Negociacións Vikzhel

Este é un artigo de calidade da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As negociacións Vikzhel foron unhas conversacións, finalmente fracasadas, entre os partidos socialistas rusos impostas polo comité executivo do sindicato ferroviario ruso (Vikzhel) co fin de substituír o Sovnarkom, un Goberno exclusivamente bolxevique recentemente formado durante a Revolución de Outubro, por unha coalición das forzas socialistas.

Trala toma do poder do Sovnarkom durante a Revolución de Outubro, os seus opositores políticos socialistas recorreron ás armas. O comité executivo do Vikzhel, partidario da formación dun Goberno de coalición entre os diversos partidos socialistas, obrigoulles a iniciar negociacións para a súa creación.[1] O Vikzhel ameazaba con paralizar o transporte ferroviario, fundamental para abastecer as cidades e transportar as tropas tanto do Sovnarkom como as dos seus adversarios.[1]

A actitude dos distintos partidos variou segundo a sorte dos combates, que o Vikzhel non lograra deter. As correntes máis conservadoras dos partidos Socialrevolucionario (PSR) e Menxevique mostráronse ao comezo intransixentes e partidarias de desfacer as consecuencias da Revolución de Outubro na mesa de negociacións, posibilidade favorecida pola puxanza da fracción bolxevique disposta ao acordo e a adversa situación militar gobernamental. Petrogrado atopábase ameazada polas forzas reunidas por Kerenskii e Moscova estaba aínda en disputa. Doutra banda, faccións dos tres partidos avogaban con vehemencia pola formación da coalición.

Tras varias sesións, as partes alcanzaron un principio de acordo que, con todo, acabou rexeitando a maioría do comité central bolxevique, novamente baixo o control da fracción leninista, oposta ás concesións ás correntes conservadoras das outras formacións. A vitoria bolxevique en Moscova, o esmagamento do levantamento dos cadetes na capital e o fracaso da ofensiva de Kerenskii contra Petrogrado endureceron a posición bolxevique á vez que moderaron as esixencias dos seus adversarios socialistas. Lenin, co apoio fundamental de Trotski e o apoio cada vez maior do comité central bolxevique, esixiu unha serie de condicións para continuar as conversacións inaceptables para a outra parte, que respondeu coas súas propias, rexeitadas á súa vez polo Goberno. Os esforzos dos bolxeviques moderados por alcanzar un acordo intermedio que non incluíse todas as condicións aprobadas polo seu comité central levou a Lenin a tratar de imporlles a disciplina do partido e a retarlles a tomar o control. Os moderados, en resposta, dimitiron dos seus postos no Goberno e no comité central, o que non serviu para moderar a posición daquel. Tras varios días, o rexeitamento das condicións da oposición por parte da fracción leninista e a contrariedade da maioría da oposición a aceptar as dos bolxeviques conduciron ao fracaso das negociacións. Semanas despois, con todo, os socialrevolucionarios de esquerda, escindidos xa do PSR, entraron no Goberno.

Antecedentes[editar | editar a fonte]

Tropas favorables aos bolxeviques durante a Revolución de Outubro. A pesar do rexeitamento desta por parte do groso dos menxeviques e socialrevolucionarios, importantes sectores dos tres partidos socialistas esperaban aínda a formación dun Goberno socialista de coalición.[2]

Ante a toma do poder polos bolxeviques durante a Revolución de Outubro –non en nome propio, senón no dos soviets–,[3] parte dos seus adversarios políticos socialistas decidiron opoñerse a eles polas armas.[4] Nin sequera a á esquerda socialrevolucionaria, que permanecera no congreso soviético trala retirada[3] do resto de partidos, estaba disposta a ingresar no Goberno se non había acordo entre aqueles socialistas que apoiaban a Revolución de Outubro e os que a rexeitaban.[5][6] Os partidarios dun acordo entre socialistas –menxeviques internacionalistas, socialrevolucionarios de esquerda e a corrente bolxevique moderada encabezada por Kamenev e Zinoiev–,[7][8] comezaron a traballar para lograr o pacto.[5][9] A posibilidade de formar un Goberno socialista de coalición contaba así mesmo con bastante apoio popular, que se reflectiu no apoio á creación da Xunta Sindical de Petrogrado ou o Soviet de Výborg.[9]

A maioría dos socialrevolucionarios (PSR) negáronse á restauración do Goberno provisional derrocado e a política de coalición coa burguesía, dada a súa impopularidade.[10] En Petrogrado, Stankevich quedou só na defensa do anterior gabinete, mentres que en Moscova os ferroviarios impuxeron ao partido a aceptación dun novo Goberno exclusivamente socialista.[10] Con todo, o comité central seguía defendendo a eliminación dos bolxeviques do poder e o regreso provisional de Kerenskii para entregar o poder a un novo gabinete de coalición socialista que excluíse a formación de Lenin.[2] O partido, a pesar de carecer de forza algunha, esixía o apartamento dos bolxeviques.[2]

