Nicolas Klotz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Infotaula de personaNicolas Klotz
Biografía
Nacemento22 de xuño de 1954 Editar o valor em Wikidata (69 anos)
Neuilly-sur-Seine, Francia Editar o valor em Wikidata
Datos persoais
País de nacionalidadeFrancia Editar o valor em Wikidata
Actividade
Ocupacióndirector de cinema Editar o valor em Wikidata
LinguaLingua francesa Editar o valor em Wikidata
Familia
FillosUlysse Klotz (pt) Traducir, Héléna Klotz (en) Traducir Editar o valor em Wikidata

IMDB: nm0460120 Allocine: 16265 Allmovie: p292472 Editar o valor em Wikidata

Nicolas Klotz, nado en Neuilly-sur-Seine o 22 de xuño de 1954, é un director de cine francés.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Nos últimos anos do ensino secundario fundou un cine-club e un club-teatro, partillando a programación de películas e postas en escena de obras de autores como Ingmar Bergman, Pier Paolo Pasolini, August Strindberg ou Jean-Luc Godard. En 1975 coñece a Klaus Michael Gruber, que prepara a adaptación ao teatro de Faust Salpétrière, de Goethe. Coñece á actriz Elisabeth Perceval, que fundara xunto a Bruno Bayen a Fabrique de Théâtre. Con ela ten dous fillos: Héléna e Ulysse.

Comezou a traballar de asistente de montaxe e como montador, e coñeceu a Robert Bresson nos Studios de Boulogne, onde montaba a súa obra l'Argent. Despois da lectura dunha reportaxe de Serge Daney no bar dos Studios de Billancourt sobre a viaxe a Calcuta para coñecer o cineasta bengalí Satyajit Ray, Nicolas Klotz marcha á India a realizar o seu primeiro documental, Pandit Ravi Shankar, retrato do célebre tocador de sitar a través das súas viaxes polo país. Filma a Satyajit Ray na súa propia casa, e este axúdalle a organizar a rodaxe da súa primeira longametraxe (La nuit bengali, 1988), nas rúas e no seu estudio de Calcuta. A película está producida por Philippe Diaz, o mozo que xa producira Mauvais Sang e Amants du Pont-Neuf de Leos Carax. Os actores son ingleses, franceses e bengalís.

En 1991 Jean-Luc Ormières propúxolle gravar La Nuit sacrée a partir de dúas obras de Tahar Ben Jelloun: o libro epónimo et L'Enfant de sable. A adaptación foi escrita por Elisabeth Perceval. Durante a rodaxe Nicolas Klotz decidiu romper co cinema de ficción.

Co propósito de reconducir o seu traballo, en 1995 funda xunto con Elisabeth Perceval a compañía l'Asile, cunha adaptación feita por ela de Belle du Seigneur, de Albert Cohen, na que amais ela fai o papel de Ariane. A obra foi representada máis dun cento de veces no festival d'Avignon e a través de Europa. Despois fixeron Roberto Zucco e Quai Ouest de Bernard-Marie Koltès, onde Nicolas Klotz e Elisabeth Perceval se volven xuntar cos membros do Grupo T'ChanG - a compañía de Didier-Georges Gabily que morrera pouco antes. O reencontro con T'Chang e os textos de Didier-Georges Gabily son un novo choque estético para Nicolas Klotz, que decide radicalizar a súa obra de cine.

Ao mesmo tempo, renovou o seu traballo como documentalista para o canal Arte unha película sobre os cantos da música tradicional xudía, Chants de sable et d'étoiles (1996), e dous filmes adicados ao jazz, un sobre James Carter en 1998 e outro sobre Brad Mehldau en 1999.

Paralelamente aos documentais, Klotz e Perceval traballan de coa súa compañía de teatro con textos de Heiner Müller, Didier-Georges Gabily, Sarah Kane, do historiador da arte Georges Didi-Huberman e do filósofo Jean-Luc Nancy, de quen adaptan L'Intrus.

Volveron unirse a François Tanguy e Théâtre du Radeau e establecéronse na Fonderie au Mans, onde seguen a explorar o laboratorio de escrita con obradoiros. A pesar das condicións precarias en que viven, a expulsión do seu apartamento cos seus dous fillos, Elisabeth Perceval comezou a escribir os guións para os dous primeiros filmes da triloxía Tempes Modernes (Paria e La Blessure]]) a partir dunha serie de reunións que fixo con persoas sen fogar e demandantes de asilo africanos. Rodaron Paria con Pierre Chevalier entre 1999 e 2000, película que recibiu o premio especial do xurado no Festival Internacional de Cine de Donostia de 2000.

