Nicolaes Berchem
Nicolaes Pietersz. Berchem (1 de outubro de 1620 - 18 de febreiro de 1683), foi un pintor e gravador holandés.
Naceu en Haarlem, aprendeulle a pintar seu pai, o pintor de naturezas mortas Pieter Claesz, e os tamén pintores Jan van Goyen, Jan Wils e Claes Cornelisz Moeyaert. Pasou a formar parte do gremio de pintores da súa cidade en 1642. En 1643 viaxou por Italia con Jan Baptist Weenix. Arredor de 1650 viaxou a Westphalia posiblemente con Jacob van Ruisdael e nesa época traballou co gravador Jan de Visscher no deseño de dous atlas[1]. En 1660 estableceuse en Ámsterdam En 1670 regresou a Haarlem pero volveu a Ámsterdam en 1674.
Berchem foi un pintor prolífico, segundo Hofstede de Groot arredor de 850 cadros, 80 augafortes e 500 debuxos. As súas paixases, seguindo o estilo italiano de escenas rurais idealizadas cunha detallada execución, con outeiros, montañas e árbores, en contraste coa monumentalidade da composición, enmarcada nun ambiente fantasmagórico cunha luz solar outonal e ás veces incluíndo escenas mitolóxicas ou bíblicas. Berchem tamén pintou figuras humanas e animais inspiradas nas obras doutros artistas como Allaert van Everdingen, Jan Hackaert, Gerrit Dou, Meindert Hobbema e Willem Schellinks.
Notas [editar]
- ↑ David Woodward Art and Cartography, 1987, University of Chicago Press, ISBN 0-226-90722-8, páxina 157