Ferroviarios rusos. O comité executivo do seu sindicato, Vikzhel, forzou a partidarios e opositores da Revolución de Outubro a negociar parar formar un Goberno de coalición socialista mediante a ameaza de paralización do tráfico férreo no país, fundamental para o abastecemento das cidades e para as manobras militares entre os dous bandos.[11]

O sindicato nacional de ferroviarios decidiu non tomar partido por ningunha das faccións, mediar entre o Comité Militar Revolucionario de Petrogrado e o Comité de Salvación da Patria e a Revolución,[12] tratar de obrigar[13] ás partes enfrontadas a poñer fin ao conflito[14] e formar unha coalición[12][15][7] de Goberno socialista.[4] O poder do sindicato residía na súa capacidade de paralizar as comunicacións mediante a folga;[4][16][17] dado que o exiguo abastecemento[1] das cidades e o movemento de tropas[15] dependían da rede de ferrocarrís, a ameaza de folga do sindicato era grave.[4][12][8] O comité executivo seguía esencialmente a política dos socialrevolucionarios de esquerda, o grupo máis numeroso do comité con arredor dun cuarto dos cerca de corenta membros.[18][16] Estes desexaban apartar a burguesía do Goberno, acabar coa guerra e formar un gabinete de todas as forzas socialistas no que ningunha dominase as demais.[16]

O 26 de outubroxul./ 8 de novembro de 1917greg., o Vikzhel trasladouse de Moscova, onde tiña a súa sede, a Petrogrado e tras entrevistarse con delegados do congreso soviético, representantes do Ministerio de Transportes e dirixentes bolxeviques moderados, impuxo un bloqueo do transporte de tropas e proclamou a convocatoria[15][1] de folga para a media noite[14] do 29 de outubroxul./ 11 de novembro de 1917greg.[12][9] se os bolxeviques non aceptaban negociar.[5][19] Na última sesión do II Congreso celebrada ese mesmo día,[18] o seu representante expresara a súa oposición á toma do poder por un único partido e reclamara a formación dunha coalición de todos os partidos socialistas.[1][11] Para impoñer a súa vontade, o Vikzhel tomara o control dos ferrocarrís.[1][18] Calquera intento de ataque aos ferroviarios desembocaría no fin da subministración da capital, indicara o representante do Vikzhel.[11]

Tres días máis tarde, comezaron os enfrontamentos entre partidarios e opositores do novo Goberno en Moscova, ao comezo desfavorables aos primeiros.[5] Os combates nos arredores de Petrogrado tampouco cesaran.[20] A situación do novo Goberno era precaria,[15] sen controlar aínda Moscova e asediado en Petrogrado, onde o 29 de outubroxul./ 11 de novembro de 1917greg. produciuse o motín junker e ao que se acercaban as tropas reunidas por Kerenskii.[8]

O 27 de outubroxul./ 9 de novembro de 1917greg., tanto o Goberno como o Comité de Salvación da Patria e a Revolución –controlado polos socialrevolucionarios e menxeviques e oposto ao Goberno bolxevique–,[1][18] trataron de balde gañarse o favor do Vikzhel.[21] Ao día seguinte, e a pesar da negativa do Comité Central menxevique de tratar cos bolxeviques, do seu chamamento a formar un novo Goberno e exixir ao Comité Militar Revolucionario a súa rendición,[22] o Comité de Salvación aveuse a formar un novo Goberno socialista que excluíse os bolxeviques e Riazanov, en representación destes, invitou os ferroviarios a acudir a Smolny para comezar as negociacións.[21] As partes aceptaran así a exixencia do sindicato de negociar,[4][11] pero Vikzhel non conseguiu que se proclamase tamén o alto o fogo.[12] Mentres, aumentaba a tensión entre o Comité Militar Revolucionario que defendía a cidade fronte a Kerenskii e o Vikzhel, que bloqueaba os movementos de tropas.[21]

Comezo das negociacións[editar | editar a fonte]

Kerenskii, presidente do deposto Goberno provisional, tratou de balde retomar Petrogrado e rexeitou tratar cos bolxeviques mentres as operacións militares lle foron favorables.

As conversas comezaron a noite[23][12] do 29 de outubroxul./ 11 de novembro de 1917greg.[13][9][24][17] na sede do Ministerio de Transportes,[4] tralo inicio dos duros combates en Moscova e o avance de Kerenskii até Gatchina.[21] Á sesión acudiron vinte e seis[25] delegados dos distintos partidos socialistas.[24] A base das negociacións era a proposta do Vikzhel de formar un novo Goberno socialista que abarcase desde os bolxeviques ata os socialistas populares.[4][13][9][25] A proposta simultánea de alto o fogo foi rexeitada polos socialistas máis conservadores –que seguían esixindo a exclusión dos bolxeviques dun futuro Goberno–[26][25] e por Kerenskii.[27]

