Nick Drake

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nick Drake
Nick Drake (1971).png
Nick Drake, 1971
Nome completo Nicholas Rodney Drake
Naceu 19 de xuño de 1948
Rangún, Flag of Myanmar.svg Birmania
Morreu 25 de novembro de 1974
Tanworth-in-Arden, Reino Unido Reino Unido
Ocupación (s) Cantautor, guitarrista
Xénero Folk
Instrumento(s) Voz, guitarra, piano, clarinete
Selo(s) discográfico (s) Island
Tempo en activo 1969 – 1972
Web Bryter Music

Nicholas Rodney Drake, nado en Rangún (Birmania) o 19 de xuño de 1948 e finado en Tanworth-in-Arden (Reino Unido) o 25 de novembro de 1974, foi un cantante e músico inglés coñecido polas súas cancións acústicas e outonais. O seu instrumento habitual era a guitarra, aínda que tamén tocou o piano, o clarinete, e o saxofón. Malia non acadar un público amplo en vida, a súa obra medrou incesantemente en altura, até o punto de que hoxe en día está considerado un dos cantautores ingleses máis influentes dos últimos 50 anos.[1][2][3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Drake asinou un contrato co selo Island Records aos vinte anos, saíndo o seu álbum de debut Five Leaves Left no ano 1969. Contra 1972 gravara dous discos máis, pero inicialmente ningún vendeu máis de cinco mil copias[4], feito que xunto coa súa renuncia a tocar en directo ou a ser entrevistado contribuíu á falta de éxito comercial. A pesar disto, foi quen de xuntar un grupo leal de xente que apostara pola súa música. Un deles foi o seu representante, Joe Boyd, quen puxera unha cláusula no contrato con Island Records para asegurar que os discos de Nick nunca fosen descatalogados.

Drake sufriu de depresión e insomnio ao longo de toda a súa vida, que a miúdo reflectiu nas súas letras. En 1972, tras completar o seu terceiro álbum, Pink Moon, deixou de dar concertos e de gravar, retirándose á casa dos seus pais na rural Warwickshire. O 25 de novembro de 1974, Drake morreu dunha sobredose de amitriptilina, antidepresivo que lle fora prescrito.

A mediados dos anos setenta o interese pola música de Drake era residual, e non foi até o ano 1979 que a súa obra foi de novo examinada trala edición do álbum retrospectivo Fruit Tree. A mediados dos oitenta, Drake era unha influencia recoñecida por artistas como Robert Smith ou Peter Buck. En 1985, The Dream Academy entrou nas listas británicas e estadounidenses con Life in a Northern Town, canción adicada a Drake.[5] A comezos dos noventa, Nick Drake chegou a representar para a prensa musical británica certo tipo de músico romántico maldito, sendo citado habitualmente por artistas como Kate Bush, Paul Weller ou The Black Crowes.[6]

A primeira biografía de Drake foi escrita en 1997, e foi seguida en 1998 polo documental A Stranger Amongst Us. No 2000, Volkswagen incluíu nun anuncio publicitario a canción que dá nome ao disco Pink Moon, e nun mes Drake vendeu máis discos dos que vendera nos trinta anos anteriores.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Infancia[editar | editar a fonte]

Nicholas Rodney Drake naceu o 19 de xuño de 1948, no seo dunha familia inglesa de clase media-alta que vivía en Rangún, Birmania. O seu pai, Rodney (1908–1988), trasladárase alí a comezos dos anos trinta para traballar como enxeñeiro na compañía Bombay Burmah Trading Corporation.[6] En 1934, Rodney coñeceu á filla dun membro sénior do Servizo Civil Indio (unha especie de alto funcionariado do goberno hindú baixo a administración británica), Mary Lloyd (1916–1993), familiarmente Molly. Rodney propúxoselle en 1936, aínda que a parella tivo que agardar un ano até que Molly cumprise os vinte e un anos e a súa familia lle deixase casar.[6] En 1950, regresan a Warwickshire[7] para vivir nunha granxa de Far Leys. Drake tiña unha irmá maior, Gabrielle, que máis tarde sería unha exitosa actriz. Os seus pais tiñan inclinacións cara á música, e ámbolos dous compuxeron algunha obra. En concreto, as gravacións das cancións de Molly, que saíron á luz trala súa morte, teñen unha perspectiva e son dun ton similar ao traballo posterior do seu fillo.[8] Nai e fillo comparten unha fráxil forma de cantar, e tanto Gabrielle como o biógrafo Trevor Dann remarcaron un paralelismo nas súas obras musicais no tocante ao sentido das preocupacións e do fatalismo.[8][6] Animado por Molly, Drake aprendeu a tocar o piano a unha idade temperá, e comezou a compoñer cancións, que gravaría nun magnetófono de bobina aberta que ela gardou no salón familiar.[3]

Marlborough College, en Wiltshire.

