Nelumbonaceae

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nelumbonaceae

N. nucifera (loto sacro)
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Eudicotyledoneae basal
Orde: Proteales
Familia: Nelumbonaceae
Bercht. & J.Presl, 1823, nom. cons.
Xéneros e especies

Nelumbonaceae (as nelumbonáceas ou lotos) é o nome botánico para a familia de plantas con flor acuáticas da orde Proteales. Só algúns taxonomistas recoñecen a familia: as plantas que se acollen neste xénero adóitanse incluír tamén na familia Nymphaeaceae. Ás veces coñécese coma familia dos lotos ou familia das ninfeas-lotos.

Consta dun único xénero, Nelumbo Adans., 1763, con dúas especies, que se distribúen polo sur de Rusia, Asia, norte de Australia, América do Norte oriental, América central e as Antillas. Dáselles o nome vulgar de "lotos" (e xunto coas Nymphaeaceae chámanse "ninfeas"). A súa especie tipo é Nelumbo nucifera Gaertn., 1788. O nome Nelumbo provén do cingalés ne-lum bu, que é o nome vulgar desta planta en Sri Lanka.

Descrición[editar | editar a fonte]

  • Talos rizomatosos, xilema sen vasos, cavidades secretoras presentes, con látex. Rizomas, raíces e pecíolos con aerénquima desenvolvido, deixando grandes espazos intercelulares, as células que recobren as canles aéreas con acumulacións de cristais de oxalato cálcico. Faces de vasos colaterais, espallados, sen cámbium. Limbo foliar con cavidades secretoras contendo látex, sen idioblastos esclerenquimáticos. Raíces con vasos xilemáticos.
  • Flores perfectas, actinomorfas, solitarias, aparentemente axilares, sen bractéolas, hipóxinas, con perianto de disposición espiralada, grandes (10–100 cm. de diámetro), cun sistema vascular cortical, de cor rosa, branca ou amarelenta, por riba da tona da auga sobre pedúnculos cilíndricos de até 2 m. de longo. Receptáculo obcónico, grande, truncado, esponxoso, os bordos estriados a rugosos. Perianto usualmente caduco, imbricado, de 2(-8) sépalos e (10-)20-30 pétalos. Androceo de 200-300(-400) estames ceibos, filantéreos, anteras tetraesporanxiadas, non versátiles, latrorsas ou introrsas, ou ben as dos membros externos extrorsas e as dos internos introrsas, conectivo prolongado nun apéndice uncinado, plano ou clavado, termóxeno, dehiscencia lonxitudinal. Xineceo súpero, apocárpico de (2-)12-30(-40) carpelos ceibos, espirais, incrustados na face superior do receptáculo, ocluídos por secrecións, cada un cun estilodio moi curto ou case ausente, estigma circular, húmido, cunha canle descendente até o ovario recuberto de longas papilas, óvulo 1(-2) por carpelo, anátropo, apótropo, bitégmico, crasinucelado, péndulo, con cuberta nucelar e obturador funicular, placentación apical ventral.
  • Froito en núcula globosa ou alongada, con poro apical, o pericarpo soldado á testa, ambos os dous endurecidos, inmersos no receptáculo acrescente e esclerificado.

Sistemática[editar | editar a fonte]

O sistema APG II, de 2003 (proveniente do sistema APG, de 1998), recoñece esta familia e sitúaa na orde Proteales, no clado eudicots.

A familia consiste nun só xénero, Nelumbo, de, probabelmente, dúas especies de plantas acuáticas, nativas de América do Norte e Asia (e quizais algunhas áreas achegadas, mais amplamente cultivada).


O Sistema Cronquist, de 1981, tamén recoñece esta familia pero sitúaa na orde Nymphaeales na subclase Magnoliidae na clase Magnoliopsida [=dicotiledóneas].


O Sistema Dahlgren e mais o Sistema Thorne (1992) tamén recoñecen dita familia situándoa na súa propia orde Nelumbonales na superorde Magnolianae na subclase Magnoliidae [=dicotiledóneas].

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]