A corrente bolxevique moderada, encabezada por Lev Kamenev,[4] lograra o apoio[20] do Comité Central do Partido Bolxevique –do que estaban ausentes Lenin, Trotski e Zinoviev[28] para participar, coa intención de incluír no Goberno aos partidos que abandonaran as sesións do Segundo Congreso dos Soviets.[29][14][30][24] Lenin e Trotski estaban reunidos co Comité Militar Revolucionario para coordinar o esmagamento do levantamento dos cadetes e a defensa da capital fronte a Kerenskii. [24] A moción do Comité Central incluíra a necesidade de aceptar as resolucións do congreso soviético, a responsabilidade[25] do novo gabinete ante os soviets e a inclusión nel de todas as formacións[21] socialistas como bases para negociar cos adversarios.[29][14] Kamenev desexaba obter o apoio dos socialistas moderados e privar del a Kerenskii.[29] Para iso, estaba disposto a manter nos seus postos no Comité Executivo Central aos delegados que se retiraran durante o Congreso.[29] O desenvolvemento dos combates, adverso para os bolxeviques tanto en Moscova como nas aforas de Petrogrado entre o 29 de outubroxul./ 11 de novembro de 1917greg. e o 31 de outubroxul./ 13 de novembro de 1917greg., favorecía a actitude conciliadora bolxevique.[28] Na sesión plenaria do Comité Executivo Central Panruso (VTsIK) o mesmo día 29 de outubroxul./ 11 de novembro de 1917greg., Kamenev mostrouse disposto a aceptar a exclusión[8] de Lenin e Trotski que esixían os demais partidos socialistas moderados e a contemplar un Goberno no que o seu partido non ostentase a maioría.[22][25]

Mártov, dirixente menxevique, comezou a retomar o control do partido pero non logrou un apoio decidido da súa formación as negociacións e tivo que enfrontarse a unha notable fracción defensista, totalmente contraria a un acordo cos bolxeviques.[31]

A mesma debilidade do Sovnarkom que facilitaba a moderación bolxevique endureceu[9] a postura dos partidos socialistas que apoiaron ao Goberno provisional derrocado na Revolución de Outubro.[22]

Gendelman, portavoz dos socialrevolucionarios, mostrouse disposto a poñer fin ao Goberno de Kerenskii e a crear un novo Consello de Ministros exclusivamente socialista, pero sen contar cos bolxeviques e só trala derrota militar destes, a animou aos ferroviarios a apoiar as operacións militares de Kerensekii.[23] A pesar do ton belicoso de Gendelman, ese mesmo día fracasara o levantamento en Petrogrado alentado polo seu partido.[23]

Mártov desexaba encarrilar a Revolución de Outubro e evitar que un enfrontamento entre socialistas facilitase a contrarrevolución.[13][32] O seu desexo de acabar cos enfrontamentos entre socialistas de forma pacífica compartíano outros delegados nas conversas.[32] Desexoso de que non fracasasen as negociacións, mostrouse inicialmente conciliador cos bolxeviques na primeira sesión.[13][25] Durante as conversas, expresou a súa oposición ás medidas represivas do Sovnarkom, como o peche de publicacións socialistas, fusilamentos sen xuízo previo e outros excesos do Comité Militar Revolucionario.[29] Na súa opinión, a falta de acordo entre socialistas levaría a unha inminente guerra civil.[29] Dan, tamén en representación dos menxeviques, indicou que o seu partido só participaría no novo gabinete se ingresaban tamén os socialrevolucionarios.[29] Cun acordo preliminar entre as partes, formouse un comité interpartidista que comezou a concretar o acordo durante a noite.[25]

A sesión da mañá do 30 de outubroxul./ 12 de novembrogreg. foi breve: os delegados escoitaron o informe sobre as negociacións con Kerenskii e convocaron unha nova reunión para a noite.[33] Na sesión nocturna, Martov esixiu a abolición do decreto do Comité Militar Revolucionario que demandaba o arresto e xuízo ante un tribunal revolucionario dos membros do Comité de Salvación, reivindicación aceptada polo Vikzhel.[34] Pola mañá, nunha conferencia conxunta de menxeviques e socialrevolucionarios, os dous partidos acordaron unha serie de reivindicacións para presentar esa noite na segunda sesión das negociacións:[26] desarme da Garda Vermella,[30][26] entrega do control da gornición da capital ao concello e a proclamación dun armisticio.[23] A cambio, comprometíanse a que as tropas de Kerenskii non loitaran na capital e se formara un novo Goberno socialista, excluíndo aos bolxeviques.[35][26] O Vikzhel forzara aos socialrevolucionarios a negociar.[35] Na sesión nocturna, o novo representante socialrevolucionario, Rakitnikov, máis á esquerda que Gendelman, admitiu a participación de ministros bolxeviques no novo Goberno, non como representantes do partido, senón a título persoal pero vetou a inclusión[9][30] de Lenin ou Trotski.[35] O novo Goberno debía ademais responder ante o Preparlamento, que sería restaurado.[36] O á dereita do PSR, ao igual que os defensistas menxeviques,[32] en calquera caso, seguiron negándose a gobernar xunto aos bolxeviques.[37]

