NGC 3603

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
NGC 3603
Imaxe de NGC 3603 tomada polo Telescopio Espacial Hubble.
Datos para a observación
Época= X2000,0
Constelación Carina
Ascensión recta 11h 15m 09.1s[1]
Declinación -61° 16′ 17″[1]
Distancia 20 k al[2] (7,6 kpc[3])
Magnitude aparente 9,1[1]
Tamaño aparente 3′[2]
Notas
Particularidades notables A rexión central é o cúmulo novo HD 97950[1]

NGC 3603 é un cúmulo estelar aberto e tamén unha rexión HII situado no brazo espiral de Carina-Saxitario, na Vía Láctea, a uns 20.000 anos-luz de distancia do Sistema Solar. NGC 3603 estivo suxeito a un intenso estudo durante máis dun século debido a ser unha rexión activa na formación de novas estrelas e sobre todo pola súa proximidade, brillo e definición visual.[4]

Foi observado por John Herschel o 14 de marzo de 1834 durante a súa viaxe a Suráfrica, quen remarcou que "é un obxecto notable ... posiblemente un cúmulo globular". Herschel catalogouno coma a nebulosa 3334 no seu libro Results of Astronomical Observations made at the Cape of Good Hope, publicado no ano 1847. No ano 1864 a Royal Society publicou o seu General Catalogue of Nebulae and Clusters, no que foi catalogado co número 2354. Posteriormente foi incorporado ó New General Catalogue por J. L. E. Dreyer coma NGC 3603.[5]

Características[editar | editar a fonte]

Está rodeado da nube visible de gas incandescente e plasma máis masiva da Vía Láctea, o cúmulo tamén é recoñecido por ser unha rexión H II.[6] HD 97950[7] é a estrela central deste cúmulo estelar, que é a concentración máis densa de estrelas masivas que se coñece dentro da nosa galaxia.[8] A forte radiación ultravioleta e os ventos estelares varreron o gas e o po circundante, outorgándonos unha visión moi nítida e clara do cúmulo.[9]

Dentro do cúmulo foron detectadas tres prominentes estrelas Wolf-Rayet.[10] Estas tres estrelas masivas foron observadas e a súa masa solar medida, grazas ó uso do Very Large Telescope. A máis grande das tres, NGC 3603-A1 é unha estrela dobre azul que orbita en torno a si mesma unha vez cada 3,77 días. A suma das dúas estrelas dá unha masa solar que é 200 veces máis grande cá masa solar do noso Sol: (A1-a) é a estrela máis masiva coñecida da nosa galaxia, cunha masa estimada de 116 masas solares, mentres que o seu compañeiro (A1-b ) ten unha masa de 89 masas solares.[11]

NGC 3603 é visible a través dun telescopio coma unha pequena nebulosidade bastante insignificante cun ton amarelado, debido ós efectos de absorción interestelar. A mediados da década de 1960 estudos ópticos, que coincidiron no tempo, feitos en base a observacións radioastronómicas, amosaron que o cúmulo era unha fonte moi forte de radiación térmica. Observacións posteriores noutras galaxias introduciron o concepto de zonas 'nacemento de estrelas', nalgúns casos, galaxias enteiras, zonas de formación de estrelas cunha velocidade de formación moi alta, e NGC 3603 é agora considerado coma unha destas rexións. NGC 3603 foi considerado un caso 'xemelgo' por algúns autores do gran cúmulo 30 Doradus, na Gran Nube de Magallanes, pero sen o halo enorme que circunda a esta última.[12]

En 1987, unha supernova (coñecida coma SN 1987A) tivo lugar na Gran Nube de Magallanes. Esta foi a primeira supernova que ocorreu o suficiente preto para a observación detallada dende telescopios instalados en satélites. Un dos resultado foi o descubrimento de que, antes da explosión principal, a supernova que tiña expulsado cara a fóra unha cantidade relativamente pequena de material cun patrón moi definido, un pouco coma unha especie dun patrón en forma de reloxo de area (perpendicular ó plano da estrela) que derivaba nun distante e illado anel de brillante. Nunha estrela de NGC 3603 (Sher 25, o número vén de observacións ópticas feitas na década de 1960) tamén se atopou que expulsará cara a fóra materia cun patrón semellante ó que se atopou na supernova 1987A. Esta coincidencia ten espertado grande interese.

Descubrimentos recentes[editar | editar a fonte]

Foron observados nove obxectos nas bandas J e H que exhiben propiedades semellantes ás ananas marróns pero que son demasiado luminosos para a distancia a que está o cúmulo. Os obxectos foron propostos coma ananas marróns (ou obxecto semellantes, en fronte o cúmulo) ou coma estrelas que recentemente enguliron un planeta.[13]

Galería[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 "SIMBAD Astronomical Database". Results for NGC 3603. Consultado o 28-11-2006. 
  2. 2,0 2,1 "Star Cluster Bursts into Life in New Hubble Image - Fast Facts". Arquivado dende o orixinal o 19-09-2015. Consultado o 07-10-2007. 
  3. The Massive Star Content of NGC 3603, Melena et al. (2008)
  4. Harayama,Yohei: The IMF of the massive star-forming region NGC 3603 from NIR adaptive optics observations, Ludwig Maximilian University of Munich, Xaneiro do 2007, p.11-12 Arquivado 05 de xaneiro de 2011 en Wayback Machine.
  5. Sher, D. (1965). "The Curious History of NGC 3603". Journal of the Royal Astronomical Society of Canada 59: 67–70. Bibcode:1965JRASC..59...67S. 
  6. Brandl, B.; Brandner, W; Grebel, E. K. & Zinnecker, H. (decembro de 1999). "VLT/ISAAC and HST/WFPC2 observations of NGC 3603.". The Messenger (European Organisation for Astronomical Research in the Southern Hemisphere, Garching, Germany) 98: 46–49. 
  7. KH Hofmann, G Weigelt, W Seggewise: "Resolution and evolution of the core of the giant HII region NGC 3603"(Symposium-International Astronomical Union, 1995)[1] Arquivado 25 de maio de 2011 en Wayback Machine.
  8. Drissen, L., Moffat, A.F.J., Walborn, N.R. and Shara, M.M. The dense galactic starburst NGC 3603. I. HST/FOS spectroscopy of individual stars in the core (Astronomical Journal v.110, p.2235)
  9. "Copia arquivada". Arquivado dende o orixinal o 29 de outubro de 2015. Consultado o 06 de outubro de 2013. 
  10. C. G. De Pree, Melissa C. Nysewander, & W. M. Goss: NGC 3576 and NGC 3603: Two Luminous Southern H Ii Regions Observed At High Resolution With The Australia Telescope Compact Array, Astronomical Journal, University of Chicago Press, June 1999, Vol. 117, p.2916
  11. Bates, Claire: Pictured: The cosmic factory that created the largest known star in our galaxy, Daily Mail, Londres, 4 de febreiro do 2010 [2]
  12. Bibcode: 1989A&A...213...89M
  13. Detection of brown dwarf-like objects in the core of NGC3603, Loredana Spezzi, et.al

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]