A noite dos cristais rotos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Noite dos cristais rotos")
A Sinagoga principal de Múnic, inaugurada o 9 de novembro de 2006 despois de ser esnaquizada en 1938

A noite dos cristais rotos (en alemán die Kristallnacht, tamén Reichspogromnacht, Reichskristallnacht ou Novemberpogrome) foi un pogromo acontecido en Alemaña e Austria durante a noite do 9 ao 10 de novembro de 1938. Foi dirixido contra cidadáns xudeus en ambos os dous países e constitúe para moitos observadores o paso previo cara o comezo do Holocausto.[1]

As SS arrestaron a miles de xudeus en Alemaña e tamén esnaquizaron os seus comercios. Nesa noite foron asasinados 92 xudeus e entre 25.000 e 30.000 foron deportados a campos de concentración.[2]

Os acontecementos[editar | editar a fonte]

Sucesos previos[editar | editar a fonte]

SA ao carón dun cartel antisemita que di: Alemáns, defendédevos, non merquedes onda os xudeus

Nos anos 30, moitos xudeus de orixe polaca vivían en Alemaña. O venres 28 de outubro de 1938, 20.000 deles foron secuestrados no medio da noite e brutalmente deportados en masa da Alemaña Nazi a Polonia. O goberno polaco rexeitou admitilos, causando un duro ir e vir entre as fronteiras alemá e polaca durante días. Esta negativa de deixar ingresar aos seus propios cidadáns, converteu o campamento de expulsados xudeus en terra de ninguén na fronteira entre ambas nacións, en precarias condicións. Finalmente as autoridades alemás convenceron ao goberno polaco de que os deixase entrar.

Moitos dos expulsados xudeus residiran en Alemaña a maior parte das súas vidas; ata algúns foran condecorados como veteranos da Primeira Guerra Mundial.

Herschel Grynszpan, un alemán xudeu que escapara a Francia, recibira unha carta da súa familia que describía as condicións horribles que experimentaron durante esta deportación. Intentando mellorar a súa situación, apelou repetidamente durante os días seguintes a Ernst vom Rath, secretario da Embaixada alemá en París, que ao parecer non tiña ningunha intención de axudar.

O luns, 7 de novembro, Grynszpan disparou a Vom Rath. Este morreu no serán do 9 de novembro, a consecuencias das feridas recibidas.

Noite dos cristais rotos[editar | editar a fonte]

O asasinato de Vom Rath serviu como escusa para lanzar unha revolta contra cidadáns xudeus en todo o país. O ataque foi pensado para que parecese un acto espontáneo, pero de feito foi orquestado polo goberno alemán. Isto significaba que o mando do NSDAP (Partido Nacional Socialista) estaba de acordo e, como facía a miúdo, o goberno utilizou a organización do partido á parte da autoridade do goberno.

O 9 de novembro estes altercados danaron, e en moitos casos destruíron, aproximadamente 1.574 sinagogas (prácticamente todas as que había en Alemaña), moitos cemiterios xudeus, máis de 7.000 tendas e 29 almacéns xudeus. Máis de 30.000 xudeus foron detidos e internados en campos de concentración; uns cantos incluso foron golpeados ata a morte.[3] O número de xudeus alemáns asasinados é incerto, con estimacións de entre 36 a 200 aproximadamente durante máis de dous días de levantamentos. O número de mortos máis probable é de 91. Esta violencia indiscriminada explica que algúns alemáns que non eran xudeus fosen asasinados sinxelamente porque alguén pensou que «parecían xudeus».[4]

Os acontecementos en Austria non foron menos terribles, sendo a maior parte das 94 sinagogas de Viena e as casas de oración danadas parcial ou totalmente. Esta xente foi sometida a toda clase de humillacións, incluíndo o fregar os pavimentos mentres eran atormentados polos seus compatriotas austriacos.

Selo de 1963 emitido pola DDR, cuxa lenda di «Noite dos cristais rotos, nunca máis».
Losetas en memoria das vítimas da veciñanza en Colonia

Tralos feitos acontecidos, o Reich confiscou os pagos que as compañías aseguradoras debían facer aos propietarios xudeus cuxas casas e negocios foran destruídos e comezou a promulgar leis para forzar a «arianización» de todas as empresas de propiedade xudía.[5]

Resposta dende o exterior[editar | editar a fonte]

O tremendo acontecemento difundiuse por todo o mundo. Isto desacreditou aos movementos nazis en Europa e Norteamérica, provocando un declive. Moitos xornais condenaron o suceso, comparándoo coas salvaxes revoltas provocadas pola Rusia Imperial na década de 1880. Estados Unidos retirou ao seu embaixador (pero non rachou as súas relacións diplomáticas), mentres que outros gobernos cortaron directamente as súas relacións diplomáticas con Alemaña como xeito de protesta.

Conclusión[editar | editar a fonte]

A persecución e os danos económicos provocados aos xudeus alemáns non diminuiron co altercado, aínda que os seus negocios foran xa saqueados. Tamén foron obrigados a pagar unha multa colectiva de mil millóns de marcos ao goberno nazi. Isto era unha hipocresía — o propio diario The New York Times tiña probas fotográficas demostrando que os nazis eran canto menos parcialmente responsables, aínda que agora sábese que foi aprobado personalmente por Adolf Hitler, e que ata o propio Führer estivera implicado na planificación. Era unha forma de castigo colectivo, máis tarde denunciado ante a Convención de Xenebra.

Durante o anuncio da sanción, o dirixente nazi Hermann Göring, que insistira moito antes en tomar medidas contra os xudeus, describira sen querelo a realidade daquel suceso:

A cidadanía xudía de Alemaña, como castigo polos seus crimes abominables, ten que facer fronte a unha multa de mil millóns de marcos. Á mantenta, debo recoñecer que non me gustaría ser xudeu en Alemaña.[6][7]

Aquela noite comezaba unha nova fase das actividades antisemitas do NSDAP e os aparellos estatais, conducindo á deportación e, finalmente, o exterminio da maior parte dos xudeus que vivían na Alemaña daquel entón. Aínda que poucas persoas eran sabedoras naquel momento desta trama, a noite dos cristais rotos era o primeiro paso na persecución sistemática e o asasinato masivo de xudeus en todas partes de Europa no que foi coñecido posteriormente como o Holocausto xudeu.

  • Schultheis, Herbert (1985) (in German). Die Reichskristallnacht in Deutschland nach Augenzeugenberichten (Bad Neustädter Beiträge zur Geschichte und Heimatkunde Frankens). Bad Neustadt a. d. Saale: Rotter Druck und Verlag. ISBN 978-3-9800482-3-1.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]