Neoxeno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Diorama representando a fauna do mioceno.

O Neoxeno é un período superior do Terciario. Tradicionalmente definiuse como un período que agrupa o Mioceno e máis o Plioceno, pero unha proposta recente da Comisión Internacional de Estratigrafía (ISC) pretendía engadir as épocas do Plistoceno e Holoceno, continuando ata o presente.

Está separado do Paleoxeno pola fase sávica do pregamento alpino, que é a fase de máxima actividade. Iníciase coa desaparición dos numulites. Os fósiles máis característicos deste período son moluscos, microforaminíferos, mamíferos, etc. Ó final do Neóxeno prodúcese a separación do mar Mediterráneo occidental e oriental. En América emerxe a franxa centroamericana, que pon en comunicación América do Norte con América do Sur. O clima sofre un notable arrefecemento. As principais formacións neoxenas de España están nas depresións dos ríos Guadalquivir e Ebro. A cunca do Vallés-Penedés é especialmente rica en mamíferos fósiles deste período.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima do Neoxeno era menos cálido e máis húmido que en tempos pretéritos, o que permitiu o desenvolvemento da vexetación con árbores fagais de follas planas e caducas, como as Quercus e as Fagus. A aparición de grandes pradarías proporcionaba o pasto adecuado ós grandes mamíferos probiscideos, como o Deinotherium e o Gomphotherium (mastodonte).

Mioceno[editar | editar a fonte]

O clima do Mioceno era máis fresco que o da época precedente. No hemisferio norte, grandes áreas antes cubertas por espesos bosques convertéronse en grandes pradarías. No hemisferio sur xa se establecera un sistema circumplanetario de correntes oceánicas, que illaba a Antártida das correntes máis cálidas do resto do mundo. Isto favoreceu á desaparición dun gran casquete de xeo antártico. O continente antártico viuse sometido a unha primeira fase de glaciación. Este feito tivo como efecto inmediato un descenso do nivel dos océanos e, como consecuencia, o mar Mediterráneo deixou de estar comunicado co océano Atlántico, abrindo unha nova comunicación entre as faunas terrestres de Europa, África e Asia.

O Mediterráneo quedou reducido a uns poucos lagos salinos que deron lugar a depósitos de evaporitas. Dende o fondo do mar desecado, relevos como as Baleares ou Córsega e Sardeña aparecían como extraordinarias cordilleiras en medio dun deserto salino.

Plioceno[editar | editar a fonte]

O inicio do Plioceno comporta un importante cambio climático. As temperaturas medias anuais subiron de novo, situándose entre 3 e 10 °C por riba das actuais. Por última vez na historia a Antártida viuse de novo libre de xeo e desenvolveuse unha vexetación de tipo templado-subtropical. Como consecuencia, o nivel do mar subiu ceca de 60 metros.

Fai uns 2,5 millóns de anos produciuse un novo arrefecemento a nivel global. Este cambio foi moito máis importante que os anteriores, xa que con el se iniciou o ciclo de períodos alternantes glaciar-interglaciar que caracteriza dende entón ó noso planeta.

Xeotectónica[editar | editar a fonte]

A elevación das grandes cordilleiras montañosas que comezara durante o Oligoceno seguiu adiante acabando de formar os Alpes en Europa, o Himalaia en Asia e as cadeas montañosas no continente americano. Estes sucesos correspóndense coa última fase da Oroxenia alpina, fase Rodánica.

Os sedimentos producidos pola erosión destes sistemas depositáronse en cuncas mariñas pouco profundas, para terminar converténdose na localización de ricos depósitos petrolíferos en California, Romanía e a costa este do mar Caspio.

Norteamérica e Sudamérica uníronse formando o Istmo de Panamá. A placa africana colisionou con Asia e unha incipiente dorsal abriu o mar Vermello e o golfo de Adén a vez que se produciu o conato de apertura de África oriental na dorsal dos Grandes Lagos. Non existía o estreito de Xibraltar como tal, un conxunto de arco illas bordeadas por arrecifes de coral estendíanse entre o norte de África e a Península Ibérica. No oeste de Norteamérica, a subdución da placa tectónica do Pacífico contribuíu á elevación de Serra Nevada e da cordilleira volcánica das Cascadas. Nesta época configurouse o istmo de Panamá. En Europa, os Alpes continuaron a súa ascensión polo movemento da tectónica de placas. Ó final do Mioceno, a colisión das placas africana e ibérica formara o sistema bético-rifeño e cortara a comunicación entre o Mediterráneo e no Atlántico. Ó iniciarse o Plioceno tivo lugar o afundimento do eixe da cadea montañosa Atlas-Bética, formándose a fosa que actualmente separa a Península Ibérica de Marrocos.

A vida no Neoxeno[editar | editar a fonte]

Diorama representando a fauna do Mioceno.

Mioceno[editar | editar a fonte]

Aparecen as gramíneas,que favoreceron o crecemento e desenvolvemento dos herbívoros. A fauna do Mioceno contempla a aparición do mastodonte, igual que o mapache e a donicela. Durante esta época, os grandes simios vivían en Asia e no sur de Europa.

Desaparecen os marsupiais en Norteamérica e Europa, mentres que en Australia e Sudamérica seguen desenvolvéndose debido ó illamento xeográfico. Nestes continentes non se desenvolveron nin roedores nin primates.

Plioceno[editar | editar a fonte]

Este período é considerado por moitos zoólogos como o clímax da “idade dos mamíferos”.

Esta época caracterízase pola abundancia de grandes mamíferos, a maioría dos cales aínda perviven. Prodúcese a evolución dun grupo de primates, os homínidos, con diversas especies, dende os Australopitecinos ó Homo habilis e ó Homo erectus, consideradas antepasados directos do Homo sapiens.

Predominan as fanerógamas, aínda que coexisten con bosques de coníferas. Desenrólanse bosques de caducifolias a medida que se acentúan os cambios estacionais. Neste momento detéctase en Eurasia unha importante regresión das masas boscosas e a expansión das pradarías de gramíneas.