Nakajima J1N

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
書.svg Esta páxina contén texto en xaponés.
Se o seu navegador non está axeitadamente configurado pode ver caracteres estraños.
Nakajima J1N Gekko
Nakakima J1N1-R.jpg
J1N1-R de recoñecemento
Tipo caza
Fabricante Nakajima
Primeiro voo maio de 1941
Introducido 1942
Retirado 1945
Construídos 479


O Nakajima J1N Gekko (月光, luz de lúa) foi un caza bipraza xaponés usado durante a Segunda Guerra Mundial. Foi deseñado en 1938 como caza pesado e de escolta lonxana e voou por primeira vez en maio de 1941. Foi desenvolvida posteriormente unha versión de recoñecemento, denominada J1N1-C, pero cando a situación de Xapón comezou a empeorar varios avións foron reconvertidos en caza nocturno. A súa produción foi de 479 exemplares e foi alcumado como "Irving" polos aliados.

Deseño[editar | editar a fonte]

A mediados de 1938 a Armada Imperial Xaponesa requeriu un caza bimotor para ser usado como escolta do seu principal bombardeiro na época, o Mitsubishi G3M "Nell". O alcance operativo do seu caza estándar, o Mitsubishi A5M "Claude", era de só 1.200 quilómetros, insuficiente en comparación cos 4.400 quilómetros que podía acadar o G3M. Por outra banda, o potencial do "Zero", que aínda estaba a ser desenvolvido nese tempo, aínda non fora evaluado, polo que se precisaba dun escolta de longo alcance.

En marzo de 1939 Mitsubishi e Nakajima comezaron a desenvolver o proxecto 13-Shi. O prototipo saíu da fábrica en marzo de 1941 equipado con dous motores Nakajima Sakae 21/22. Tiña unha tripulación de tres homes e estaba armado cun canón de 20 mm Tipo 99 e seis metralladoras Tipo 97 de 7,7 mm. Catro das metralladoras estaban montadas nunha torreta, e o peso da mesma reducía as prestacións do avión considerablemente. Debido á súa pouca maniobrabilidade o seu uso como caza de escolta tivo que ser abandonado. Porén, autorizouse a produción da variante de recoñecemento lixeiro, o J1N1-C. Unha das primeiras variantes, a J1N1-F, tiña unha torreta esférica cun canón de 20 mm Type 99 Model 1 montado inmediatamente detrás do piloto.