O 31 de outubroxul./ 13 de novembro de 1917greg., as posicións acercáronse[38] ás propostas do Vikzhel —cuxos representantes eran socialrevolucionarios de[21] esquerda—: os bolxeviques mostráronse máis conciliadores e deixaron de exixir o 51% das carteiras do gabinete, os socialrevolucionarios de dereita ofrecéronse a entrar nun Goberno sen Lenin nin Trotski e os menxeviques de dereita mostráronse dispostos a apoiar ao novo Goberno –incluso se incluía bolxeviques– aínda que non a participar nel.[27] O PSR ademais admitiu a desaparición do Goberno provisional e abandonou a súa exixencia de resucitar o Preparlamento.[36] Reclamaron, porén, a concesión de escanos aos soviets campesiños e ás dumas (concellos) nun novo órgano lexislativo, o que houbese deixado en minoría aos bolxeviques.[36][39] Os reveses de Kerenskii moderaron as posicións menxeviques e socialrevolucionarios pero, ao mesmo tempo, endureceron as dos bolxeviques.[28]

A maioría dos delegados aprobou a creación do novo organismo proposto polos menxeviques e socialrevolucionarios.[39] A pesar do principio de acordo, as partes debían ademais resolver importantes cuestións prácticas: se o novo Goberno respondería ante o VTsIK ou ante outro organismo, o número de comisarías que se outorgaría a cada formación e quen formaría parte do gabinete.[29]

Aínda que Mártov e Dan lograron que o Comité Central menxevique apoiase as negociacións e a formación dun novo gabinete de coalición socialista,[39] a fracción defensista continuaba opoñéndose en xeral a calquera acordo cos bolxeviques, aos que esixía a restauración das liberdades abolidas e a inmediata convocatoria da Asemblea Constituínte.[31] A súa posición respecto a que Goberno debía substituír o Sovnarkom, non era clara: mentres uns avogaban polo regreso de Kerenskii, outros preferían unha nova coalición que non encabezase este, e outros incluso estaban dispostos a pactar cos bolxeviques se estes excluían a Lenin e Trotski do futuro Goberno.[31]

Acordo aparente[editar | editar a fonte]

Unha comisión de varios partidos resolveu a maioría dos desacordos na sesión do 31 de outubroxul./ 13 de novembro de 1917greg.:[34] aprobouse a formación dun novo órgano lexislativo, o «soviet popular»,[33] no que participaría non só o novo CEC elixido no II Congreso, senón o anterior, os concellos, os principais sindicatos e os soviets provinciais.[31] Este organismo sería o encargado de elixir o novo Goberno que, porén, se decidiu[33] xa nas conversas.[31] Na práctica, era case unha resurrección do Preparlamento disolto durante a Revolución de Outubro.[24] O Presidente do novo gabinete sería o socialrevolucionario Victor Chernov e non contaría coa presenza de Lenin nin de Trotski.[40][39][33] O pacto, acadado tras horas de debate, que reservaba importantes ministerios –Educación, Industria, Comercio, e posiblemente Traballo, Interior e Exteriores– para os bolxeviques[39] e logrado principalmente polo acordo dos moderados bolxeviques, os socialrevolucionarios de esquerda e os menxeviques internacionalistas, parecía definitivo.[40]

Kamenev comprometeuse a publicalo; Izvestia publicou unha versión pouco fiel, que excluía a lista de ministros ou a participación dos concellos no novo organismo lexislativo.[40] Rabochii i soldat indicou que se lograra un acordo entre os partidos con representación nos soviets.[41]

Fracaso[editar | editar a fonte]

As discrepancias bolxeviques[editar | editar a fonte]

Lev Kamenev.

O 1 de novembroxul./ 14 de novembrogreg., chegou a noticia da vitoria das forzas bolxeviques en Moscova e da retirada das forzas de Kerenskii[42] dos arredores de Petrogrado,[43] o que aliviou a presión militar sobre o Goberno e, nos días seguintes, levou a un afastamento das posicións na mesa de negociacións.[27] Coa vitoria militar, o interese dos bolxeviques por negociar cos seus adversarios –nulo no caso de Lenin– minguou notablemente.[42][28][9] Pola súa banda, os socialrevolucionarios tampouco participaban con intención de acadar un acordo.[44] Ambas partes acudiron ás negociacións obrigadas polos ferroviarios.[44] O regreso de Lenin e Trotski ás sesións do Comité Central favoreceu así mesmo o endurecemento da posición negociadora bolxevique.[28]

