Neusto

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Neuston»)
Dúas pitas cegas, organismos comúns no neusto.

En ecoloxía, oceanografía e limnoloxía denomínase neusto ou neuston[1] ao conxunto dos organismos de pequeno tamaño (algúns microscópicos) que se encontran ligados á capa superficial das augas, é dicir, á interface auga/atmosfera.[2][3]

Primeiro uso, tipos e derivados[editar | editar a fonte]

Os copépodos son uns dos microorganismos neustónicos máis abundantes.
Lámina de Ernst Haeckel en Kunstformen der Natur (1904)..
A carabela portuguesa (Physalia physalis).

O termo neusto (neuston), derivado do adxectivo grego νευστόν neuston, "o que nada", "nadador" (tamén "flotante"), foi introducido en 1917 polo limnólogo E. Naumann (1891–1934).[4]

Na definición orixinal non se tiñan en conta máis que os organismos en contacto coa tensión superficial da película da superficie e que se encontraban por riba ou por debaixo dela. Pero posteriormente o significado do termo ampliouse e diversificouse.[5].

Denomínase epineusto aos organismos que viven na fase aérea (sobre a película de auga), e hiponeusto aos da fase acuosa (por debaixo dela).[2][3]

O adxectivo para cualificar ao relacionado con neusto é neustónico.[6]

Categorías[editar | editar a fonte]

Esta categoría de organismos acuáticos foi dividida en varias subcategorías,[7] cuxas definicións poden variar segundo os autores e as disciplinas; en particular, os usos a miúdo difiren entre a limnoloxía (augas doces) e a oceanografía.

A primeira subdivisión foi a antecitada, referida á posición dos organismos en relación á superficie da película: epineusto, os que viven por riba da superficie, e hiponeusto, referido a aqueles que ocupan a capa superficial do líquido elemento inmediatamente por debaixo da superficie.[7] O termo supraneusto, moito máis raro, utilízase frecuentemente como sinónimo de epineusto, en particular en hidrobioloxía; pero entre os biólogos mariños, e especialmente os microbiólogos, pode referirse ás comunidades de microorganismos que viven na película superficial.[8] O seu antónimo é infraneusto.

Outra categoría importante é o pleusto ou pleuston, aínda que non hai unanimidade para a súa definición. O termo construíuse co radical pleust-, do grego τό ρλευστόν to pleuston, "navegante", "flotante".[9] No medio mariño aplícase case sempre aos seres vivos que flotan na superficie e cuxos desprazamentos son pasivos, é dicir, que se rexen polas correntes da auga ou polo vento.[10] Os animais acuáticos perfectamente adaptados a esta forma de vida teñen flotadores que poden superar a superficie e servir como unha vela, como ocorre na carabela portuguesa (Physalia physalis).

Mais para moitos limnólogos, o neusto non representaría máis que a fracción dos organismos de pequeno tamaño, incluso microscópicos, relacionados coa superficie, mentres que o pleusto correspondería aos organismos de gran tamaño.[11] Outra clasificación baseada no talle distingue o piconeusto, onde o tamaño pode ser inferior a 2 μm, do microneusto e do macroneusto, cuxos representante poden medir un metro ou máis.[12]

O neusto pode tamén categorizarse en función dos tipos de organismos que o compoñen. Pódese así falar de bacterioneusto, a fracción bacteriana do neuston, do fitotoneusto (a vexetal), ou do zooneusto (a dos animais) e mesmo do ictioneusto (a constituída só polos peixes).

Especies concernidas[editar | editar a fonte]

A partir dos anos 1960 comezou a estudarse en profundidade esta capa e o medio que a compón.[13].

Xa que corresponde á superficie de todos os océanos e augas continentais, o dominio do neusto ocupa máis do 70% da superficie do mundo, e a súa biodiversidade conta probabelmente con milleiros de especies.[12] A maior parte dos taxons de seres vivos están representados, polo menos en certas etapas do seu ciclo biolóxico. Non é necesario forzosamente que un organismo viva permanentemente na veciñanza da superficie das augas para que sexa considerado como integrante deste ecosistema.[14] Numerosos organismos peláxicos son, en efecto, susceptíbeis de faceren desprazamentos entre a auga e a superficie, e o desenvolvemento dun número considerábel de especies peláxicas e bentónicas pasa por fases (ovos, larvas) que se desenvolven nas capas superficiais das masas de auga.

Entre os organismos máis comúns que compoñen o medio neustónico encóntranse as bacterias, os copépodoss e as algas diatomeas, crisoficeas e xantoficeas.[3] Entre os depredadores destaca o zooplancto.[15]

Cómpre sinalar que en ocasións fórmanse na superficie unhas finas películas azuladas constituídas por fitoplancto e bacterias que teñen unha actividade moi elevada, aínda que a súa duración non exceda dunhas poucas horas. Estas formacións esporádicas denomínanse slicks, e poden degradar o petróleo cru en augas contaminadas.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. RAG/ILG (2003): Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, 18ª ed., § 9.16. «Existe ademais un grupo de palabras cultas coa terminación -on átona: canon, colon, corion, décathlon, épsilon, ípsilon, micron, epíploon, cripton, isquion, necton, neon, newton, ómicron, párkinson, radon, taxon, telson».
    O termo necton vén do grego νηκτόν nēkton, "acto de nadar", "natación".
    O termo neuston vén do grego νευστόν neuston, "o que nada", "nadador".
  2. 2,0 2,1 2,2 Dajoz, Roger e Leiva Morales, María José (2003): Tratado de Ecología. Mundi-prensa Libros. ISBN 978-84-7114-828-5, p. 586. [1]
  3. 3,0 3,1 3,2 Fraume Restrepo, Néstor Julio (2007): Diccionario ambiental, 2ª ed. ECOE. ISBN 978-958-648-462-6, p. 303. [2]
  4. Naumann, E. (1917): "Beiträge zur Kenntnis des Teichnannoplanktons. II. Über das Neuston des Süsswassers", Biologisches Zentralblatt, 37: 98-106.
  5. Gladyshev, M. I. (2002): Biophysics of the surface microlayer of aquatic ecosystems. International Water Association. ISBN 1-900222-17-5, p. 86.
  6. neusto-, neust-, -neuston, -neustonic en Word Information.
  7. 7,0 7,1 Burchardt, L. & Dutkiewicz, E. (2007): "Neuston: The amazing world between water and air". Oceanological and Hydrobiological Studies, 36, Suplemento 1. ISSN 1730-413X, pp. 227–232.
  8. Tsyban, A. V. (1971): "Marine bacterioneuston". Journal of Oceanography, 27 (2): 56–66. Resumo.
  9. pleusto-, pleust- en Word Information.
  10. Johanna G. Baretta-Bekker; E. K. Duursma e Bouwe R. Kuipers (1992): Encyclopedia of Marine Sciences. Berlin: Springler-Verlag. ISBN 3-540-54501-8. Resumo.
  11. G. Balvay Composition de la biocénose d'un lac.
  12. 12,0 12,1 Hardy, J. T. (1997): Biological effects of chemicals in the sea-surface microlayer. Cambridge (RU): Cambridge University Press, páxs. 339–370. Resumo.
  13. Hardy, J. T. (1982): "The sea surface microlayer: Biology, chemistry and anthropogenic enrichment", Progress in Oceanography, 11 (4): 307-328. Resumo
  14. Marshall, H. G. & Burchardt, L. (2005): "Neuston: Its definition with a historical review regarding its concept and community structure", Archiv für Hydrobiologie, 164 (4): 429-448. Resumo.
  15. Neuston en Enciclopedia Microsoft Encarta Online.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]