En 1957, Drake foi matriculado na escola de primaria Eagle House, un internado no condado inglés de Berkshire. Cinco anos despois, pasou á escola de secundaria Marlborough College, no condado de Wiltshire, onde foran o seu pai, avó e bisavó. Desenvolveu un grande interese polo deporte, chegando a ser un habelencioso velocista (a súa marca das 100 iardas segue en pé)[9] e capitán do equipo de rugby da escola por un tempo. Os seus compañeiros daquel entón lémbrano seguro de si mesmo, ás veces cun aire distante.[6] O seu pai Rodney dicía: nun dos seus informes [o director do colexio] dixo que ninguén semellaba coñecelo ben.[10]

Drake tocou o piano na orquestra da escola, e aprendeu a tocar o clarinete e máis o saxofón. En 1964 ou 1965 formou unha banda, "The Perfumed Gardeners", con catro compañeiros da escola. Con Drake ao piano e ocasionalmente ao saxofón alto e ás voces, o grupo tocaba versións de temas do selo Pye e estándares de jazz, así como temas dos Yardbirds ou de Manfred Mann. A formación incluíu brevemente a Chris de Burgh, pero axiña o desbotaron ao notar nel un gusto "demasiado pop".[11] O rendemento académico de Drake comezou a empeorar, e aínda que adiantara un ano en Eagle House, en Marlborough comezou a descoidar os seus estudos en favor da música. En 1963 superou sete dos Niveis Ordinarios (O-Levels) que forman parte do Certificado Xeral de Educación (General Certificate of Education, GCE) da secundaria británica, o cal rebaixaba as expectativas dos seus profesores, ao non pasar a "Física e Química".[6] En 1965, Drake pagou 13 libras pola súa primeira guitarra acústica, experimentando decontado coas técnicas de afinación aberta.[9]

Universidade[editar | editar a fonte]

Fitzwilliam College, en Cambridge.

En 1966, foille outorgada unha bolsa para estudar Literatura Inglesa no Fitzwilliam College da Universidade de Cambridge. Aprazou a súa incorporación para pasar seis meses en Francia, dende febreiro do 1967, na Universidade de Aix-Marsella. Estando en Aix, comezou a tocar a guitarra en serio, e para gañar cartos a miúdo tocaría na rúa con amigos no centro da cidade. Drake comezou a fumar cánnabis, e aquela primavera viaxou cos amigos a Marrocos, pois, segundo o seu compañeiro de viaxe Richard Charkin, alí era onde se conseguía o mellor haxix.[6] Probablemente Drake probou o LSD por vez primeira en Aix,[12] e as letras que escribiu neste período - en concreto a da canción "Clothes of Sand" - suxiren certo interese polos alucinóxenos.[6]

Tras volver a Inglaterra, mudouse ao piso da súa irmá en Hampstead (Londres), antes de matricularse ese outubro en Cambridge. Aos seus titores pareceulles un estudante brillante, aínda que pouco entusiasta e sen ganas de aplicarse nos estudos.[6] Dann remarca que el tivo dificultades para conectar co profesorado e cos seus compañeiros, e sinala que as fotos oficiais da matrícula revelan un estudante esquivo e indiferente.[6] Na Universidade de Cambridge púñase especial énfase en apoiar os seus equipos de rugby e cricket, pero daquela Drake perdera xa o interese de facer deporte, preferindo ficar na súa habitación fumando cánnabis, e tocando e escoitando música. Segundo o seu compañeiro Brian Wells: eles eran os cabróns do rugby e nós a xente guai que fumaba haxix.[6] En setembro de 1967, coñeceu a Robert Kirby, un estudante de música que orquestraría moitos dos arranxos de corda e de vento con instrumentos de madeira nos dous primeiros discos de Drake.[6] Naquel intre, Drake descubrira xa as escenas británica e americana de música folk, e fora influenciado por artistas como Bob Dylan, Josh White e Phil Ochs. Comezou actuando en clubs e cafeterías de Londres, e en febreiro de 1968, mentres facía de entrante a Country Joe and the Fish no edificio The Roundhouse de Camden Town, impresionou a Ashley Hutchings, baixista de Fairport Convention.[13] Hutchings lembra que ficara abraiado coa habilidade de Drake como guitarrista, mais tamén "coa imaxe. Semellaba unha estrela. Semellaba marabilloso, parecía que medía 7 pés."[10]

