Normativa oficial do galego - Comparativos e superlativos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Normativa oficial do galego
Índice
  1. O alfabeto
  2. A acentuación
  3. O guión
  4. Uso das maiúsculas
  5. A diérese
  6. O apóstrofo
  7. Os signos de interrogación e de admiración
  8. Grupos consonánticos
  9. Sufixos e terminacións
  10. Outras particularidades
  11. Formación do plural
  12. Formación do feminino
  13. Comparativos e superlativos
  14. O artigo
  15. Pronomes
  16. Numerais
  17. Verbo
  18. Adverbios e locucións adverbiais
  19. Preposicións e locucións prepositivas
  20. Conxuncións e locucións conxuntivas

13. Comparativos e superlativos

Ao lado das formas analíticas, úsanse tamén para bo, malo ou mao, grande e pequeno os comparativos sintéticos mellor, peor, maior ou meirande e menor.

Para a formación de superlativos absolutos úsase o sufixo -ísimo: altísimo, grandísimo. Este sufixo, sentido normalmente como propio dun rexistro elevado, ás veces engádese á raíz culta da palabra e non á patrimonial: antigo, antiquísimo; fiel, fidelísimo; nobre, nobilísimo. Nos adxectivos rematados en -ble ou –bel este superlativo ten sempre a terminación -bilísimo: amable ou amábel, amabilísimo; estable ou estábel, estabilísimo.

En rexistros elevados aparecen os superlativos co sufixo -érrimo, como son celebérrimo, libérrimo, misérrimo, paupérrimo, pulquérrimo, que corresponden, respectivamente, aos adxectivos célebre, libre, mísero, pobre e pulcro.