Nomenclatura química dos compostos inorgánicos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.


Antecedentes históricos[editar | editar a fonte]

Os nomes dos compostos químicos procedían na súa meirande parte dos tempos da alquimia, pseudociencia oscurantista, na que os coñecementos non se transmitían para mellorar a sociedade senón que os agochaban baixo nomes semisecretos, para que os demais non souberan dos progresos individuais, utilizaban unha linguaxe enigmática.

A maior parte dos compostos coñecidos ate o século XVIII eran nomeados de formas moi diferentes segundo se tratase de países distintos e inclusive de alquímicos diferentes, da mesma maneira os nomes atribuídos a un mesmo composto non gardaban relación coas súas propiedades, nin coa súa composición química, usando nomes enganosos como: fígado de xofre, azafrán de marte, lúa córnea, manteiga de antimonio, azucre de saturno etc; tamén era frecuente que un mesmo composto se denominase con moitos nomes distintos, así o ácido carbónico era coñecido con nove nomes: gas silvestre, espírito silvestre, aire fixo, aire fixado, ácido aéreo, ácido atmosférico, ácido mefítico, ácido gredoso, ácido carbónico, extraido do Método da nova nomenclatura química; G de Morveau, Lavoisier, Foucroy e Berthollet,1787 chegando a darse casos de ter catorce nomes diferentes para un mesmo composto.

Ante semellante panorama, Lavoisier presentou na Acadèmie des Sciences de París unha memoria titulada: Sobre a necesidade de reformar e perfeccionar a nomenclatura química; Paris 1787; Formou un equipo contando con Guyton de Mourveau, que xa traballara na nomenclatura química para a Enciclopedie des Sciences, pero ao que antes había que convencer de que abandonara a teoría de Stahl, sobre o floxisto, feito isto formaron o equipo que redactou a obra: Mourveau, Lavoisier, Berthollet e Fourcroy; Método da nova nomenclatura química; Paris 1787 que en menos dun ano foi traducido ao inglés, alemán, Portugués, español e italiano, con grande acollida polos químicos de todo o mundo.

A obra de Morveau et al. debía poder adaptarse ao xenio de calquera lingua ou idioma de xeito sinxelo, para isto non escolleron o francés como referencia, senón que os nomes dos elementos químicos deben estar relacionados con algunha propiedade relevante do elemento, e elixen a raíz latina ou grega para nomealos, de xeito que sexan universalmente recoñecidos, e consta tamén dunhas regras para nomear os compostos dependendo da súa composición química, óxidos, ácidos, sales, bases etc. Esta obra segue, con os necesarios cambios debidos ao progreso da ciencia, sendo a base da nomenclatura usada no século XXI.

Pero a nomenclatura por si sóa non é moi útil sen o apoio dunha representación simbólica, que facilite o seu manexo e axilice a súa escritura e rapida manipulación. Alá polo 1810 John Dalton (1766-1844) publica os símbolos dos elementos químicos representados por circuliños con puntos, raias, cadrículas, estrelas etc no seu interior, que representaban a cada un dos elementos químicos coñecidos, e tamén as combinacións binarias, ternarias, cuaternarias..., ate entón por el coñecidas. A lectura destes símbolos era difícil e engorrosa e necesitaba o uso dunha táboa a man, cada vez que se quería ler ou escribir (formular) un composto químico.

Jons Jakob Berzelius (1779-1848) propuxo, no 1813, a utización de símbolos que segue vixente actualmente no ano 2011. Propuxo, como símbolo para cada elemento, a inicial en maiúscula do seu nome latino. Como varios elementos comezaban coa mesma letra (como: carbono, calcio, cadmio, cloro, cerio, cobalto, cobre...) A inicial era asignada ao elemento non metálico carbono, por ser máis abundante e mellor coñecido, e os demais nomeábanse engadindo unha letra minúscula que forme parte do seu nome, quedando os anteriores así: C, Ca, Cd, Cl, Ce, Co, Cu..

Berzelius propuxo tamén que os símbolos foran acompañados duns "superíndices" que reflectisen a proporción, ou número de veces, en que se presenta o elemento nese composto.

Así escribía o anhídrido sulfúrico (hoxe trióxido de xofre): SO3

Posteriormente tamén suxeriu poñer sobre o símbolo tantos puntiños como osíxenos acompañaran a este, de xeito que o anterior sería unha S con tres puntiños enriba , tamén suxeriu que se o elemento estaba dobre, coma na auga, entón a H pódíase riscar(significaba dúas veces) e un puntiño enriba para representar ao osíxeno. Pero estas derradeiras modificacións non tiveron éxito e as fórmulas escribíronse como propuxera ao principio, pero con subíndices no lugar dos superíndices.

A nomenclatura dos séculos XIX ate os 70 do XX[editar | editar a fonte]

A nomenclatura nesta época da historia da química coñécese como Nomenclatura Funcional