Hutchings presentoulle a Drake o produtor estadounidense de 25 anos Joe Boyd, dono da compañía de produción e "management" Witchseason Productions. Daquela, Witchseason editaba discos baixo licenza do selo Island,[14] e Boyd era unha figura importante e respectada na escena folk británica por ser o home que descubrira Fairport Convention e o que deu a coñecer a John Martyn e a The Incredible String Band ao público xeral.[10] Entre el e Drake estableceuse un forte vínculo, e o produtor foi como un mentor para Drake ao longo da súa carreira. Unha maqueta nun catro pistas, gravada na primavera de 1968 no cuarto universitario de Drake, levou a Boyd a ofrecerlle un contrato de management, produción e publicación, e a iniciar o traballo do álbum de debut. Segundo Boyd: Neses días a xente non tiña casetes—el tróuxome unha cinta de magnetófono de bovina aberta que gravara na casa. Na metade da primeira canción sentín que aquilo era moi especial. Chameino por teléfono, el regresou, falamos, e eu díxenlle, "Gustaríame facer un disco". El tatexou, "Oh ben, si, de acordo". Nick era un home de poucas palabras.[10] Nunha entrevista feita en 2004, Paul Wheeler, amigo de Drake, lembraba o entusiasmo que lle causara esta posible grande oportunidade, e recordaba que o cantante xa decidira que non remataría o terceiro ano en Cambridge.[10]

Five Leaves Left[editar | editar a fonte]

Drake comezou a gravar o seu álbum de debut Five Leaves Left en 1968, con Boyd como produtor. As sesións tiveron lugar no estudio Sound Techniques, en Londres, con Drake faltando a clase para poder viaxar en tren á capital. Inspirado pola produción de John Simon do primeiro disco de Leonard Cohen, Boyd tratou de gravar a voz de Drake cun estilo similar, próximo e íntimo, "sen o brillo da reverberación pop".[15] Tamén procurou incluír arranxos de corda similares aos de John Simon, "sen que soasen excesivos...nin cursis".[15] Como apoio, Boyd recrutou a xente da escena folk rock londiniense, como o guitarrista de Fairport Convention Richard Thompson e o baixista Danny Thompson do grupo Pentangle. Contratou a John Wood como enxeñeiro de son, e contou con Richard Hewson para facer os arranxos de corda.

O comezo da gravación non foi ben; as sesións foron irregulares e ás presas, levándose a cabo durante os tempos mortos da produción do disco Unhalfbricking de Fairport Convention. Xurdiu tensión entre o artista e o produtor en canto a que dirección debería tomar o álbum—Boyd defendía o enfoque de George Martin de "empregar o estudio como un instrumento", mentres que Drake prefería un son menos tratado. Dann remarca que nas gravacións non oficiais tomadas das sesións Drake semellaba "tenso e ansioso", e sinala varios intentos de instrumentación errados de Boyd.[6] Ambos os dous estaban descontentos coa contribución de Hewson, que lles parecía que soaba demasiado corrente para as cancións de Drake.[6] Drake suxeriu substituílo polo seu amigo da universidade Robert Kirby, aínda que Boyd era escéptico en empregar un estudante de música "amateur" e sen experiencia en gravacións. De tódolos xeitos, convenceuno a inusitada persistencia de Drake, e accedeu a poñelo a proba.[15] Kirby amosáralle previamente a Drake algúns arranxos para as súas cancións,[14] e finalmente fixo unha adaptación para cuarteto de música de cámara a maiores que repercutiu no son final do disco.[16] De todos modos, Kirby non se sentía con suficiente confianza para os arranxos do tema central do álbum "River Man", e Boyd viuse na obriga de estirar o presuposto de Witchseason para contratar o veterano compositor Harry Robinson, ao que lle pediron que emulase o ton de Delius e Ravel.