Lenin e Trotski —este último acababa de regresar dos combates ao sur da capital contra Kerenskii–,[30] convencidos de que Kamenev realizara concesións excesivas, atacaron o acordo na longa reunión do Comité Central da tarde e da noite do 1 de novembroxul./ 14 de novembrogreg..[40][24][45] Lenin sostiña que a inclusión das dumas sería unha concesión ás forzas burguesas e acabaría coa asunción do poder polos soviets aprobada no II Congreso; defendía un Goberno exclusivamente bolxevique.[40] Convencido de que a revolución en Rusia estenderíase pronto polo resto de Europa, sostiña que as concesións aos socialistas moderados devolveríalles o poder gobernamental perdido e frustraría a revolución mundial.[41] Nunha axitada sesión, avogou por arrestar ao Vikzhel se opoñía resistencia ao Goberno e retou á corrente conciliadora de Kamenev a forzar unha escisión do partido e tomar o poder en caso de obter a maioría –á vez que ameazaba con solicitar o apoio dos mariños neste caso–.[46][47][41][48][49] Lunacharski, en defensa do acordo,[30] opúxose a excluír ás dumas, elixidas por sufraxio universal e que consideraba necesarias para garantir a administración do Estado, así como ao uso da forza ou do terror para manterse no poder.[46][41] Recibiu o apoio de Viktor Noguín,[41] que criticou a ausencia dos soviets de menxeviques e socialrevolucionarios, xa que esta volvíanos inútiles, e de David Riazánov,[30][50] que temía que o rexeitamento do pacto lles privara do apoio dos socialrevolucionarios de esquerda e invalidara a promesa dun Goberno soviético.[46] Trotski, pola súa banda, tomou partido por Lenin e atacou con dureza aos moderados.[41][30][45]

Viktor Noguín.

Aínda que os moderados mostráronse dispostos a continuar as negociacións e tratar de modificar o acordo acadado,[51] Lenin indicou que as conversas só debían continuar como estrataxema para facilitar as operacións militares contra Kerenskii,[52][47][53][24][54] xa que estaba convencido de que os outros partidos socialistas non aceptarían aos soviets como base do goberno nacional.[53] Pola súa banda, Trotski indicou que un acordo cos menxeviques só serviría para complicar as actividades gobernamentais dos bolxeviques.[52] Iakov Sverdlov suxeriu o uso dun incidente para poñer fin ás negociacións.[52] A votación final concluíu con dez votos favorables[24] a continuar[43] dialogando cos adversarios socialistas e catro opostos a facelo.[52][47][55] A pesar disto, o comité aprobou certas condicións[54][56] propostas por Lenin: a aceptación do poder político soviético[53] e do II Congreso e os seus decretos,[55] a responsabilidade do Goberno ante o Comité Executivo Central,[55] a exclusión deste das organizacións que non fosen soviets,[55] a inclusión de si mesmo e de Trotski no gabinete, e a loita contra as forzas contrarrevolucionarias, incluído Kerenskii.[52] Estas condicións mínimas debían servir para poñer de manifesto a imposibilidade[57][56] —sinalada por Trotski—[48] de chegar a un acordo cos moderados sen acabar á vez coa posibilidade de alianza cos socialrevolucionarios de esquerda.[55]

A posición bolxevique aprobada na reunión do Comité Central presentouna pouco despois esa mesma noite V. Volodarski,[56] máis próximo ás teses de Lenin, ante o Comité Executivo Central, para desilusión dos partidarios do acordo cos demais partidos, que crían nas perspectivas dun pacto inmediato.[58] A maioría bolxevique no Comité Executivo asegurou a aprobación da moción proposta por Volodarski, aprobada ao final tamén cos votos dos socialrevolucionarios de esquerda, que primeiro intentaron en van presentar unha moción alternativa máis conciliadora.[59]

A retirada dos socialrevolucionarios[editar | editar a fonte]

Ante a reiteración da exixencia bolxevique de que o poder residise só nos soviets, os delegados socialrevolucionarios retiráronse das conversas,[60] ás que só acudiron a partir de entón como observadores.[38] En realidade, o PSR participara nelas con aversión, obrigado polos ferroviarios; Kerenskii mostrárase receptivo ás propostas do Vikzhel só trala derrota nos outeiros de Pulkovo[44] Intransixentes nas sesións, apenas decidiron conceder aos bolxeviques unha parte do poder político do que estes xa se beneficiaban por completo.[44]

As discrepancias menxeviques[editar | editar a fonte]

Mentres Kamenev se enfrontaba á necesidade de tratar de convencer os seus correlixionarios de aceptar as dumas no novo Parlamento ou de que socialrevolucionarios e menxeviques admitisen as condicións engadidas por Lenin e aprobadas polo Comité Central bolxevique, os menxeviques partidarios do acordo enfrontábanse ao mesmo tempo aos seus propios rivais no partido.[52] O día anterior, apenas lograran aprobar unha resolución para continuar negociando cos bolxeviques por doce votos fronte a once.[52] A noite do 1 de novembroxul./ 14 de novembro de 1917greg. repetiuse o resultado e os defensistas decidiron dimitir do Comité Central, o que desataría unha grave crise das dúas correntes dos partido.[61] Para evitalo, a escasa maioría internacionalista decidiu facer concesións aos defensistas.[61] O Comité Central menxevique respondeu ao día seguinte ás condicións menxeviques con outras propias.[61] Incluían o rexeitamento de excluír as dumas e outras organizacións democráticas das novas Cortes –concesión aos defensistas para tratar de conseguir o seu apoio–, a liberación dos presos políticos arrestados nos días precedentes, o fin do terror político e a restauración de dereitos políticos como o dereito a folga, reunión, asociación e liberdade de prensa, o alto o fogo no conflito con Krasnov e Kerenskii e o traspaso dalgunhas tropas ás dumas para evitar pogromos e saqueos.[61]

