Pico Urriellu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Naranjo de Bulnes»)

Coordenadas: 43°12′00″N 4°49′00″O / 43.2, -4.8166694444444

A cara oeste do pico dende a Vega de Urriellu.

O Pico Urriellu (en asturiano: Picu Urriellu), tamén coñecido como Naranjo de Bulnes, é un pico calcario de orixe paleozoica situado no Macizo Central dos Picos de Europa, España. Entre os habitantes da zona é coñecido como “Picu Urriellu”, denominación derivada do nome do Macizo Central como “Los Urrieles”. Administrativamente o Naranjo de Bulnes atópase situado no concello asturiano de Cabrales e dentro do Parque Nacional dos Picos de Europa.

A primeira referencia escrita ao Pico Urriellu como Naranjo de Bulnes débese ao enxeñeiro e xeólogo alemán Guillermo Schulz Schweizer que en 1855 editou o primeiro mapa topográfico e xeolóxico de Asturias. Así a todo, a orixe desta denominación non está clara, xa cos habitantes da zona historicamente sempre se refiriron ao Naranjo como Picu Urriellu. Talvez sexa debido á cor alaranxada da pedra calcaria da que está formado.

Ten unha altitude de 2518 metros e aínda que non se trata do pico máis alto do Cordal Cantábrico, pode ser considerado como un dos seus curutos máis coñecidos, así como un dos cumios emblemáticos do alpinismo español. Especialmente polos 550 metros de parede vertical da súa cara oeste. Na súa base atópase a Vega de Urriellu, un val de orixe glaciar cuaternario.

Escaladas históricas[editar | editar a fonte]

A primeira escalada levouse a cabo pola súa cara norte (pola coñecida actualmente como Vía Pidal) o 5 de agosto de 1904 por Pedro Pidal e Bernaldo de Quirós, Marqués de Villaviciosa de Asturias acompañado polo pastor Gregorio Pérez “El Cainejo”, natural da vila de Caín (León).

O doutor en xeoloxía e experimentado alpinista alemán Gustav Schulze levou a cabo a segunda ascensión ao Naranjo o 1 de outubro de 1906 tamén pola cara norte. Sendo esta a primeira ascensión en solitario do pico. Foi tamén o primeiro en empregar chavellas para descender en rápel pola cara sur. Habituado ás longas paredes dos Alpes e Dolomitas calificou esta escalada como curta e difícil.

Pola mesma cara e ruta de Pidal ascendeŭ o 31 de agosto de 1916 Víctor Martínez Campillo natural do próximo pobo de Bulnes. Nesta escalada Víctor recolleu parte da corda que Pedro e Gregorio deixaran encaixada na roca no seu descenso do cume. O 22 de setembro de 1923 Víctor repite a mesma ascensión.

O 19 de agosto de 1924 tamén Víctor Martínez Campillo abre unha nova ruta máis sinxela e situada á esquerda da cara Sur coñecida como Vía Víctor.

O 8 de agosto de 1928 Manuel Martínez Campillo (primo de Víctor) abre unha nova vía coñecida coma do Paso Horizontal. Esta vía estaba situada á dereita da cara sur e pasa a ser unha das máis utilizadas.

Pico Urriellu dende o Collado Vallejo.

O 13 de agosto de 1944 dous fillos de Víctor Martínez (Alfonso y Juan) abren na cara sur a que é coñecida como “Vía Sur” ou “Directa de los Martínez” unha das máis utilizadas e seguras.

O 23 de marzo de 1954 Antonio Moreno, Rafael Pellús, Máximo Serna e Agustín Faus do Grupo de Alta Montaña de Peñalara intentan a primeira escalada invernal. O intento queda frustrado pola ameaza de avalanchas de neve.

O 8 de marzo de 1956 Angel Landa do Grupo Alpino Turista de Barakaldo e Pedro Udaondo, do Grupo de Montaña Juventus de Bilbao conseguen coronar o pico por primeira vez en condicións invernais.

O 21 de agosto de 1962 oos alpinistas aragoneses Alberto Rabadá e Ernesto Navarro ascenden ao Pico por primeira vez a través da difícil cara Oeste.

Como chegar á base[editar | editar a fonte]

Existen moitas formas de alcanzar a zona da Vega de Urriellu. Quizais a máis sinxela consiste en deixar o coche na vila de Sotres. Desde aí camiñando pola pista existente hai que dirixirse aos invernais de Cabao, despois crúzase o río Duje e dende alí ascéndese ata o outeiro de Pandébano onde finaliza a pista e comeza o sendeiro. Unha vez no sendeiro hai que dirixirse ao curro da Terenosa (onde se atopa o refuxio do mesmo nome). Dende esta zona acdamos o outeiro Vallejo onde a ruta vira ao sur e dende xa se pode divisar o “Picu Urriellu”. A partir de alí a ruta ascende serpeando ata a Vega de Urriellu onde está situado o refuxio do mesmo nome a 1960 metros de altitude.

O outeiro de Pandébano tamén se pode alcanzar dende a vila de Bulnes, dende alí só se pode acceder mediante funicular ou sendeiro. Aínda que a maneira máis directa de chegar á Vega de Urriellu dende Bulnes sexa a través do canal de Balcosín e o curro de Camburero, no entanto esta senda é de maior dificultade.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]