Algunhas dificultades na postprodución atrasaron varios meses a saída do disco, que unha vez no mercado foi pobremente comercializado e promovido.[6] As recensións na prensa musical foron escasas e pouco entusiastas. En xullo, a Melody Maker referíase ao disco como "poético" e "interesante"; na New Musical Express líase en outubro que non había nel "suficiente variedade como para facelo entretido".[17] Recibiu pouco apoio radiofónico excepto por parte de John Peel na BBC, que puña cancións de cando en vez.[15] Drake estaba descontento coa funda do disco, na que aparecían cancións en orde incorrecta e se reproducían estrofas que foran omitidas na versión gravada.[6] A súa decepción co resultado final intúese nun comentario da súa irmá Gabrielle nunha entrevista: Era moi reservado. Eu sabía que estaba facendo un disco pero non souben en que etapa estaba até que entrou no meu cuarto e dixo, "Aquí o tes." Lanzouno á cama e marchou![14]

Londres[editar | editar a fonte]

Bryter Layter[editar | editar a fonte]

Drake abandonou os seus estudos en Cambridge xusto nove meses antes da súa graduación, e no outono de 1969 trasladouse a Londres para concentrarse na súa carreira como músico.[18] O seu pai escribíralle longas cartas, lembrándolle as desvantaxes de deixar os estudos en Cambridge, argumentándolle que o título universitario sería para el como unha rede de seguridade; a resposta de Drake era que unha rede de seguridade era a única cousa que non quería ter."[8] Drake pasou os seus primeiros meses na capital indo dun lado a outro, de cando en vez paraba no piso da súa irmá en Kensington, pero normalmente durmía en sofás ou no chan de pisos de amigos.[19] Finalmente, nun intento de que tivese un sitio estable e cun teléfono de contacto, Boyd pagoulle unha habitación en Belsize Park, en Camden.[6]

Royal Festival Hall, á beira do río Támesis en Londres.

En agosto, Drake gravou tres cancións en solitario para o programa de John Peel na BBC. Dous meses despois, fixo de entrante a Fairport Convention no Royal Festival Hall de Londres, e con posterioridade fixo dúas actuacións en clubs de música folk de Birmingham e Hull. Lembrando a súa actuación en Hull, o cantante folk Michael Chapman comentou: Aos folkis non lles gustou; eles querían cancións con retrouso. Non entenderan o concepto en absoluto. El non dixo unha palabra en toda a noite. De feito foi bastante doloroso de velo. Non sei o que esperaba o público, quero dicir que deberían saber que non ouvirían cancións para cantaren a coro nun concerto de Nick Drake![13] Esta experiencia reforzou a decisión de Drake de deixar de actuar en público; os poucos concertos que fixo nesta época foron en xeral breves, incómodos, e pouco multitudinarios. Rara vez dirixiase cara ao público, e como tocaba algunhas cancións en tonalidades diferentes, paraba a miúdo entre cancións para afinar a súa guitarra.[20]

O segundo álbum de Drake tiña por título Bryter Layter e foi editado en 1970. Tamén producido por Boyd e con Wood coma enxeñeiro de son, o disco tiña un ton máis optimista,[21] e achegado ao jazz[22]. Decepcionado polo pouco éxito comercial do seu debut, Drake afastouse do seu son pastoral, e aceptou as propostas do seu produtor de incluír pistas de baixo e batería nas gravacións. "Era un son máis pop, supoño", dixo Boyd máis tarde, "Eu imaxineino como máis comercial."[6] Como o seu predecesor, o álbum contaba coa colaboración de músicos de Fairport Convention, así como coa participación de John Cale en dúas cancións: "Northern Sky" e "Fly". Segundo Trevor Dann, aínda que algunhas seccións de "Northern Sky" soan moito ao estilo de Cale, este foi o tema de Drake que máis potencial tiña para entrar nas listas[6]. Na súa biografía de 1999, Cale admitiu que nesta época consumía heroína,[23] e o seu amigo Brian Wells comezou a sospeitar que Drake tamén a tomaba.[24] Tanto Boyd como Wood confiaban en que o disco tería éxito comercial,[25] pero só se venderon menos de 3.000 copias. As recesións de novo non eran unánimes: mentres que Record Mirror louvaba a Drake como a un "belo guitarrista—de perfecta temporización e limpeza, acompañado de suaves e belos arranxos", Melody Maker describiu o disco como "unha torpe mestura de folk e cóctel jazz".[20]