Novo acordo, crise bolxevique e menxevique[editar | editar a fonte]

Lenin rexeitou estas condicións e logrou aprobar cunha maioría dun voto unha nova resolución[62] máis intransixente que a anterior o 2 de novembroxul./ 15 de novembrogreg..[61] A moción, rexeitada en balde polos moderados do Comité Central, esixía a súa presenza e a de Trotski no Goberno,[63] e indicaba que só as medidas do Sovnarkom eran compatibles coa expansión da revolución rusa por Europa.[62] Mediante a exixencia de condicións inaceptables para menxeviques e socialrevolucionarios, trataba de facer fracasar as negociacións, sen rexeitar abertamente o acordo orixinal.[64] Kámenev, cada vez con menos apoios no Comité Central bolxevique, tratou de desbloquear as negociacións presentando publicamente ante o Comité Executivo Central a segunda moción de Lenin; logo de protestar e permitir un receso, a oposición aprobou[65][66][48] a moción de Kámenev presentada en nome da delegación bolxevique.[64][67] Esta incluía o ingreso das dumas,[67] os sindicatos e representantes do congreso soviético campesiño e do Exército no novo Parlamento, a reserva de canto menos a metade dos escanos para os bolxeviques,[68] a inclusión[68][48] no novo Goberno de Lenin e Trotski e a cesión dos ministerios de Interior, Traballo e Exteriores ao seu partido.[64] A madrugada do 3 de novembroxul./ 16 de novembrogreg.,[69] a oposición aceptara[69] a moción de Kámenev ao coñecer as esixencias, moito maiores, de Lenin.[64]

O acordo no Comité Executivo Central supuxo un grave revés para a posición de Lenin, xa que a moción aprobada incluía as principais reivindicacións bolxeviques a cambio de conceder cincuenta escanos ás dumas.[64] Os moderados esperaban que obtivese o apoio maioritario do Comité Central bolxevique e menxevique e o das bases do partido.[64] Lenin, furioso por considerar que a actuación por parte dunha minoría contra unha moción aprobada infrinxía a disciplina do partido,[57][66] reaccionou entrevistando por separado a todos os membros do Comité Central e propoñendo a súa firma dun ultimato[48][57] dirixido aos moderados.[64][63][70][71] Lenin esixía o apoio ás súas posicións expresadas na moción[65][70][71] e a dimisión da oposición ou a toma por esta das rendas do Goberno e a súa propia exclusión.[72][63] Nove membros firmaron a proposta de Lenin.[65] Finalmente, Lenin ofreceu convocar un congreso extraordinario que decidise a posición do partido,[72] reto que non aceptaron os moderados.[73][74]

A Fortaleza de San Pedro e San Paulo, onde os ministros burgueses estaban retidos.

Pola súa banda, a situación era similar no partido menxevique: os defensistas esixiron unha conferencia do partido trala derrota das súas posicións no Comité Central.[72] As dúas correntes do partido enfrontáronse duramente e trataron de lograr a maioría na conferencia extraordinaria do 3 de novembroxul./ 16 de novembro de 1917greg..[72] Engarzáronse nun amargo debate no que cada unha presentouse como verdadeira representante do menxevismo.[75] Con forzas igualadas, a resolución final non adoptou claramente as teses dos partidarios dun acordo nin as dos que se opoñían a el; criticou timidamente a actuación do Comité Central e recomendou vagamente un cambio de actitude, sen indicar cal debía adoptarse.[76]

Porén, a proposta dos bolxeviques moderados aprobada polo Comité Executivo Central resultou inaceptable para a oposición, que expresou o seu rexeitamento na sesión do 3 de novembroxul./ 16 de novembrogreg. antes de lanzarse a criticar a represión bolxevique e a esixir de novo a formación dun novo gabinete responsable ante o «soviet popular provisional».[70]

Ante a continuación da represión política do Comité Militar Revolucionario, Mártov e Dan mostráronse incapaces de reunir apoio suficiente de menxeviques e socialrevolucionarios para soster o acordo.[76] Así, esixiron a fin da represión o 4 de novembroxul./ 17 de novembrogreg. como condición para seguir dialogando.[76][34][77][78] Os menxeviques esixían o fin do terror,[60][78] a liberación[60] dos ministros burgueses da Fortaleza de San Pedro e San Paulo e a fin das hostilidades —que Kerenskii xa aceptara—.[34] Esta manobra debía reforzar a súa posición no Comité Central e disipar as dúbidas de estar cedendo ante Lenin.[76] Lev Kámenev reaccionou esixindo ao Comité Militar Revolucionario que cesase a súa represión para permitir que seguisen as negociacións, de acordo á moción aprobada polo Comité Central días antes.[76] A fracción moderada opoñíase ao terror, criticaba o seu uso polo Sovnarkom e alertaba que podía conducir ao fracaso da revolución e á formación dun Goberno non responsable ante o pobo:

