Normativa oficial do galego

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Normativa")
Normativa oficial do galego
Índice
  1. O alfabeto
  2. A acentuación
  3. O guión
  4. Uso das maiúsculas
  5. A diérese
  6. O apóstrofo
  7. Os signos de interrogación e de admiración
  8. Grupos consonánticos
  9. Sufixos e terminacións
  10. Outras particularidades
  11. Formación do plural
  12. Formación do feminino
  13. Comparativos e superlativos
  14. O artigo
  15. Pronomes
  16. Numerais
  17. Verbo
  18. Adverbios e locucións adverbiais
  19. Preposicións e locucións prepositivas
  20. Conxuncións e locucións conxuntivas

Este artigo trata sobre as normas para a escrita do galego legalmente válidas. O concepto e a aplicación da "normativa oficial" ten xerado moita confusión e conflito en Galiza nas últimas décadas.

O Estatuto de autonomía de Galicia dotou aos poderes públicos galegos da competencia con respecto á lingua galega. O 17 de novembro de 1982 a Xunta de Galicia estableceu que existiría unha norma de uso oficial [Cómpre referencia] para o ensino e que excluiría das axudas económicas os textos non publicados na "normativa oficial", en clara referencia ao reintegracionismo.

Coa publicación da Lei de normalización lingüística o 15 de xuño de 1983, estableceuse que o criterio de autoridade para a normativización do galego sería a Real Academia Galega (RAG), relegando o Instituto da Lingua Galega (ILG) como referencia legal.[1]

A variedade estándar ou padrón, fixada a medias entre o ILG e a RAG, inicialmente constaba só de indicacións morfolóxicas e ortográficas, as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego (NOMIG), publicadas en 1983 e aplicadas no dicionario da RAG de 1997 (unhas trinta mil palabras) e reformadas en 2003, pero coa publicación do Vocabulario ortográfico da lingua galega (VOLG) en 2004 definíronse de facto tamén coma normas léxicas. Isto non implica que o que non apareza no VOLG non sexa normativo, posto que non é amplo dabondo para recoller todo o léxico galego.

Índice

[editar] A primeira normativa oficial

O 3 de xullo de 1982, a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega aprobaron en sesión conxunta as Normas Ortográficas e Morfolóxicas do Idioma Galego, seguindo como criterio principal a procura da pureza do idioma, eliminando castelanismos innecesarios e evitando a hiperidentificación, rexenerándoo con préstamos internos o que supuxo unha aproximación ao portugués[2]. En abril de 1983, a Xunta publicou o Decreto de Normativización da Lingua Galega (coñecido como "Decreto Filgueira"), que consagraba estas normas como modelo para a escrita da lingua galega.

En 1990 a RAG e o ILG publicaron o Diccionario da Lingua Galega, con 12.000 entradas, que constituía así a normativa sobre o léxico (as Normas só tratan da ortografía e a morfoloxía).

En 1995 modificáronse parcialmente as NOMIG: a proposta do Consello Científico do ILG (11 de novembro de 1994), o Plenario da RAG ratificou estas lixeiras modificacións o 25 de febreiro de 1995. O novo texto publicouse en maio, e tivo valor inmediato, sen precisar de aprobación por parte do goberno galego, que foi simplemente informado.

A nova edición do Diccionario da RAG de 1997 contiña 25.000 entradas.

[editar] A reforma de 2003

En 2001 iniciouse un proceso de negociación entre os departamentos de galego das tres universidades galegas, o Instituto da Lingua Galega e diferentes asociacións. O obxectivo era a unificación de dúas das tres diferentes normativas –e posturas– sobre o galego existentes: a normativa “oficial”, aprobada polo Instituto da Lingua Galega, o reintegracionismo –partidario da unificación ortográfica co portugués–, e o reintegracionismo de mínimos, unha fórmula intermedia entre as dúas defendida por varias outras asociacións. Este grupo de entidades presentoulle unha proposta á Academia.

A Academia discutiuna en novembro do 2001, aínda baixo a presidencia de Francisco Fernández del Riego. Foi un debate difícil que rematou cunha votación con resultado de once votos en contra da mudanza, dúas abstencións e sete votos a favor, aínda que ninguén nese momento deu o asunto por pechado. A decisión foi polémica no seu momento e transcendeu ao ámbito dos investigadores e filólogos. O 30 de setembro do 2002, a Real Academia decidiu reabrir o debate, aínda que desde o interior da institución. O novo presidente era Xosé Ramón Barreiro, que se comprometera a conducir a reforma ao ocupar o cargo. A proposta finalmente aprobada pola RAG non coincide ao cento por cento coa presentada dous anos antes, xa que algúns dos puntos non se aceptaron na súa integridade, baixo a acusación máis ou menos velada dunha certa deriva lusista.

[editar] Criterios

Os principais criterios para a escolla das alternativas que entran dentro da normativa foron:

  1. etimoloxía;
  2. difusión na lingua común (tanto territorial coma demograficamente), por un achegamento á lingua oral;
  3. pragmatismo que permita ó usuario distinguir o que é preciso distinguir;
  4. coherencia dentro do sistema das linguas románicas, especialmente co do portugués;
  5. tradición na escrita literaria galega dende os séculos escuros ou na época medieval;
  6. evolución esperable dentro do galego segundo as leis fónicas da historia da lingua galega, mesmo con (pseudo)regularizacións de sistemas analóxicos;

A aplicación destes criterios é variable e fronte a unha serie de exemplos de aplicación pódeselle apoñer outra lista de contraexemplos, respectivamente:

  1. covarde, móbil, téxtil, o paradoxo, ovo, horta, ermida; España, Xoán;
  2. cantabamos, seseo; -án/-á, -óns, gheada;
  3. influenza-influencia, adicción-adición, uso de ¿, til diacrítico; marcación de vogais medias;
  4. aluguer (na tradición medieval recollida consta alugueiro);
  5. estable-establecer-estábel-estabelecer; piadoso (*piedoso), aparencia-desgraza-presenza-ausencia;

A conceptualización da norma galega é moi diferente da española:

  • mentres a galega é aínda fundamentalmente morfolóxica e ortográfica, a prescritiva española é ademais léxica, fónica e sintáctica, debido ó seu maior percorrido histórico;
  • mentres que a española é máis rexa e estrita, a galega permite en moitas máis ocasións unha escolla entre variantes alternativas -ao/án e -á/-án, -ble/-bel, ao/ó, pór/poñer, oír/ouvir, pósteres/pósters, gorecer/guarecer, -ería/-aría), aínda que moitas veces dando unha como preferente;
  • mentres a galega pretende ser máis fiel á etimoloxía, a española é máis variable por non ser tan moderna.

[editar] Notas

  1. Lei 3/1983, do 15 de xuño, de Normalización Lingüística (D.O.G. nº 84, do 14 de xullo de 1983)
  2. Antón Santamarina Norma e estándar en Henrique Monteagudo (ed). Estudios de sociolingüística galega. Sobre a norma do galego culto. Galaxia, 1995, páxina 78

[editar] Véxase tamén

[editar] Outros artigos

[editar] Ligazóns externas


Desviacións respecto á Norma
Lusismo (v. tamén Reintegracionismo)   |   Hipergaleguismo   |   Arcaísmo   |   Vulgarismo   |   Dialectalismo
Castelanismo (fonético   |   léxico   |   morfosintáctico   |   ortográfico   |   semántico)    (v. tamén Castrapo e compendio na Galipedia)
Ferramentas persoais
Espazos de nomes

Variantes
Accións
Navegación
Imprimir/exportar
Caixa de ferramentas
Outras linguas