Pouco despois do lanzamento, Boyd vendeu Witchseason ao selo Island Records, e marchou a Los Angeles para traballar coa produtora Warner Brothers no desenvolvemento de bandas sonoras de películas. A perda do seu mentor, e as poucas vendas do seu disco levaron de novo a Drake a un estado de depresión. A súa actitude en Londres cambiara: non era feliz vivindo só, e estaba visiblemente nervioso e incómodo nunha serie de concertos nos primeiros anos 70. En xuño, Drake fixo unha das súas últimas aparicións no Ewell Technical College de Londres. Ralph McTell, que tamén tocou aquela noite lembra que Nick estaba monosilábico. Naquel concerto estivo moi tímido. Algo horrible debeu pasar. Estaba tocando, "Fruit Tree", e marchou do escenario no medio da canción.[26] A súa frustración converteuse en depresión,[27] e en 1971 Drake foi convencido pola súa familia para que visitase un psiquiatra no St Thomas's Hospital de Londres. Fóronlle prescritos unha serie de antidepresivos, mais sentíase incómodo e avergoñado de tomalos, tratando de ocultárllelo aos seus amigos.[28] Sabía o suficiente sobre drogas como para sentirse preocupado polos efectos secundarios e pola reacción co consumo habitual de cánnabis.[6]

Pink Moon[editar | editar a fonte]

No selo Island eran entusiastas co feito de que Drake promovera Bryter Layter a través de entrevistas coa prensa, sesións de radio e actuacións en directo. Drake, quen por estas datas fumaba segundo Kirby "cantidades incribles" de cánnabis[29] e amosaba "os primeiros sinais de psicose", rexeitou o plan. No inverno de 1970, illárase dos demais en Londres.[18] Decepcionado coa acollida a Bryter Layter, tornouse introspectivo, apartándose da familia e dos amigos. Rara vez deixaba o seu piso, só para ocasionalmente facer un concerto ou para mercar drogas. "Esta foi unha época moi mala," lembraba a súa irmá Gabrielle Drake, "unha vez el me dixo que todo comezara a ir mal dende ese tempo en adiante."[6]

Aínda que Island nin esperaba nin quería un terceiro álbum,[6] en outubro de 1971 Drake pediulle a Wood comezar a traballar no que sería o último disco que publicaría. As sesións tiveron lugar en dúas noites, con só Drake e o enxeñeiro de son presentes no estudio.[3] As cancións de Pink Moon son curtas, e as once pistas do álbum duran só 28 minutos, unha duración descrita por Wood como "xusto o axeitado. Ninguén querería que fose máis longo."[10] Drake tivera amosado o seu descontento co son de Bryter Layter, e pensaba que os arranxos de corda, saxo e metais desembocaran nun son que era "demasiado completo, demasiado elaborado".[30] Drake aparece sen acompañamentos en Pink Moon, salvo unha sinxela superimposición de piano no tema que dá título ao álbum. "Tiña a determinación de facer un disco moi cru e nu", lembra Wood con posterioridade. "En definitiva quería que fose de seu por riba de todo. E penso que, dalgún xeito, Pink Moon se parece máis a Nick cós outros dous discos."[31]

Tras finalizar o álbum, Drake entregou o máster da gravación nun mostrador do edificio de oficinas do selo Island. Depositouno no mostrador da recepción, e marchou sen falar con ninguén. As cintas quedaron alí a fin de semana, pasando desapercibidas até a semana seguinte. Un anuncio do álbum na revista Melody Maker do mes de febreiro titulábase "Pink Moon - o último disco de Nick Drake: o primeiro que soubemos del foi cando xa estaba rematado."[32] De Pink Moon vendéronse menos copias que de calquera dos seus predecesores, a pesar de que recibira algunhas críticas favorables. Na revista Zigzag, Connor McKnight escribiu, Nick Drake é un artista que nunca finxe. O álbum non fai ningunha concesión á teoría de que a finalidade da música ha de ser a evasión. Simplemente trátase da visión da vida por parte dun músico nun momento, e un non pode pedir máis que iso.[33]