Defendemos a formación dun Goberno socialista que inclúa a todos os partidos socialistas. Entendemos que só existe unha alternativa: a conservación dun Goberno exclusivamente bolxevique mediante o terror político. Este é o camiño elixido polo Consello de Comisarios do Pobo. Non podemos nin desexamos seguir este camiño. Cremos que conducirá ao illamento das masas da dirección da vida política do país e á formación dun Goberno irresponsable. Levará á destrución da revolución e do país. Non podemos facernos responsables destas medidas e polo tanto dimitimos do Consello de Comisarios do Pobo e así o declaramos ante o Comité Executivo Central.
Noguin, Rýkov, Miliutin, Teodorovich, Riazanov, Dervishev, Arbuzov, Iurenev, Fiódorov, Larin, Shliapnikov.
5 de novembro de 1917 (Tradución do orixinal)[76]

Cinco[43] membros do Comité Central —Kámenev, Zinoviev, Rýkov, Noguin e Miliutin[70][57][71] e catro comisarios populares —Rýkov, Noguin, Teodorovich e Miliutin— dimitiron.[79][65][80][48] Kámenev abandonou a presidencia do Comité Executivo Central, que pasou a mans de Sverdlov.[48] As dimisións, acompañadas de cartas a distintas agrupacións bolxeviques de Kámenev, Zinóviev, Rýkov, Noguín ou Miliutin, trataban de involucrar ás bases do partido na posición ante as negociacións.[81] Os socialrevolucionarios de esquerda, en protesta polas medidas do Comité Militar Revolucionario, dimitiron deste entre o 4 de novembroxul./ 17 de novembrogreg. e o 5 de novembroxul./ 18 de novembrogreg..[27][82][83]

