Naengmyeon

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O naengmyeon, tamén transliterado naeng-myeon, naengmyun e naeng-myun, é un prato coreano. Orixinalmente unha exquisitez invernal do norte de Corea (actualmente Corea do Norte), tornouse extremadamente popular en todo o país durante o verán. Consiste en diversas variedades de fideos finos elaborados a man feitos tipicamente de fariña de kudzu (칡 냉면, chilk naengmyeon) ou trigo sarraceno (메밀 냉면, memil naengmyeon), se ben tamén hai versións precociñadas de alga e té verde, e sérvese tradicionalmente nun gran cunco de aceiro cun caldo espeso ácido, verdura crúa en xuliana, trozos de pera coreana e ás veces ovo duro ou tenreira fría. Con frecuencia se lle bota antes de tomalo mostaza picante e vinagre. O naengmyeon precociñado inclúe un pequeno envase plástico de aceite de mostaza.

Variedades[editar | editar a fonte]

Existen dúas variedades principais de naengmyeon: o mul naengmyeon (물 냉면) e o bibim naengmyeon (비빔 냉면). A primeira sérvese como unha sopa fría con fideos en caldo (normalmente de tenreira). A segunda sérvese máis como unha ensalada cun aliño picante feito principalmente a partir de gochujang. No caso do bibim naengmyeon, sérvese normalmente para acompañar unha cunca do caldo usado para o mul naengmyeon. Aínda que estas son as dúas variedades principais do prato, existen varias máis, cambiando tipicamente a composición do caldo do mul naengmyeon, a carne ou verdura engadida aos fideos...

Outras variedades de naengmyeon son o hoe naengmyeon (회 냉면) e o yeolmu naengmyeon (열무 냉면). A primeira sérvese con hoe, peixe cru e aliño de pemento picante, e a segunda sérvese xunto co yeolmu kimchi (kimchi de ravo pequeno fermentado coas súas follas) en caldo frío.

Bibim naengmyeon.

O naengmyeon asóciase tipicamente con Corea do Norte, especialmente coas cidades de Pyongyang e Hamhung, de onde se di que proceden as dúas variedades máis famosas.

Naengmyeon fóra de Corea[editar | editar a fonte]

O prato coñecese como reimen (, literalmente ‘fideos fríos’) no Xapón e é unha especialidade local de Morioka, unha cidade da prefectura de Iwate do norte de Honshu, a onde os coreanos emigraron desde os anos 1950. En 1954 Yang Yong Chul emigrou a Morioka e abriu a primeira tenda de naengmyeon no Xapón. Desde entón os seus descendentes manteñen a tradición.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Naengmyeon Modificar a ligazón no Wikidata