Nicolau Nasoni

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Torre dos Clérigos, Porto
Pazo de Mateus, Vila Real

Nicolau Nasoni, nado en San Giovanni Valdarno o 2 de xuño de 1691 e finado en Porto o 30 de agosto de 1773, foi un arquitecto ítalo-portugués que desenvolveu moito do seu traballo en Portugal, especialmente na cidade do Porto.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Debido ao traballo do seu avó, que era empregado na casa Davanzatb, talvez como administrador de bens, Nasoni certamente manteu relacións con fidalgos do Porto, varios dos cales eran padriños dos seus numerosos irmáns - era o máis vello dun fato de nove.

Antes de se mudar para a cidade do Porto, Nasoni vivíu en Siena, Roma e, máis tarde, en Malta, onde deu os primeiros pasos en arquitectura. Foi nesta illa onde asinou e pintou un teito no pazo da Valeta, en 1724, obra dirixida a frei D. Antonio Manuel de Villena, Gran Mestre da Orde de Malta.

Non é coñecida de certo a data exacta na que este arquitecto chega á cidade do Porto. Sábese apenas que en novembro de 1725 iniciou un traballo de pinturas na Sé do Porto.

O 31 de xullo de 1729 casa nesta cidade cunha fidalga napolitana, Dª. Isabel Castriotto Rixaral, que morrerá un ano despois (1730), moi probabelmente debido a complicacións no parto do seu único fillo, de nome Xosé, nacido algúns dias antes, o 8 de xuño. O padriño de Xosé, un fidalgo portuense, empregou a Nasoni na obra da casa e xardín da Quinta da Prelada.

Por influencia deste mesmo fidalgo, en 1731 é solicitado para deseñar a igrexa dos Clérigos, que lle deu traballo para máis de 30 anos e o inmortalizou.

Aínda en 1731 Nasoni volta a casar, desta vez cunha portuguesa, Antonia Mascarenhas Malafaia, coa cal tivo 5 fillos.

Un pouco no espírito do Renacemento italiano, Nasoni dedicouse a traballos artisticos abondo, desde pintura a ourivaría, especialidade tradicional no Porto. Tornouse unha especie de Michelangelo para esta cidade, que en pouco tempo lle soubo recoñecer o debido valor.

A partir de aí, realizou innúmeros traballos no Porto e Norte de Portugal, dos cales se destacan o pazo do Freixo (Porto), a igrexa do Bon Xesús (Matosiños), o pazo de S. Xoán Novo (Porto), o corpo central do pazo de Mateus (Vila Real) e, obviamente, a Torre dos Clérigos (Porto).

A obra onde Nicolau Nasoni se evidencia máis como escultor está na Quinta de S. Gens, na Señora da Hora (concello de Matosiños). Entre 1725 e 1738, surde entón a casa señorial, co seu corpo rectangular, un torreón central recuado, grande patio fronteiro á casa, escadas exteriores, e pasaxe central sobre o patamal das escadas, polo que se accede á planta baixa.

Vindo para a cidade como pintor, sobresairá aquí sobre todo como arquitecto, mais tamén como deseñador de esculturas, revelando un notábel sentido de integración paisaxística das obras arquitectónicas.


Morreu inexplicabelmente na pobreza a 30 de agosto de 1773. Foi sepultado precisamente na igrexa dos Clérigos, non se coñecendo, porén, o lugar exacto onde se encontra a súa sepultura.

Non sobreviviu ningún retrato deste artista que tanto fixo polo Porto.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Nicolau Nasoni