Chris Blackwell, fundador de Island Records, sentía que Pink Moon tiña potencial para achegar a Drake ao gran público; porén o seu persoal estaba desilusionado pola desgana do artista por comprometerse a calquera actividade de promoción. O representante de A&R Muff Winwood lembra "tirarse do pelo" de frustración, e admite que a pesar do apoio entusiasta de Blackwell, "o resto de nós teríamolo botado."[6] De todos os xeitos, trala insistencia de Boyd, Drake aceptou unha entrevista con Jerry Gilbert, de Sounds Magazine.[34] Na única entrevista de Drake publicada nunca, o "tímido e introvertido cantante folk" falou da súa aversión ás actuacións en directo, e pouco máis.[6] Desanimado e convencido de que sería incapaz de escribir outra vez, Drake decidiu retirarse da música. Xogou coa idea de comezar unha carreira diferente, considerando incluso ingresar no Exercito.[35]

Regreso ao fogar[editar | editar a fonte]

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Nos meses seguintes á publicación de Pink Moon, Drake tornouse cada vez máis distante cos seus achegados.[36] Volveu vivir na casa dos seus pais en Far Leys, e aínda que lle molestaba a regresión, aceptaba que era preciso pola súa enfermidade. "Non me gusta estar con isto en casa", díxolle á súa nai, "mais non o podo soportar en ningún outro lugar."[8] A súa volta foi a miúdo difícil para a súa familia; como dicía a súa irmá Gabrielle, os bos días na casa dos meus pais eran bos días para Nick, e os malos eran malos para Nick. E en realidade arredor de iso xiraban as súas vidas.[10]

Tivo unha existencia frugal. A súa única fonte de ingresos era o anticipo de 20 libras semanais que recibía do selo Island. Era pobre até o punto de non poderse permitir mercar un novo par de zapatos.[37] A miúdo desaparecía varios días, ás veces presentándose sen avisar nas casas de amigos, pouco comunicativo e retraído. Robert Kirby describe unha típica visita do xeito seguinte: Podía chegar e non falar, sentar, escoitar música, fumar, beber, durmir alí toda a noite, e dous ou tres días despois xa non estaba, fórase. E tres meses despois regresaba.[6]

Referíndose a este período, John Martyn (quen en 1973 escribiu a canción que titulaba o seu álbum Solid Air adicada e sobre Drake) describiuno como a persoa máis retraída que nunca coñecera.[38] En ocasións collería emprestado o coche da súa nai e conduciría durante horas sen rumbo, até esgotar a gasolina, e chamaría os seus pais pedindo que o recollesen. Lembran os seus amigos até que punto cambiara o seu aspecto.[15] Durante períodos especialmente duros da súa enfermidade, non quería lavar o pelo ou cortar as uñas.[35] A comezos de 1972, Drake sufriu unha crise nerviosa, e mantivérono hospitalizado durante 5 semanas.[24]

En febreiro de 1974, Drake contactou de novo con John Wood, dicíndolle que estaba preparado para comezar a traballar nun cuarto álbum.[6] Boyd estaba nese momento en Inglaterra, e aceptou levar a cabo a gravación. Esta sesión inicial foi seguida por outras gravacións en xullo. Na súa autobiografía de 2006, o produtor lembra que lle deixara perplexo o enfado e a amargura de Drake: [Dixo que] eu lle dixera que era un xenio, e outros estaban de acordo. Por que non era el famoso e rico? Esta rabia debeu estar agrandándose tras ese exterior inexpresivo durante anos.[15] Tanto Boyd como Wood notaran un claro empeoramento na interpretación de Drake. Segundo Boyd: Era arrepiante. Realmente daba medo. Era tan... estaba en tal mala forma que era incapaz de cantar e tocar a guitarra á vez. Comezamos coas guitarras por debaixo e superimpuxemos a voz. Fixemos todo nun día, comezamos pola tarde e rematamos ao cabo da medianoite—para eses catro temas.[24] Con todo, o retorno ao estudio Sound Techniques devolveulle a alegría a Drake; a súa nai lembraría máis tarde, estabamos encantados pensando que Nick era feliz porque non houbera rastro de felicidade na vida de Nick en anos.[24]

Morte[editar | editar a fonte]

