Nomenclátor de Galicia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Cartel do Adro no concello de Vilalba.

O Nomenclátor de Galicia é un corpus toponímico desenvolvido pola Xunta de Galicia que regula os topónimos oficiais dos lugares, parroquias e concellos de Galiza. Publicouse en 2003.

Características[editar | editar a fonte]

O nomenclátor está editado pola Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia e ten carácter legal canto á denominación das entidades de poboación. Pódese consultar a través de Internet. A súa páxina web ten un buscador on-line que permite utilizar expresións regulares na busca de secuencias gráficas, polo que permite, por exemplo, atopar tódolos topónimos rematados cunha secuencia determinada (en -iz, -obre, -ende ou -il) ou que comecen por unha cadea de texto concreto (por exemplo en Carball- ou en Vila-).

Malia ser un elemento normalizador e normativizador da toponimia galega, deixa fóra a posibilidade de consultar nel a toponimia galega dos concellos limítrofes á Nacionalidade Histórica de fala galega.

Historia[editar | editar a fonte]

En 1983 promulgouse a Lei de Normalización Lingüística, a cal estabeleceu que os topónimos habían ter como única forma oficial a galega. Posteriormente, fóronse publicando ordes que determinaban os nomes oficiais dos concellos. Finalmente, aprobáronse mediante decreto os nomenclátores das entidades de poboación das provincias de Ourense, Pontevedra, Lugo e A Coruña nos anos 1996, 1998, 2000 e 2003 respectivamente. Para cada provincia saíu do prelo o seu correspondente tomo, recolleitos xa nese 2003 nun único volume: o Nomenclátor de Galicia. Nel recompílanse 37.308 topónimos de lugares, máis ca todo Portugal[1] e có resto de España.[2]

Na obra advirtíase, no entanto, que non era un traballo fechado e que xa había suxestións para a revisión dalgunhas das formas oficializadas. En 2014 foran revisados tódolos nomes das provincias da Coruña e Lugo, de xeito que na primeira para uns 1000 topónimos verificados emitíranse uns 500 ditames cunha forma diferente, en canto na segunda para 885 ditamináranse 570.[1] En 2017 o novo nomenclátor estaba previsto para saír dentro dun ano, corrixido e aumentado até os 39.000 núcleos de poboación.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Villar, C. (19 de maio de 2014). "Los nombres en cuestión". La Opinión A Coruña (en castelán). 
  2. 2,0 2,1 Montero, Tamara (10 de agosto de 2017). "Galicia trabaja contrarreloj para salvar dos millones de topónimos". La Voz de Galicia (en castelán). 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Toponimia galega