buleirana; burrán, burrana; burricán, burricana; cabezán, cabezana; cachamoulán, cachamoulana; cachán, cachana; cacholán, cacholana; cagán, cagana; canelán, canelana; cangallán,cangallana; carallán, carallana; carcamán, carcamana; carneirán,carneirana; carroulán, carroulana; chalán, chalana; charlatán, charlatana; cornelán, cornelana; farfallán,farfallana; folán, folana; folgazán, folgazana; galbán, galbana; guedellán, guedellana; lacazán, lacazana; langrán, langrana; larpán, larpana; leilán, leilana; lerchán, lerchana; lorán, lorana; lordán, lordana; loubán, loubana; mentirán, mentirana; orellán, orellana; paduán, paduana; pailán, pailana; palafustrán, palafustrana; papán, papana; parvallán, parvallana; paspán, paspana; pastrán, pastrana; pelandrán,pelandrana; pertegán, pertegana; pillabán, pillabana; porcallán, porcallana; ruán, ruana; tangueleirán, tangueleirana; testalán, testalana; testán, testana; toleirán, toleirana; vergallán, vergallana; zalapastrán, zalapastrana; zampallán, zampallana.

Masc. -ón /fem. -oa, -ona[editar | editar a fonte]

Forman o feminino en -oa unha serie de adxectivos e substantivos en que –ón non pode analizarse como sufixo: anfitrión, anfitrioa; bretón, bretoa; campión, campioa; ladrón, ladroa (que tamén ten un feminino ladra); león, leoa; patrón, patroa; saxón, saxoa; teutón, teutoa. Rematan en –ón / -ona as palabras en que esta terminación é un sufixo aumentativo ou deverbal pexorativo: homón, mullerona, zapatón, casona; abusón, abusona; acusón, acusona; faltón, faltona; preguntón, preguntona, etc.

Existe ademais un grupo de palabras cultas coa terminación -on átona: canon, colon, corion, décathlon, épsilon, ípsilon, micron, epíploon, cripton, isquion, necton, neon, newton, ómicron, párkinson, radon, taxon, telson. O anglicismo nylon adáptase ao galego como nailon.

-de[editar | editar a fonte]

A terminación latina vogal + TEM resólvese en galego, tanto en palabras cultas coma populares, en -de: almude, alude, ataúde, calamidade, céspede, hóspede, laúde, parede, rede, saúde, sede, soidade, verdade, virtude, etc.

-dade, -tade[editar | editar a fonte]

O sufixo latino -TATEM resolveuse en –tade en posición posconsonántica (maxestade, potestade, tempestade, vontade) e en –dade en posición posvocálica (enfermidade, novidade, puridade, realidade). Ás veces unha síncope vocálica antiga provocou que –dade poida aparecer en posición posconsonántica (BONITATEM > bondade, CRUDELITATEM > crueldade, HEREDITATEM > herdade, LEGALITATEM > lealdade, MORTALITATEM > mortaldade, TRINITATEM > trindade, VERITATEM > verdade, VIRGINITATEM > virxindade, etc.). A partir destas formas –dade estendeuse a bases non sincopadas rematadas enconsoante líquida ([r]: liberdade, puberdade.

-dade /-edade / -idade[editar | editar a fonte]

No galego actual, -dade presenta tres alomorfos: -dade, -edade e –idade. O primeiro aparece só nunha relación pechada de palabras populares que sufriron, segundo se indicou en 9.18, a síncope da vogal precedente (verdade, herdade, bondade, trindade, etc.). As outras dúas variantes, as únicas produtivas no galego actual, presentan distribución complementaria e aparecen en palabras introducidas por vía culta e en derivados romances: -edade combínase con bases adxectivas en –io (notoriedade, solidariedade, variedade...) e –idade nos casos restantes (capacidade, probabilidade, soidade, novidade...). As únicas excepcións a esta regra son necidade e sucidade.

-aría /-ería[editar | editar a fonte]

Os substantivos formados con este sufixo referíanse orixinariamente a cousas e indicaban o lugar onde se fabricaban, onde se vendían ou onde había abundancia delas. A forma –aría, maioritaria no galego medieval, era o resultado fonético regular da correspondente latina -ARÍA. Por iso debe dárselle preferencia a esta solución: armaría, artillaría, bruxaría, camisaría, carnizaría, carpintaría, cervexaría, cestaría, chancelaría, charlatanaría, chocolataría, consellaría, enfermaría, enxeñaría, ferraría, gandaría, infantaría, lavandaría, leprosaría, libraría, moblaría, panadaría, papelaría, pedraría, peixaría, perfumaría, pradaría, putaría, refinaría, reloxaría, romaría, tesouraría, tinturaría, xendarmaría, zapataría...

Con esta solución conflúen tamén aqueloutros vocábulos derivados co sufixo –ía sobre bases en –ario: comisaría, notaría, secretaría, testamentaría, derivados a partir de comisario, notario, secretario e testamentario, respectivamente.

A solución –ería, documentada tamén no galego medieval, fíxose case xeral no galego moderno, polo que se admite así mesmo como normativa. En calquera caso, téñase en conta que algúns galicismos modernos, como batería, galería, galantería ou mercería presentan unicamente a terminación –ería.