No outono de 1974, Drake deixou de recibir o ingreso semanal que Island lle facía, e por mor da súa enfermidade estaría en contacto só cos poucos amigos máis achegados. Intentou permanecer en contacto con Sophia Ryde, a quen coñecera en Londres en 1968.[6] Ryde foi descrita polos biógrafos de Drake como "o máis achegado" a unha noiva que tivera na súa vida, aínda que ela agora prefire chamalo "mellor amiga".[6] Nunha entrevista no 2005, Ryde revelou que unha semana antes de morrer, ela tentara de rematar a relación: Eu non podía con el. Pedinlle tempo. E nunca o volvín ver. Dun xeito similar á relación que Drake tivera anteriormente coa cantante folk Linda Thompson, Drake e Ryde nunca consumaron a relación.[39]

A tumba de Drake ten gravado o epitafio Now we rise/And we are everywhere ("Agora ascendemos/e estamos en todas partes"), tomado da canción que remata o seu último disco.[40]

Nas primeiras horas do 25 de novembro de 1974, Nick Drake morre no fogar en Far Leys dunha sobredose de antidepresivos (amitriptilina). Deitárase cedo a noite anterior, tras pasar a tarde de visita a un amigo. Ao amencer saíu da súa habitación e entrou na cociña. A súa familia estaba afeita a escoitalo facendo iso a miúdo, pero desta vez, el non fixera ningún ruído. Eles supuxeron que estaría tomando unha cunca de cereais. Pouco despois volveu á súa habitación, e tomou algunhas pastillas "para axudarlle a durmir".[6] Drake tiña o seu propio horario; con frecuencia tiña dificultades para durmir, e ás veces estaba esperto toda a noite tocando e escoitando música, e durmíndose tarde até a mañá seguinte. Lembrando os feitos daquela noite, a súa nai dixo máis tarde: Nunca adoitaba molestalo para nada. Pero eran sobre as 12 do mediodía, e entrei na súa habitación, porque semellaba realmente hora de que se levantase. E estaba deitado na cama. O primeiro que vin foron as súas longas pernas."[41] Non houbo nota de suicidio, aínda que preto da súa cama atopouse unha carta dirixida a Ryde.[6]

Na investigación levada a cabo ese mes de decembro, o xuíz de instrución estableceu que a morte fora resultado dun "agudo envelenamento por amitriptilina—autoadministrada no transcurso dunha depresión", establecendo o veredicto de suicidio. Aínda que o suicidio foi posto en dúbida por algúns membros da súa familia,[1] en xeral pénsase que accidentalmente ou non, naquel momento Drake renunciara ao mundo.[20] Rodney describiu a morte do seu fillo como estraña e inesperada; aínda así, nunha entrevista en 1979 admitiu que sempre estiveran preocupados de que Nick estivese tan deprimido, e que acostumaban agochar aspirinas, pastillas e cousas polo estilo."[39] Boyd dixo que prefería pensar que a sobredose fora accidental. El lembraba que os pais de Drake dixeran que o seu ánimo nas semanas precedentes era moi positivo, e que tiña plans de regresar a Londres a reiniciar a súa carreira musical. Boyd cre que a este período de lixeireza lle seguiu unha nova "caída na desesperación". Tendo en conta que Drake puido tomar unha alta dose dos seus antidepresivos para recuperar o optimismo, el prefire imaxinar a Drake "lanzándose á desesperada sobre a vida que se rende dun xeito calculado á morte".[15] En 1975, o xornalista da NME Nick Kent comenta a ironía da morte de Drake xusto nun momento en que comezara a recuperar certo "equilibrio persoal".[37] Pola súa banda, Gabrielle Drake dixo que prefería pensar que Drake se suicidara, "no sentido de que prefiro que morrese porque el así o quería a que fose por culpa dun tráxico erro. Iso sería terrible..."[39]

O 2 de decembro de 1974, tras unha cerimonia na Igrexa de St Mary Magdalene en Tanworth-in-Arden, Drake foi incinerado no crematorio de Solihull, e as súas cinzas foron enterradas baixo un carballo no cemiterio contiguo á Igrexa de St Mary.[42] Asistiron ao funeral arredor de cincuenta persoas, incluíndo amigos de Marlborough, Aix, Cambridge, Londres, Witchseason e Tanworth.[6] En referencia á tendencia de Drake a non mesturar amizades, Brian Wells comentou máis tarde que moitos dos asistentes se coñeceran por primeira vez esa mañá.[43] Molly lembra que "moitos dos seus amigos viñeron. A moitos deles non os coñeciamos."[6]

