Nakajima Kikka

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Nakajima Kikka
Kikka Orange Blossom Kikka-10.jpg
Kikka
Tipo Bombardeiro de ataque
Fabricante Nakajima
Primeiro voo 7 de agosto de 1945
Estado prototipo
Construídos 2

O Nakajima Kikka (中島 橘花 flor de azahar) foi o primeiro reactor de combate xaponés. Foi un prototipo de bombardeiro de ataque desenvolvido a finais da Segunda Guerra Mundial que só voou unha única vez.

Comezouse a deseñar en setembro de 1944 tras recibirse en Xapón informes do Me 262 alemán. O deseño seguiu as mesmas pautas, pero foi pensado como bombardeiro de ataque e tiña as ás plegables para poder agachalo en túneles e covas. Fixo o seu primeiro vóo o 7 de agosto de 1945, un día despois do ataque a Hiroshima.

Historia[editar | editar a fonte]

O seu primeiro prototipo comezou as probas en terra na fábrica de Nakajima o 30 de xuño de 1945. Durante o seguinte mes foi desmontado e enviado ao á base naval de Kisarazu, onde sería montado novamente e preparouse para as probas de voo. O seu primeiro voo tivo lugar o 7 de agosto de 1945, aos mandos do capitán de corbeta Susumu Takaoka. O avión comportouse ben durante esta primeira proba de 20 minutos, sendo a única preocupación a distancia da súa carreira de despegue. Para o segundo voo, catro días despois, instaláronse unidades de foguetes para asistencia ao despegue (RATO). Debido a que a súa alineación calculouse mal, o piloto erroneamente pensou que non se activaran e apagou os motores principais para abortar o despegue. Como resultado o avión non despegou de todo e danouse ao sair da pista. Antes de que puidese ser reparado Xapón rendeuse e a guerra rematou.

Nesas datas o segundo prototipo estaba case rematado, e entre 18 e 25 fuselaxes estaban en construción; un deles era un adestrador de dous asentos. Outras versións propostas para o modelo eran un avión de recoñecemento e un caza armado con dous canóns de 30 mm Type 5, con 50 proxectís cada un. Agardábase que estes fosen impulsados por versións máis avanzadas do motor Ne-20, coñecidas como Ne-20-Kai ou Ne-120, das cales se agardaban entre un 20 e un 30% máis de potencia que o Ne-20.