Nemo me impune lacessit

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A frase latina Nemo me impune lacessit (en galego "Ninguén me fire impunemente") é o lema oficial do Reino de Escocia, usado no Escudo de armas de Escocia. Na actualidade é o lema do monarca do Reino Unido cando se atopa en Escocia, e aparece tamén no escudo de armas do Reino Unido cando se emprega en Escocia. Unha tradución máis coloquial á lingua escocesa é "Wha daur meddle wi me?", que podería traducirse como "Quen se atreve a meterse comigo?"

Esta frase é tamén o lema da Orde do Cardo, orde de cabalería escocesa; dos rexementos escoceses do Exército Británico, do Rexemento Real de Escocia e dos Scots Guards ou Gardas Escoceses. Tamén era o lema dos antigos rexementos denominados Royal Scots, Royal Highland Fusiliers e Black Watch. En Australia, este lema tamén é empregado polo Victorian Scottish Regiment, unha compañía de infantería pertencente ao Royal Vitoria Regiment.

A frase aparece tamén nas moedas dunha libra esterlina acuñadas entre 1984 e 1994 en Escocia, e é mencionada no relato de Edgar Allan Poe titulado "O barril de amontillado"; isto débese probablemente a que Poe foi adoptado por un mercader escocés.

Posible orixe do lema[editar | editar a fonte]

Flor do Cardo

De acordo coa lenda, o lema referíase inicialmente á flor do cardo, símbolo de Escocia: durante un ataque sorpresa dos dinamarqueses, un dos invasores pisou un cardo e emitiu un berro de dor, alertando así aos defensores da súa presenza. Posteriormente, o lema espallouse a toda Escocia e aos rexementos militares escoceses, que adoptaron tamén o cardo como emblema.

Esta mesma planta é tamén o símbolo dunha cidade francesa, Nancy, cuxo lema Non inultus premor ("Non podo ser tocado impunemente") lembra ao lema escocés.