Discografía[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 "Nick Drake - Biografía". VH1.com, 2005.
  2. "Brad Pitt conduce un documental sobre Nick Drake" BBC.co.uk., 2004.
  3. 3,0 3,1 3,2 MacDonald, Ian. "Desterrado dende o ceo". Mojo Magazine, 2000.
  4. De todos os xeitos, un artigo da BBC do ano 2002 escrito por Mark Moxon indica que "o álbum só vendeu 15,000 copias, suficientes para satisfaceren á discográfica, pero lonxe do éxito que Nick esperaba".[1]
  5. Apprentice to the stars. The Independent, 1999
  6. 6,00 6,01 6,02 6,03 6,04 6,05 6,06 6,07 6,08 6,09 6,10 6,11 6,12 6,13 6,14 6,15 6,16 6,17 6,18 6,19 6,20 6,21 6,22 6,23 6,24 6,25 6,26 6,27 6,28 6,29 6,30 6,31 Dann (2008)
  7. Brown, Mick. "A triste balada de Nick Drake". Sunday Telegraph, 1997.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Berkvens, Jeroen. "A Skin Too Few: The Days of Nick Drake" (Documental). Roxie Releasing, 2000.
  9. 9,0 9,1 McGrath, T.J. "A escuridade pódeche dar a luz máis clara". Dirty Linen, 1992.
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 10,4 10,5 10,6 Paphides, Peter. "Like A Heart with Legs On". Western Mail (Gales). 21 de maio de 2004. Questia
  11. Humphries (1997), p. 36
  12. Humphries (1997), pp. 51–52
  13. 13,0 13,1 "Cronoloxía de Nick Drake". 2006.
  14. 14,0 14,1 14,2 Paphides, Peter. "Stranger to the world". The Guardian (Reino Unido), 2004.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 15,4 15,5 15,6 Boyd (2007)
  16. Raggett, Ned. "Five Leaves Left". Allmusic. 2006.
  17. Humphries (1997), pp.101–102
  18. 18,0 18,1 Nickson, Chris. "Nick Drake". Globalvillageidiot.net, 2006.
  19. Humphries (1997), pp. 107–108
  20. 20,0 20,1 20,2 Sandall, Robert. "Brighter Very Much Later". Daily Telegraph, 20 de maio de 2004.
  21. Unterberger, Richie. "Nick Drake". Allmusic.
  22. Holden, Stephen. "Pop and Jazz Guide". New York Times. 22 de agosto de 1986.
  23. Cale (1999), p. 128
  24. 24,0 24,1 24,2 24,3 Hunt, Rupert. "Nick Drake - Life and Music in Quotes". Nickdrake.com, 2001.
  25. "Nick Drake – Singer and Songwriter". BBC.co.uk, 2002.
  26. Macaulay, Stephen. "Nick Drake - Bartleby the Musician". Glorious Noise, 2 de outubro de 2006.
  27. Fitzsimmons, Mick. "Bryter Layter – Nick Drake". BBC.co.uk, 2002.
  28. Humphries (1997), p. 166
  29. Kirby, Robert. Citado en Dann (2008)
  30. Cooper, Colin. "Nick Drake - Bryter Layter". stylusmagazine.com, 2 de marzo de 2004.
  31. Wood, John. Entrevista realizada pola Walhalla Radio Station, 1979.
  32. Sandison, Dave. "Pink Moon". UK Press Release, 1971.
  33. McKnight, Connor. "In search of Nick Drake", Zigzag Magazine, #42, 1972.
  34. Gilbert, Jerry. "Something else for Nick? An interview with Nick Drake". Sounds Magazine, 13 de marzo de 1971.
  35. 35,0 35,1 Barnes, Anthony. "Revealed: the forgotten tapes of Nick Drake". Independent on Sunday (Reino Unido), 22 de febreiro de 2004.
  36. Humphries (1997), pp. 166–168
  37. 37,0 37,1 Kent, Nick. "Requiem For A Solitary man". New Musical Express, 8 de febreiro de 1975.
  38. "The alternative top 100". Guardian Unlimited, 1999.
  39. 39,0 39,1 39,2 Brooks, Richard. "Heartbreak letter clue to death of cult singer".
  40. Hicks, Andrew. "A Memoir of My Childhood Friend". Bryter Music, the Estate of Nick Drake, Novembro do 2000.
  41. Humphries (1997), pp. 213–214
  42. Humphries (1997), p. 215
  43. Humphries (1997), p.75

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Nick Drake