En 2002, Nicolas Klotz e Pedro Costa ofrecen a Pierre Chevalier un proxecto titulado "Deux films frères", gravando Klotz e Perceval unha película en París e Pedro Costa outra en Lisboa. Nicolas e Elisabeth comezaron entón a preparación de La blessure e Pedro Costa comezou Juventude em marcha. Como cumpría unha mesma produtora para as dúas películas, Pedro Costa propuxo Capricci Films, pero algunhas semanas despois de chegar a un acordo a relación complicouse. Logo dun ano para resolver os problemas xurídicos creados por Capricci Films, que puxeron en perigo os dous filmes, Capricci Films foi expulsada do proxecto. Nicolas Klotz e Elisabeth Perceval crearon a produtora Petits et Grands Oiseaux, para coproducir La Blessure co fin de completar a versión de 163 minutos que chegou aos cines. Pedro Costa retomou Juventude em marcha con Unité Fiction e un produtor portugués. Finalmente La Blessure foi presentada no Festival de Cannes en 2004, na Quinzaine des réalisateurs, antes de ser levada por todo o mundo en festivais internacionais.

Patrocinados polo canal Arte de Francia, experimentaron con dúas páxinas web: "Asile de nuit" e "Asile de jour". Elisabeth Perceval escribiu o ensaio La Blessure (editado por Les Petits Matins), sobre os dous anos de reunións con persoas chegadas de África de forma clandestina para escribir a película.

No 2006 fixeron La Question humaine, o terceiro filme da triloxía, adaptación do libro homónimo de François Emmanuel, con actores como Mathieu Amalric, Michael Lonsdale, Jean-Pierre Kalfon, Lou Castel, Edith Scob ou Valerie Dréville. A película aborda os temas da historia e a memoria, narrando as andanzas dun home novo que traballa de psicólogo nunha empresa, esmagado por un sistema sen regras. Tamén presentado na Quinzaine des réalisateurs de Cannes en 2007, saíu ás pantallas francesas en setembro de 2007 e foi distribuída en máis de 20 países.

Ao tempo, a súa filla Helena Klotz dirixiu a película Les Amants Cinéma, un filme de 60 minutos sobre a parella no traballo.

En 2012 Nicolas Klotz e Elisabeth Perceval fixeron Low Life, un filme sobre a mocidade confrontada cun mundo enfeitizado polo control. O seu fillo Ulysse Klotz compuxo xunto a Roman Turzi a banda sonora da película, de estilo witchhouse. Foi presentada en competición no Festival de Cine de Locarno en 2011 e posteriormente en Toronto, Vancouver, Londres, São Paulo, Xixón, na Semana do Cinema Francés en Nova York no 2012, no BAFICI de Bos Aires e no Festival de Jeonju. Low Life foi distribuñida en Francia poe Les Films du Losange o 4 de abril de 2012. Despois de rematar a película, Nicolas Klotz e Elisabeth seguiron co seu traballo sobre de Low Life desenvolvendo unha páxina web xunto coa revista Lumière, publicando unha serie de vídeos feitos pola parella e entrevistas co filósofo Jean-Luc Nancy, ademais de textos e montaxes feitas polos críticos de Lumière.

Tamén en colaboración con Elisabeth Perceval, houbo diversas instalacións -incluíndo as do CCCB de Barcelona, na Ferme du Buisson e en escolas de arte. No 2012 estaban a traballar en dous filmes sobre a Revolución Francesa: Ceremony, filmada en Barcelona, e Les Talons Rouges, con guión de Yannick Haenel.

Nicolas Klotz preparou Mademoiselle Julie de Strindberg para France Télévisions e o Festival d'Avignon, con Juliette Binoche.

Filmografía[editar | editar a fonte]

  • La Nuit bengali (1988)
  • La Nuit sacrée (1993)

Triloxía dos Tempos Modernos:

  • Paria (2004)
  • La Blessure (2004)
  • La Question humaine (2007)
  • La Consolation e Jeunesse d'Hamlet (2007)
  • Zombies (2009)
  • Low Life, Mademoiselle Julie (2012)
  • Il faut que l'homme s'élance au-devant de la vie hostile e Le tourment de vivre et de ne pas être Dieu (2012)
Documentais
  • Pandit Ravi Shankar (1986)
  • Robert Wyatt, part one (1992)
  • Chants de sable et d'étoiles (1996)
  • James Carter (1998)
  • Brad Mehldau (1999)
  • Paulo Branco (2007)
Teatro
  • Le Fonctionnaire pékinois, adaptación de Belle du seigneur de Albert Cohen (1995-96)
  • Roberto Zucco, de Bernard-Marie Koltès (1998)
  • Quai Ouest, de Bernard-Marie Koltès (1999)
  • L'intrus, de Juc-Luc Nancy (2001)
  • Veilleurs (1 e 2), adaptación de Enfonçures de Didier-Georges Gabily e Images malgré tout de Georges Didi-Huberman (2007)
Multimedia
  • Asile de nuit (Arte France, 2001)
  • Asile de jour (Arte France, 2004)
  • lowlifefilm.com (2011)

Premios[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]