O rexeitamento do ultimato menxevique por parte de Lenin,[78] porén, bastou para poñerlles fin.[81] O 5 de novembroxul./ 18 de novembrogreg., o Vikzhel comunicou aos seus membros en Moscova o fracaso das negociacións e o seu regreso á capital.[27] Á sesión desa noite, os bolxeviques e os socialrevolucionarios de esquerda non se presentaron e os menxeviques e socialrevolucionarios, convencidos da próxima desintegración do partido bolxevique polas dimisións dos moderados e cada vez máis opostos a un acordo con estes pola represión do Comité Militar Revolucionario, presentáronse sen intención de pactar.[73] A última sesión tivo lugar o 7 de novembroxul./ 20 de novembrogreg. e a ela non acudiron xa os representante bolxeviques.[84][83] Nese momento, estaban aprobando no Comité Executivo Central o permiso ao Sovnarkom para que gobernase por decreto.[83] A posición leninista gañara forza durante os últimos días entre o proletariado da capital.[73] Tanto a reunión do Comité bolxevique de Petersburgo como as delegadas da Primeira Conferencia de Obreiras de Petrogrado ou a Xunta Sindical de Petrogrado —os dous últimos inicialmente favorables ás posicións dos moderados bolxeviques— expresaron o seu apoio á posición de Lenin durante os últimos días das negociacións.[85] Por outra banda, a forza do Vikzhel era menor do que aparentaba: o Comité Executivo non podía impoñer o seu criterio a todos os ferroviarios e os partidarios dos bolxeviques abundaban, especialmente entre os traballadores dos talleres e en Moscova.[86]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 1,5 1,6 Pethybridge 1972, p. 51.
  2. 2,0 2,1 2,2 Radkey 1963, p. 64.
  3. 3,0 3,1 Daniels 1997, p. 208.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 4,5 4,6 4,7 Brovkin 1991, p. 21.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 Melancon 1997, p. 72.
  6. Schapiro 1965, p. 69.
  7. 7,0 7,1 Deutscher 1997, p. 330.
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 Daniels 1997, p. 209.
  9. 9,0 9,1 9,2 9,3 9,4 9,5 9,6 9,7 Chamberlin 1976, p. 329.
  10. 10,0 10,1 Radkey 1963, p. 63.
  11. 11,0 11,1 11,2 11,3 Carr 1966, p. 393.
  12. 12,0 12,1 12,2 12,3 12,4 12,5 Rabinowitch 1978, p. 308.
  13. 13,0 13,1 13,2 13,3 13,4 Getzler 1967, p. 168.
  14. 14,0 14,1 14,2 14,3 Rabinowitch 2007, p. 26.
  15. 15,0 15,1 15,2 15,3 Schapiro 1965, p. 70.
  16. 16,0 16,1 16,2 Radkey 1963, p. 65.
  17. 17,0 17,1 Felstinsky 1988, p. 43.
  18. 18,0 18,1 18,2 18,3 Carr 1966, p. 392.
  19. Felstinsky 1988, pp. 42-43.
  20. 20,0 20,1 Schapiro 1965, p. 71.
  21. 21,0 21,1 21,2 21,3 21,4 21,5 Melancon 1997, p. 73.
  22. 22,0 22,1 22,2 Rabinowitch 2007, p. 27.
  23. 23,0 23,1 23,2 23,3 Radkey 1963, p. 66.
  24. 24,0 24,1 24,2 24,3 24,4 24,5 24,6 24,7 Daniels 1997, p. 210.
  25. 25,0 25,1 25,2 25,3 25,4 25,5 25,6 Felstinsky 1988, p. 44.
  26. 26,0 26,1 26,2 26,3 Rabinowitch 2007, p. 28.
  27. 27,0 27,1 27,2 27,3 27,4 Melancon 1997, p. 74.
  28. 28,0 28,1 28,2 28,3 28,4 Rabinowitch 1978, p. 309.
  29. 29,0 29,1 29,2 29,3 29,4 29,5 29,6 29,7 Brovkin 1991, p. 22.
  30. 30,0 30,1 30,2 30,3 30,4 30,5 30,6 Deutscher 1997, p. 331.
  31. 31,0 31,1 31,2 31,3 31,4 Brovkin 1991, p. 23.
  32. 32,0 32,1 32,2 Rabinowitch 2007, p. 29.
  33. 33,0 33,1 33,2 33,3 Felstinsky 1988, p. 45.
  34. 34,0 34,1 34,2 34,3 Getzler 1967, p. 169.
  35. 35,0 35,1 35,2 Radkey 1963, p. 67.
  36. 36,0 36,1 36,2 Radkey 1963, p. 69.
  37. Radkey 1963, p. 68.
  38. 38,0 38,1 Radkey 1963, p. 70.
  39. 39,0 39,1 39,2 39,3 39,4 Rabinowitch 2007, p. 30.
  40. 40,0 40,1 40,2 40,3 40,4 Brovkin 1991, p. 24.
  41. 41,0 41,1 41,2 41,3 41,4 41,5 Rabinowitch 2007, p. 31.
  42. 42,0 42,1 Radkey 1963, p. 71.
  43. 43,0 43,1 43,2 Pethybridge 1972, p. 52.
  44. 44,0 44,1 44,2 44,3 Radkey 1963, p. 72.
  45. 45,0 45,1 Felstinsky 1988, pp. 45-46.
  46. 46,0 46,1 46,2 Brovkin 1991, p. 25.
  47. 47,0 47,1 47,2 Schapiro 1965, p. 74.
  48. 48,0 48,1 48,2 48,3 48,4 48,5 48,6 Daniels 1997, p. 211.
  49. Felstinsky 1988, p. 46.
  50. Felstinsky 1988, p. 47.
  51. Rabinowitch 2007, p. 35.
  52. 52,0 52,1 52,2 52,3 52,4 52,5 52,6 Brovkin 1991, p. 26.
  53. 53,0 53,1 53,2 Deutscher 1997, p. 332.
  54. 54,0 54,1 Carr 1966, p. 118.
  55. 55,0 55,1 55,2 55,3 55,4 Rabinowitch 2007, p. 36.
  56. 56,0 56,1 56,2 Felstinsky 1988, p. 49.
  57. 57,0 57,1 57,2 57,3 Carr 1966, p. 119.
  58. Rabinowitch 2007, p. 37.
  59. Felstinsky 1988, pp. 49-50.
  60. 60,0 60,1 60,2 Schapiro 1965, p. 72.
  61. 61,0 61,1 61,2 61,3 61,4 Brovkin 1991, p. 27.
  62. 62,0 62,1 Rabinowitch 2007, p. 38.
  63. 63,0 63,1 63,2 Schapiro 1965, p. 75.
  64. 64,0 64,1 64,2 64,3 64,4 64,5 64,6 Brovkin 1991, p. 28.
  65. 65,0 65,1 65,2 65,3 Rabinowitch 1978, p. 310.
  66. 66,0 66,1 Deutscher 1997, p. 333.
  67. 67,0 67,1 Rabinowitch 2007, p. 39.
  68. 68,0 68,1 Rabinowitch 2007, p. 40.
  69. 69,0 69,1 Felstinsky 1988, p. 52.
  70. 70,0 70,1 70,2 70,3 Rabinowitch 2007, p. 41.
  71. 71,0 71,1 71,2 Felstinsky 1988, p. 53.
  72. 72,0 72,1 72,2 72,3 Brovkin 1991, p. 29.
  73. 73,0 73,1 73,2 Rabinowitch 2007, p. 42.
  74. Deutscher 1997, p. 334.
  75. Brovkin 1991, p. 30.
  76. 76,0 76,1 76,2 76,3 76,4 76,5 Brovkin 1991, p. 32.
  77. Deutscher 1997, p. 337.
  78. 78,0 78,1 78,2 Felstinsky 1988, p. 58.
  79. Getzler 1967, p. 170.
  80. Schapiro 1965, p. 77.
  81. 81,0 81,1 Brovkin 1991, p. 33.
  82. Schapiro 1965, p. 78.
  83. 83,0 83,1 83,2 Daniels 1997, p. 212.
  84. Schapiro 1965, p. 79.
  85. Rabinowitch 2007, p. 43.
  86. Pethybridge 1972, p. 53.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]